iLoveScience

iLoveScience é unha plataforma en liña de financiamento colectivo de proxectos científicos.

A ciencia recorre ó crowdfunding

O investigador galego Roi Villar é un dos creadores de iLoveScience, nova plataforma de financiamento colectivo de proxectos científicos

Os duros recortes á ciencia en España están empurrando a moitos investigadores ao paro ou a marchar fóra do país na procura de oportunidades. Porén, a conxuntura actual préstase tamén para tentar poñer en práctica iniciativas creativas e innovadoras para salvar da queima moitos proxectos de investigación. Pero para iso, a ciencia debe saír do claustro e explorar espazos, comunidades e redes até o de agora estraños, alleos ou lonxanos para os científicos. Hai novas fiestras con oportunidades que os investigadores poden abrir cun pouco de ousadía, se non lle teñen vertixe ou fobia ao ciberespazo e se se desprenden de tabús. Unha desas ventás é iLoveScience, unha plataforma en liña creada para que científicos e cidadáns interactúen e colaboren nun novo escenario no que se procuran novas fontes de financiamento para a ciencia en España e novos xeitos de facela popular.

Social Good Summit de Madrid

O científico galego Roi Villar, na Social Good Summit de Madrid.

Esta plataforma en liña de micromecenado (mundialmente coñecido como crowdfunding) é o froito das ideas compartidas por catro mozos para esquivar os efectos da crise económica: Ricardo Costa,  farmaceútico e emprendedor; Alejandro Macho, enxeñeiro e universitario; Fede García, biotecnólogo e MBA; e Roi Villar, científico galego que traballa no CSIC en Madrid. O seu propósito, achegar a ciencia aos cidadáns de dous xeitos: cambiar a maneira de contar a ciencia e procurar que os cidadáns deixen de percibir os científicos e os seus proxectos como inaccesibles e lonxanos.

iLoveScience é, en definitiva, unha plataforma de micromecenado de nicho creada por xente vinculada á ciencia, aspecto este “primordial cando queres popularizar un nicho que foi tan inaccesible durante anos”, apunta Villar, cuxo traballo como científico se centra na diagnose e prognose (estudos de supervivencia ) en cancro colorrectal a partires de moléculas detectábeis no sangue (autoanticorpos).

Precisamente hai dúas semanas, Manuel Gago, xornalista e profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC), publicaba en GCiencia un artigo a prol dun modelo de mecenado distribuído para a ciencia. Por iso, Gago acolleu con ledicia a iniciativa de Villar e os seus compañeiros, “porque significa asociar a ciencia a un movemento social moi importante na rede actual”, comenta.

“Veremos a disposición real dos internautas a implicarse e interactuar coa ciencia”

“Ademáis do financiamento, as plataformas de crowdfunding son excelentes iniciativas para difundir e viralizar accións e coñecemento. Eu creo que é moi necesario experimentar na rede para coñecer como o público español está disposto a xestionar e tratar a ciencia. Ao crear unha ferramenta de ’empoderamento’ neste sentido poderemos ver a disposición real dos internautas a implicarse e interactuar coa ciencia”, argúe o profesor.

A partir da divulgación científica e a financiación colectiva, iLoveScience xenera unha comunidade cívica arredor da ciencia, ao tempo que promove a comunicación e a transparencia da comunidade científica. A plataforma acolle proxectos de investigación científica, de difusión da ciencia e de emprendedores de base tecnolóxica. Cada proposta elevada ao equipo de iLoveScience é evaluada para certificar a súa rigurosidade, calidade e viabilidade, co apoio dun comité científico.

A plataforma facilita que os cidadáns contribúan economicamente de xeito particular en proxectos científicos, expostos durante un período de tempo determinado na páxina web e cun presuposto fixado para a súa realización. Se durante ese tempo se consegue o diñeiro necesario, procédese ao pago para desenvolver a investigación. No caso de que durante o tempo estipulado non se cubra a cantidade establecida, todos os participantes recibirán de volta os cartos investidos, xa que o proxecto non se realizará.

Gratificacións

Tres aspectos claves arman este modelo, segundo explica o propio Roi Villar: “un, a revisión da calidade científica do proxecto; outro, a divulgación, popularización e difusión do proxecto, tanto en canles tradicionais como en canles sociales; e un terceiro, a xestión de recompensas para os contribuidores”. En plena revolución tecnolóxica da comunicación, temos ante nós un novo paradigma da revitalizada Teoría de Usos e Gratificacións, da que tanta literatura científica se publicou o século pasado.

Os científicos que recorran a este tipo de financiamento deberán definir “moi claramente” os obxectivos dos seus proxectos. Así o entende Manuel Gago, quen apunta varias condicións necesarias para poñer en marcha unha campaña de micromecenado: “Deben ser tanxibles, claros, directos, que se poidan programar e verificar, e executables nun periodo de tempo determinado. En segundo lugar, hai que apostar por unha transparencia en todas as fases do proxecto: quen o fai, cal é a súa traxectoria, como se está desenvolvendo, como se rendiron contas ao final do proxecto. O doador debe percibir claramente a circulación do financiamento. En terceiro lugar, hai que pasar da idea de caridade á de transacción. Aínda que a finalidade do proxecto sexa, por exemplo, a catalogación da flora dunha comarca, hai que pensar nalgún tipo de retorno directo, máis ou menos tanxible, para o doador. Xenerar unha transacción é, ao meu ver, un elemento fundamental”.

iLoveScience súmase ao cambio de modelo aplicado a un nicho: a comunidade científica. Pero esta non debería ver este tipo de plataformas exclusivamente como fonte de cartos. Cando menos así o entende Villar: “Os científicos non só deberían acudir a unha plataforma como iLoveScience por necesidades financeiras. O micromecenado constitúe tamén unha oportunidade excelente para xerar unha comunidade arredor dos diferentes proxectos de investigación e para contar a ciencia en primeira persoa“, argumenta este científico compostelán.

Pola súa banda, Gago considera que “a ciencia non é nin pode estar allea ao resto da sociedade” e debe sumarse con naturalidade ao novo modelo. “Se en moitísimos outros ámbitos da cultura, as artes e as iniciativas sociais se emprega o crowdfunding, non vexo por que non pode ser aplicable en determinados ámbitos e prácticas da ciencia”, continúa.

Para o profesor da USC, as plataformas de crowdfunding tamén plantexan aos científicos retos interesantes, xa que “participar nelas significa ter que desenvolver determinado tipo de habilidades e de coñecementos que lle veñen moi ben á comunidade científica, como os de aprender a difundir, comunicar, crear unha mensaxe atractiva, pensar na sociedade á hora de definir o proxecto…”

“iLoveScience non busca co micomecenado substituír o financiamento tradicional da ciencia”
Pero este novo modelo colaborativo de financiación non pretende suplir o clásico modelo institucional. “O micromecenado de proxectos científicos en iLoveScience non busca substituír o financiamento tradicional. Unha das nosas prioridades é evitar que a ciencia dependa economicamente dunha única vía. Non podemos poñer toda a ciencia nunha cesta”, aclara Roi Villar.

Gago estima que “é necesario distinguir entre os mecanismos de financiamento públicos ou privados convencionais, cun horizonte de financiamento plurianual, do crowdfunding, así como diferenciamos entre investigación pura e investigación aplicada”. A partir de aí, considera que “o crowdfunding non debera ser unha excusa para que as Administracións retiren un financiamento que a nosa sociedade precisa para o seu progreso cultural, económico e científico, senón un complemento que facilite a execución de proxectos de investigación aplicada, ou de difusión, que non teñen encaixe moitas veces precisamente nestas liñas de axudas”.

E malia que as cifras acadadas en campañas de crowdfunding en España “aínda son ben pequenas”, Manuel Gago salienta as cantidades de diñeiro que se están a obter para o financiamento por exemplo de videoxogos en plataformas como Kickstarter. “Se falamos de proxectos que recadan 300.000 dólares, significa que se poderían crear proxectos máis ambiciosos que entren en ámbitos de investigación pura ou en determinados tipos de investigación aplicada”, razoa.

Primeiro caso de éxito

campaña diagnose alzheimer

Campaña para a diagnose do Alzheimer financiada en iLoveScience.

Roi Villar móstrase optimista. “A ciencia”, di, “é interesante por si mesma”. Motivos non lle faltan para manter a confianza. iLoveScience vén de anunciar o seu primeiro caso de éxito: a financiación a través de contribucións individuais dunha investigación contra o Alzheimer liderada por Rodrigo Barderas, investigador da Universidade Complutense de Madrid. En total, 25 cidadáns aportaron os 1.000 euros necesarios para executar un novo proxecto de biomedicina para a diagnose da enfermidade. Desde o lanzamento da campaña, o 13 de xaneiro pasado, os internautas puideron interactuar con Barderas e coñecer máis a fondo o seu proxecto. Finalmente, o pasado 18 de febreiro Barderas conseguiu reunir os cartos que necesitaba para extraer as proteínas de mostras de sangue de doentes e fixalas a unhas placas, e poder así analizar como se relaciona a parte enferma co sangue do pacente. Despois, acudirán a un servizo especializado para recoller a información. Os investigadores traballan con mostras de 30 doentes, polo que necesitaban 30 placas (10€ cada unha), 30 lecturas (20€ cada unha) e facer unha análise cun custo de de 100€. En total, 1.000€ para iniciar o camiño cara a diagnose temperá do Alzheimer.

Con todo, Roi Villar non obvia que xa houbo experiencias previas semellantes que fracasaron pola vía da estratexia da caridade, un enfoque do que tomaron nota para non cometer os mesmos erros. “Existen iniciativas previas que nos inspiraron. Porén, nós non queremos caer no sensacionalismo nin na pena. Pretendemos crecer axudando ás institucións e aos científicos a través da nosa experiencia e coñecemento do sector”, expón Villar, quen continúa explicando: “A nosa prioridade é contar ben a ciencia, de maneira que xenere confianza e conecte coas necesidades dos cidadáns”.

Nesa mesma liña, Manuel Gago cre que os puntos fortes de proxectos como iLoveScience están “na mesma noción de estrutura que ten unha iniciativa de crowdfunding”. “Ao ser necesaria a viralización e máxima difusión do proxecto para conseguir apoios, iso significa que os proxectos fan un énfase en comunicación e difusión —mesmo con formas orixinais ou innovadoras— que ao mellor doutro xeito non serían posibles”, argumenta o profesor da USC.

“A dependencia dunha única fonte de financiamento é algo perigoso para un asunto tan crucial como o I+D”

Pero a marea de proxectos de crowdfunding en Internet, de todo tipo, pode saturar aos cidadáns, esgotar os seus recursos e facer que moitas iniciativas se perdan entre esa morea de campañas de micromecenado que se difunden na rede. Riscos que hai que asumir e que non esquiva Roi Villar.

“Claro que se perderán algúns proxectos. Non podemos pensar que os cidadáns son unha fonte infinita de diñeiro. E ademais, nós cremos que a dependencia exclusiva dunha única fonte de financiamento é algo perigoso para un asunto tan delicado e crucial como o sistema de I+D”, insiste o científico do CSIC. O micromecenado servirá para evaluar que liñas de investigación son máis aprezadas polos cidadáns e poder dar así apoio a estas. Pero evidentemente son necesarias outras vías de financiamento con outros criterios”, xustifica o científico do CSIC.

Sobre esta cuestión, Manuel Gago observa certos paralelismos entre o crowdfunding en Internet e outros procesos que se produciron na rede coma o dos blogs. “Hai unha explosión inicial seguida de certa confusión (cales son os blogs de calidade?, cales son os fiables?) e unha posterior autoregulación e limpeza do contorno. Aquí vai pasar igual. Moita xente pensa que se está queimando unha importante fonte de financiamento con moitos proxectos que non valen un patacón, é dicir, que se abusa un pouquiño das gañas que ten a xente de que se fagan cousas. Eu creo que, o que vai haber é unha regulación. Ao cabo dun tempo vanse escoller os proxectos con garantías, nos que o usuario perciba un retorno máis claro (que pode ir cara el ou pode ter valor ‘simbólico’), mentres que outras iniciativas máis ou menos benintencionadas non conseguirán redefinirse”, predí o profesor.

iLoveScience xa presume de ter facilitado o financiamento colectivo dun proxecto científico, todo un éxito nun país onde a investigación agoniza polos recortes. Talvez, como di Roi Villar, non se trate dunha “solución universal”, pero grazas a 25 cidadáns a investigación sobre o Alzheimer poderá seguir avanzando en España. E por diante quedan máis retos. A loita contra cancro de mama ou a septicemia son os máis inmediatos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.