Arranca o II Ciclo “Aida Fernández Ríos” para espertar vocacións científicas

A RAGC e a Deputación de Pontevedra impulsan o segundo bloque da iniciativa, que contará coa participación de cinco mulleres científicas en institutos de Tui, O Grove, Silleda e Bueu

Cinco mulleres científicas participarán no segundo bloque do Ciclo
Cinco mulleres científicas participarán no segundo bloque do Ciclo "Aida Fernández Ríos".

África González, Sabela Balboa, Amparo Alonso, Isabel Medina e Elena Vázquez son as cinco mulleres protagonistas do segundo bloque do II Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, impulsado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra. O seu principal obxectivo é fomentar as vocacións científicas e concienciar ao alumnado de secundaria e de bacharelato de que todos os nenos e nenas teñen as mesmas capacidades para chegar a onde se propoñan. Así que estas cinco mulleres científicas, vinculadas ás tres universidades galegas, visitarán nas próximas semanas institutos de Tui, Bueu, O Grove e Silleda para falar de temáticas tan diversas como as bacterias comeplásticos, a revolución alimentaria ou a intelixencia artificial.

As bacterias comeplásticos

Este ciclo de conferencias coordinado pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez Toranzo, arranca este luns no IES Indalecio Pérez Tizón de Tui. Serán 25 alumnos de 1º de Bacharelato os que asistan a un relatorio sobre as bacterias comeplásticos. Correrá ao cargo da profesora e investigadora distinguida no Centro Singular de investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC, Sabela Balboa Méndez.

Segundo explica a investigadora, as bacterias viven en todos os ambientes coñecidos, desde o polo ata o deserto e en cada ambiente evolucionan para ser capaces de alimentarse das substancias que atopan. Destaca que cada ano xeramos máis de 12
toneladas de plásticos que acaban no mar. Moitos destes plásticos son “invisibles”, os chamados microplásticos, partículas de plástico minúsculas que proceden da rotura doutros plásticos ou dalgúns produtos que se usan a diario como a pasta de dentes. “Hai bacterias que son capaces de vivir sobre os plásticos e ‘comelos’, e por tanto degradalos”, sinala Balboa. Na charla falará de como buscar estas bacterias que poden degradar os plásticos e conseguir así unha forma de eliminalos do medio ambiente.

A intelixencia artificial

O segundo relatorio será impartido pola catedrática da Área de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña e expresidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial (AEPIA), Amparo Alonso Betanzos. Será no IES Illa de Ons de Bueu ás 11:55 horas e participarán 32 alumnos de 4º da ESO nunha charla que leva por título A intelixencia artificial non é ciencia ficción. Nela explicará cales son os usos e metas desta tecnoloxía presente en case calquera campo, así como cales son algúns dos problemas abertos e das limitacións actuais.

“A tecnoloxía é cada vez máis interdisciplinar, e a Intelixencia Artificial necesita para o seu desenvolvemento non só enxeñeiros e científicos, senón tamén profesionais das áreas de Humanidades, para que todos poidamos contribuír ao desenvolvemento dunha Intelixencia Artificial que sexa boa para as persoas”, apunta Alonso. Ademais, a catedrática asegura que esta tecnoloxía está a cambiar o emprego, a educación e a forma que as persoas teñen de relacionarse na sociedade, polo que na conferencia expoñerá algunhas ideas para poder afrontar un futuro cambiante.

A revolución dos alimentos

Obxectivo saúde: a revolución dos alimentos é o título da conferencia que impartirá a profesora de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), coordinadora Nacional da Área de Ciencia e tecnoloxía dos Alimentos do CSIC e académica numeraria da RAGC, Isabel Medina Méndez, o venres, 10 de decembro, no IES Monte da Vila do Grove ás 11:35 horas. Un grupo de alumnas e alumnos de 1º e 2º de bacharelato do centro asistirán á charla.

A historia da humanidade está unida á historia dos alimentos. Medina explica que as eleccións alimentarias, xunto cos cambios climáticos, provocaron importantes variacións —a nivel anatómico e fisiolóxico— no organismo dos seres humanos. En concreto, destaca que a abundancia de peixe e algas nas zonas costeiras axudou ao desenvolvemento da capacidade cerebral nos homínidos, grazas aos seus ácidos graxos omega-3, compoñentes do cerebro e fundamentais para a saúde humana, xa que “o peixe forma parte da nosa gastronomía e cultura”.

Isabel Medina sinala que nas sociedades modernas, con moitos recursos para obter alimentos con pouco esforzo, a prevalencia de malos hábitos de consumo asóciase a unha alta incidencia de enfermidades metabólicas como a diabetes e a obesidade, e
enfermidades cardiovasculares que son unha das causas fundamentais da mortalidade actual. “A evidencia científica demostra que o consumo de peixe e produtos do mar é
un elemento esencial nas dietas que axudan a mellorar a saúde e previr enfermidades dun xeito personalizado”, indica a investigadora.

As matemáticas

O cuarto relatorio deste ciclo correrá ao cargo da decana da Facultade de Matemáticas e profesora de Matemáticas Aplicadas da USC, Elena Vázquez Cendón. Será a encargada de impartir a charla titulada As matemáticas que pesquei na ría de Pontevedra. A conferencia celebrarase o luns, 13 de decembro, ás 9:40 horas no IES Pintor Colmeiro de Silleda. Asistirá un grupo de 42 alumnas e alumnos de 1º de bacharelato.

O obxecto desta charla é compartir co alumnado matemáticas próximas. A motivación da investigación de Elena Vázquez nace de coñecer as mareas na ría de Pontevedra. Compartirá cos alumnos a colleita matemática que aprendeu e que serviu para aplicar a outras partes do planeta, acuñando o lema “Matemáticas para un mundo mellor” do proxecto Marzo, mes das matemáticas.

A inmunoloxía

O ciclo “Aida Fernández Ríos” rematará da man de África González Fernández, catedrática de Inmunoloxía do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo (UVigo). O luns 20 de novembro acudirá ao IES Johan Carballeira de Bueu co súa charla Potencia as túas defensas: Vacínate! Asistirá alumnado de 4º da ESO e de 1º e 2º de Bacharelato. Segundo sinala África González, a vacinación é a medida preventiva máis eficaz, que prevé enfermidades, secuelas e mortes. A charla describirá que é a vacinación, que pretende facer e os pasos necesarios para desenvolver vacinas eficaces contra un patóxeno, como o SARS-CoV-2.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.