Marie Curie, no seu laboratorio de París en 1912.

Marie Curie, no seu laboratorio de París en 1912.

Un libro para contar as historias das figuras ocultas da ciencia

O xornalista galego Carlos Prego impulsa unha campaña de micromecenado para publicar unha obra sobre as vidas de pioneiras como Marie Curie

Hai un episodio asombroso na xa de por si abraiante vida de Marie Curie. En 1914, xa con dous premios Nobel, e con 47 anos, subiuse a unha furgoneta coa súa filla Irene, de 17 anos naquel momento (e que en 1935 tamén gañaría o Nobel), e mergullouse de cheo no horror da Gran Guerra. Púxose á fronte dunha frota de ambulancias que levaban a bordo un equipo de raios X para axudar no diagnóstico das terribles lesións que sufrían os soldados no campo de batalla. Buscara axuda por parte de fabricantes, doazóns particulares e do goberno francés para impulsar a idea que, de seguro, acabou salvando moitas vidas. Mesmo lle acabaron poñendo o alcume de Petits Curies a estas ambulancias na súa honra.

Marie Curie, a bordo dunha das ambulancias con raios X que levou á fronte para atender aos feridos.

Marie Curie, a bordo dunha das ambulancias con raios X que levou á fronte para atender aos feridos.

Curie conseguiu, con valor e determinación, derrubar as moitas barreiras que lle puxo unha sociedade nas que as mulleres eran amplamente discriminadas. Por exemplo, as reticencias da Academia Sueca para outorgarlle o Nobel en 1903, ou as feroces críticas que recibiu pola súa historia de amor con Paul Langevin. Mais non foi a única; Rosalind Franklin, clave para os achados sobre a dobre hélice do ADN, e ignorada mesmo polos seus propios compañeiros, ou Alice Ball, que acadou importantes avances sobre o tratamento da lepra, e que tamén tardou en ser recoñecida. Algunhas quédannos máis preto, como a de Ángela Ruiz Robles, a mestra de Ferrol que inventou un libro electrónico nos anos 40 do século XX.

Son só tres dos moitos exemplos que estudou Carlos Prego, un xornalista galego que puxo en marcha hai unhas semanas unha campaña de micromecenado na editorial Libros.com para facer realidade Científicas que conducían ambulancias en la guerra, un libro co título inspirado na historia de Marie Curie, que contará todas estas vidas abraiantes para poñer un gran de area na visibilización destas figuras aínda ocultas.

Toda a persoa que realice unha doazón recibirá un exemplar do libro

“A medida que afondas na crónica da ciencia comprendes que o relato que foi pasando de xeración en xeración é en certo modo parcial ou mesmo ‘ficticio’. Explícome: cando colles monografías sobre o tema -por exemplo Historia da Ciencia, de John Gribbin– e comezas a avanzar na súa lectura, caes na conta de que algo non encaixa. A maioría dos nomes que aparecen son de homes. E nas 26 entradas que Isaac Asimov inclúe nos seus Momentos estelares da ciencia, só hai unha dedicada a unha muller (Marie Curie), e compártea co seu marido Pierre”, explica Carlos Prego.

Alén destas figuras ocultas, o libro tamén contará como algúns científicos célebres, como William Herschel ou Antoine Lavoisier, puideron figurar para sempre na historia da ciencia grazas ás axudas e achegas das mulleres que estiveron ao seu carón.

Carlos, xornalista no Faro de Vigo, colabora tamén con varias webs de divulgación científica, como Mujeres Con Ciencia, Principia Magazine ou Magnet, nas que aborda a Historia da Ciencia. Nestes traballos, foi caendo na conta da necesidade de reunir nunha antoloxía todos estes casos. Científicas que conducían ambulancias… recollerá estas biografías, a maioría delas inéditas, na publicación para a que agora Prego pide financiamento.

O micromecenado

Calquera persoa que contribúa a financiar o lanzamento do libro – as doazóns van de 20 euros en diante – recibirá, como mínimo, un exemplar, e o seu nome aparecerá nas páxinas de cortesía. Todas os tipos de axuda poden consultarse nesta ligazón.

Conta o autor que ao longo da campaña, que remata o vindeiro 3 de agosto, o libro foise enriquecendo coas achegas e os vínculos que se establecen cos doantes e futuros lectores. “Un dos aspectos máis fermosos é o diálogo autor-lector que se establece. O libro é aínda un proxecto aberto e, de feito, unha das recompensas que se ofrece aos futuros mecenas é que poidan propoñer nomes que se engadan á publicación”. Como anécdota, conta Prego que “algún futuro lector mesmo me suxeriu enfoques moi interesantes para incluír no libro. É algo que me imaxino que non se pode conseguir cun proceso de edición convencional”.

E ademais disto, sinala o xornalista que botar man do micromecenado é “tamén unha responsabilidade extra, porque aínda que antes de comezar a campaña debes explicar ben o proxecto e na web se inclúe un breve adianto, cada novo mecenas está depositando en ti a súa confianza cega. Sei o difícil que isto resulta e por isto para min supón unha honra”.

Podes facerte mecenas de Científicas que conducían ambulancias en la guerra nesta ligazón.

E aquí podes ler un adianto do libro.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.