Venres 19 Abril 2024

Volve á Terra Christina Koch, a muller que máis tempo pasou no espazo

A astronauta estadounidense pasou 328 días en órbita a bordo da Estación Espacial Internacional, nos que sumou 5.248 voltas á Terra

A muller que máis tempo pasou fóra do noso planeta nunha única viaxe de ida e volta regresou esta mañá á Terra. Christina Koch, da NASA, volveu este xoves cos seus compañeiros Alexander Skvortsov e Luca Parmitano, tomando terra preto da cidade de Dzhezkazgan, en Kazajstan. Foron 328 días en órbita a bordo da Estación Espacial Internacional, desde o 14 de marzo de 2019, nos que sumou 5.248 voltas da Terra e máis de 200 millóns de quilómetros percorridos. Unhas cifras que supoñen o segundo voo único (sen sumar os acumulados por unha mesma persoa en distintas viaxes) máis longo realizado por un astronauta estadounidense no espazo, e o sétimo se se suman todas as súas misións. En canto ás mulleres astronautas, só é superada na actualidade por Peggy Whitson, que nas súas tres estadías na Estación pasou 665 días fóra da Terra. Así reaccionaba esta mañá ao saír do módulo no que regresou ao planeta.


Realizou seis paseos espaciais durante os 11 meses en órbita, incluíndo as tres primeiras camiñadas espaciais dunha parella mulleres, e pasou 42 horas e 15 minutos fóra da estación. Tamén foi testemuña da chegada dunha ducia de naves espaciais visitantes e a saída doutras tantas. Na última mensaxe publicada en Twitter desde a Estación Espacial, Koch dixo que ía botar de menos “a exquisita beleza do planeta Terra e esta maravilla (pola Estación Espacial) que a súa fascinante xente creou”.

Publicidade

A misión de Christina Koch foi relevante porque lle servirá á ciencia para observar os efectos dos voos espaciais de longa duración no organismo dunha muller, no marco dos plans de levar á primeira astronauta ata a Lúa co proxecto Artemisa. Pola súa parte, Parmitano e Skvortsov pasaron un total de 201 días no espazo, desde xullo de 2019.

A Expedición 61, na que tomaron parte os tres astronautas, desenvolveu centos de experimentos en bioloxía, ciencias da Terra, anatomía e fisioloxía humanas, ciencias físicas e desenvolvemento tecnolóxico, incluíndo melloras no módulo experimental da ISS, nun esforzo por estender a súa vida e apoiar a súa misión de buscar evidencia de materia escura e probar impresoras biolóxicas en 3D para imprimir tecidos similares aos dos órganos en microgravidade.

Co regreso deste xoves, iniciouse de forma oficial a Expedición 62, cos astronautas da NASA Jessica Meir e Andrew Morgan como enxeñeiros de voo e Oleg Skripochka de Roscosmos como comandante da estación. A tripulación permanecerá no complexo orbital ata principios de abril, cando o astronauta da NASA Chris Cassidy e os cosmonautas rusos Nikolai Tikhonov e Andrei Babkin cheguen á estación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como lograr vivendas autosuficientes como a Estación Espacial Internacional

As casas do futuro tenderán a comportarse como un ser eficiente e autosuficiente, que trate de vivir en simbiose coa contorna natural

Como ver a Estación Espacial Internacional dende a túa casa? Aquí podes comprobalo

Unha ferramenta da NASA permitirá saber a súa posición en tempo real, así como recibir avisos do seu próximo avistamento na túa localidade

A Axencia Espacial Europea escolle a 2 astronautas españois por primeira vez en 30 anos

A ESA anuncia a nova promoción de cosmonautas de carreira, que inclúe a dous cidadáns de León e seleccionados entre máis de 20.000 candidatos

A elección dunha muller para o Nobel de Química altera a tendencia a premiar investigacións masculinas

O 50% das científicas galardoadas dende 1901 recibiron o recoñecemento nos últimos 20 anos