Venres 19 Abril 2024

Científicos da USC conseguen controlar os andamios das células sintéticas

A investigación de Alejandro Méndez e Alfonso Bayón abre a porta a imitar os mecanismos de organización das células en sistemas naturais

Científicos da USC no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) traballan en crear un citoesqueleto ‘artificial’ para explicar o comportamento e evolución das células e servirse da química para resolver problemas biolóxicos. “No noso proxecto de construción do esqueleto de células sintéticas, conseguimos controlar os seus sistemas de andamios”, explica o investigador principal Javier Montenegro. O traballo, publicado na revista Angewandte Chemie, constitúe unha nova e importante aproximación ao coñecemento sobre a orixe da vida e abre a porta para imitar os complexos mecanismos de reorganización do espazo celular en sistemas naturais. Avanzar no estudo sobre a nosa creación e a terapia xénica son campos aos que este descubrimento achega valor.

Dende o descubrimento da célula como unidade de vida mínima, a comunidade científica sempre estivo fascinada polas complexas capacidades de adaptación, mobilidade e división que os sistemas celulares son capaces de realizar autonomamente. Unha peza chave nestes procesos é o citoesqueleto, unha sofisticada maquinaria celular que constrúe listóns moleculares capaces de dar sustento e mover o recinto da célula. Un requisito fundamental é que a ensamblaxe destes andamios se leve a cabo en rexións ben definidas, de maneira que poda xerarse traballo direccional.

Publicidade

“No noso grupo de investigación descubrimos como podemos controlar a ensamblaxe molecular de análogos sintéticos mediante condicións e espazos ben definidos. Para iso, usamos técnicas de ensamblaxe baseadas en microfluídica, —dispositivos onde os líquidos se mesturan en canles que teñen diámetro menor a un milímetro— para axustar, mediante distintas condicións, listóns na periferia ou no núcleo de micropingas de auga en aceite”, explica Javier Montenegro.

Do mesmo xeito que o esqueleto humano determina a forma do noso corpo e que nos manteñamos en pé, o citoesqueleto dálle integridade estrutural á célula, ademais de participar na división celular, no seu movemento e no transporte de substancias no seu interior. “Na nosa liña de investigación, na que levamos traballando varios anos, analizamos a importancia que ten para as células contar cun citoesqueleto. E é que este conxunto de ósos non sempre formou parte das células, de feito, ata hai ao redor dunhas dúas décadas críase que apareceu nunha fase tardía da evolución”, xustifica o científico. Pero xa está comprobado que estaba presente nalgunhas bacterias e en células primixenias, provocando “moito balbordo científico“.

Dende o grupo que dirixe Montenegro tentan entender como funciona o citoesqueleto construíndoo no laboratorio e así ver os problemas que pode ter: por que ás veces non funciona, por que se se modifica minimamente nunha parte ou xa non funciona igual. “Facemos unha aproximación que se denomina  bottom-up, dende abaixo, fabricando os compoñentes esenciais de forma artificial e observando como se comportan”, detalla o químico galego.

Nesta colaboración internacional o científico Alejandro Méndez-Ardoy desprazouse á Universidade de Cambridge para aprender técnicas de manipulación microfluídica xunto a Chris Abell e así poder controlar de forma precisa os estímulos da  polimerización supramolecular. De volta en Santiago, baixo a supervisión do  profesor Juan Granja e do propio Montenegro, o estudante de doutoramento Alfonso Bayón e Méndez-Ardoy completaron o traballo que agora aparece reflectido no artigo publicado. A investigación implica reforzar os cimentos do edificio celular e dar resposta a cuestións de esencial importancia para a vida humana.


Referencia: Spatially Controlled Supramolecular Polymerization of Peptide Nanotubes by Microfluidics (Publicado en Angewandte Chemie).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A resistencia térmica dalgúns materiais pódese regular aplicando unha voltaxe

Un traballo do CiQUS abre novas posibilidades para o deseño de reguladores de temperatura e para o desenvolvemento de tecnoloxías máis eficientes e sostibles

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno

A USC desenvolve un novo método para a entrega directa de fármacos no interior celular

O novo nanotransportador é capaz de fusionarse coa membrana plasmática e liberar moléculas bioactivas no citosol