O estudo constata o descoñecemento de episodios de ciberacoso no eido familiar.
O estudo constata o descoñecemento de episodios de ciberacoso no eido familiar.

Só o 6 por cento dos pais sabe que os seus fillos sufriron ciberacoso

A tese de Leticia López, presentada na USC, analiza a prevención deste fenómeno no eido familiar con datos de máis de 1.000 familias

As grandes oportunidades que ofrece o acceso a todo tipo de contidos a través da rede agocha tamén perigos. Un deles, o ciberacoso, pode conducir a situacións moi delicadas nas familias. Nisto afondou a tese de doutoramento de Leticia López Castro, investigadora do grupo Esculca da Universidade de Santiago de Compostela. Os datos recollidos son preocupantes porque expoñen o descoñecemento de moitos pais ante estas situacións: nas 1.169 familias analizadas, só o 6% dos proxenitores sabía se os seus fillos ou fillas foran vítimas de ciberacoso.

Leticia López, co tribunal de avaliación da tese. Foto: USC.
Leticia López, co tribunal de avaliación da tese. Foto: USC.

O traballo enfocouse na prevención deste fenómeno no eido doméstico, con datos de familias pertencentes a 26 centros educativos de diversas zonas de Galicia. “Se ben maioritariamente as investigacións previas centráronse na incidencia do fenómeno en educación secundaria, esta tese permite achegar datos que reflicten a existencia de situacións de ciberacoso dende idades temperás”, sinala a autora. As análises realizadas revelan que no fogar familiar o 72% dos nenos e nenas emprega de maneira cotiá a tableta para conectarse a Internet, e unha porcentaxe superior ao 50% accede á rede co ordenador portátil ou usando o teléfono móbil.

Asemade, o 41% dos proxenitores informa de que os menores conéctanse diariamente e unha porcentaxe similar faino dúas ou tres veces por semana. Afondando nos tempos, estes nenos e nenas adoitan conectarse durante menos dunha hora, tal e como sucede en algo máis da metade dos casos analizados; ou entre unha hora e dúas, no 40% dos casos. O 5% das familias informa dun acceso diario a internet que supera as tres horas.

A investigación recomenda, entre outros aspectos, incidir na alfabetización dixital dos proxenitores

“As achegas do traballo permiten trazar os eixos chave que deben orientar os programas de educación parental que traten de contribuír á prevención do ciberacoso dende idades temperás”, apunta López-Castro. “Ademais de incidir na alfabetización dixital dos proxenitores, cómpre dotar ás familias de competencias que lles permitan regular o uso das tecnoloxías da información e a comunicación que realizan os seus fillos e fillas”, subliña. O establecemento de relacións máis estreitas co centro escolar e os seus profesionais constitúe outro dos elementos que a investigación destaca como esencial.

A través dun enfoque metodolóxico mixto, no que se combinaron técnicas e instrumentos de natureza cuantitativa e cualitativa, e baixo a dirección da profesora Diana Priegue Caamaño, a investigación analiza en profundidade a relevancia adquirida polos dispositivos tecnolóxicos na contorna familiar e o seu impacto na vida cotiá familiar, atendendo de maneira particular ás mudanzas acontecidas nas relacións filioparentais. Precisamente a autora trata de recoller os desafíos educativos que implica a xestión da tecnoloxía no seo familiar dando conta dunha situación de desconcerto parental que precisa ser atendida polos investigadores sociais.

O tribunal desta tese de doutoramento con mención internacional que obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude, estivo presidido por Miguel A. Santos Rego, catedrático da USC; a profesora Armanda Pinto da Mota Matos da Universidade de Coimbra, que actuou como vogal; e Antonio Valle Arias, catedrático da UDC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.