Venres 19 Abril 2024

Tres científicos galegos obteñen 1,5 millóns da Fundación la Caixa

Manuel Irimia, Xosé Bustelo e Marisol Soengas obterán 500.000 euros para cadanseu proxecto sobre diabetes, melanoma e linfoma

A Fundación la Caixa anunciou este martes a resolución da convocatoria de Investigación en Saúde, coa que se financiará 25 proxectos de ciencia biomédica de excelencia, co obxectivo de fortalecer a loita conta as enfermidades de maior impacto no mundo: as doenzas cardiovasculares, neurolóxicas, infecciosas e oncolóxicas.

Aínda que ningún grupo de investigación baseado en Galicia obtivo apoio na convocatoria, tres científicos do país recibirán cadansúa axuda de case 500.000 euros para afondar nas súas liñas de traballo. Trátase de Manuel Irimia, do Centro de Regulación Xenómica (CRG) de Barcelona, Marisol Soengas, do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) de Madrid, e de Xosé Bustelo, do Centro de Investigación do Cancro (CIC) de Salamanca.

Publicidade

Diabetes

O proxecto de Irimia analizará o papel de pequenos fragmentos do material xenético (microexóns) que modifican a función das proteínas nas células beta para atopar novas dianas terapéuticas para tratar a diabetes. Segundo explica la Caixa, “as células beta son un tipo de células do páncreas que se encargan de sintetizar e segregar insulina, a hormona que controla os niveis de glicosa en sangue. Cando estas células están danadas a persoa desenvolve diabetes, un dos maiores retos para a saúde pública”.

Os científicos investigan os mecanismos moleculares implicados na regulación destas células para prever o risco xenético a desenvolver diabetes, á súa vez un factor de risco importante para a enfermidade cardiovascular.

Melanoma

Pola súa parte, Marisol Soengas, experta de referencia internacional no estudo do melanoma, afondará nos mecanismos que modulan o sistema inmunitario e que inflúen na capacidade de metástase do melanoma, a través da identificación de novos xenes responsables da progresión deste tipo de tumor.

O melanoma é o tumor de pel máis agresivo. As lesións de pouco máis dun milímetro de grosor xa teñen a capacidade de estenderse polo organismo e as metástases adoitan ser a principal causa de mortalidade. A investigación permitiu mellorar a supervivencia destes pacientes, con todo, non existen marcadores moleculares para predicir o prognóstico da enfermidade e prever as primeiras fases do proceso de diseminación.

Linfoma

No caso de Xosé Bustelo, o proxecto liderado polo científico padronés centrarase no estudo dunha serie de alteracións xenéticas do xene RHOA que se atopan en alta frecuencia en linfomas derivados dos linfocitos T. O cancro caracterízase por presentar un gran número de alteracións nos xenes. Con todo, ata o de agora, só se coñece o papel dun número reducido delas no desenvolvemento e progresión maligna do cancro.

Os linfocitos T son un tipo de células do sistema inmunitario encargadas de recoñecer e destruír células do noso organismo que se converteron en cancerosas ou fosen infectadas por virus. Tamén favorecen as respostas doutras células do noso sistema inmune como son os linfocitos B. Con todo, nalgúns casos os linfocitos T sofren alteracións xenéticas que os levan a converterse en células cancerosas. Os tumores derivados destas células, denominados linfomas, caracterízanse por mostrar unha baixa supervivencia a curto prazo e por carecer de tratamentos efectivos.

Ademais de contribuír a unha mellor comprensión de como se orixina este tipo tumoral, espérase que este estudo revele información ata o de agora descoñecida que permita estratificar e tratar mellor aos pacientes afectados deste tipo de cancro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático