David Polo (1º pola esquerda) e Jesús López Romalde (3º) participan na investigación. Foto: USC.
David Polo (1º pola esquerda) e Jesús López Romalde (3º) participan na investigación. Foto: USC.

Científicos de Santiago, nun proxecto que vixía o SARS-CoV-2 en 30 depuradoras

Jesús L. Romalde e David Polo, do equipo de Viroloxía Ambiental da USC, participan nun proxecto apoiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica

A detección e anticipación fronte ao SARS-CoV-2 a través da análise de augas residuais é unha das liñas de traballo que tomou importante pulo desde as primeiras semanas da pandemia da Covid-19. Os científicos Jesús L. Romalde e David Polo, do equipo de traballo en Viroloxía Ambiental do grupo en Patoloxía da Acuicultura, da USC, participan nunha investigación que vai analizar periodicamente a concentración do material xenético do virus SARS-CoV-2 na entrada de 30 estacións de augas residuais repartidas por toda España, e que acaba de impulsar o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

“Diferentes estudos de varios países, incluída España, demostraron que o material xenético do SARS-CoV-2 pode ser detectado en augas residuais antes do ingreso de pacientes da Covid-19 nos hospitais, o que indica que estas augas poden constituír un sistema de alerta temperá efectivo para a detección de posibles brotes, así  como para a toma de decisións dende o punto de vista da saúde pública”, explica o profesor Romalde. Neste proxecto tamén participan científicos da Universidade de Barcelona e do CSIC.

Sete depuradoras galegas serán analizadas para alertar de rebrotes da Covid-19

A vixilancia da concentración do material xenético nas 30 estacións de augas residuais complementa diversos proxectos xa en desenvolvemento por parte das Comunidades Autónomas e as Entidades Locais. “Proponse, asemade, establecer unha plataforma de intercambio de información sobre as actividades de seguimento a nivel estatal e rexional que permita compartir os datos e contribúa a un sistema de alerta temperá para a detección precoz do SARS-CoV-2 en España”, continúa Romalde.

Confirman a presenza do SARS-CoV-2 nas augas residuais da Coruña

Criterios de selección

A selección das localizacións das estacións de depuración realizouse tomando en consideración a distribución xeográfica e a relación con outros municipios debido á mobilidade das persoas; a incidencia previa da Covid-19, con maior influencia en poboacións grandes e con interaccións importantes dentro delas; a representatividade de diferentes tipos de poboación; a coordinación cos proxectos en execución polas Comunidades Autónomas e Entidades Locais; así como outros criterios como a representatividade xeográfica e climatolóxica.

Romalde e Polo colaboran tamén noutros proxectos internacionais co Reino Unido, como o financiado polo Engineering and Physical Science Council (EPSRC) xunto á universidade de Newcastle, Northumbrian Waters and Labaqua de SUEZ Corporation, ou o financiado polo Natural Environment Research Council (NERC).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.