Animación do posible choque, que tería lugar a 900 quilómetros de altura sobre os Estados Unidos. Foto: Leolabs.
Animación do posible choque, que tería lugar a 900 quilómetros de altura sobre os Estados Unidos. Foto: Leolabs.

Expectación ante o choque de dous restos de lixo espacial de 1967 e 1983

Dous obxectos que levan décadas vagando polo espazo pasarán a menos de 30 metros na noite do mércores 29, e existe posibilidade de que colisionen

Máis de medio século de exploración espacial está poboando pouco a pouco a órbita da Terra de milleiros de obxectos que, unha vez cumprida a súa misión, quedan para sempre no espazo como lixo. Os científicos manteñen unha vixilancia constante para evitar problemas cos aparellos que aínda hoxe funcionan e que son vitais para as nosas comunicacións e a vida cotiá, pero hai veces nas que é imposible evitar algún choque. E iso é o que pode pasar na noite deste mércores. Porén, non hai risco ningún para os que vivimos aquí abaixo.

A empresa de seguimento de lixo espacial LeoLabs informou que se trata de IRAS (un telescopio espacial que foi lanzado en 1983 e posteriormente desmontado) e GGSE-4 (unha carga útil científica retirada lanzada en 1967). As previsións é que pasen a menos de 30 metros de distancia a uns 900 quilómetros de altura. As probabilidades do choque son de 1 entre 100. Na súa web é posible ver unha animación interactiva sobre o posible choque.

“Colisións coma estas xa tiveron lugar anteriormente, pero o que é realmente interesante é que o paso é incriblemente próximo”, declarou a arquéologa espacial Alice Gorman, da Universidade de Flinders. “As naves espaciais que podemos controlar adoitan separarse uns 60 quilómetros para evitar problemas”, engade.

O problema, por tanto, non é só a posible colisión deste mércores, senón as consecuencias de que os restos do choque se descontrolen e afecten a equipamentos en activo. “É unha das colisións máis perigosas que levamos visto en tempo”, conta Gorman.

O telescopio IRAS tiña unha masa no momento do seu lanzamento de 1.083 quilos, e unhas dimensións de 3,6 x 3,24 x 2,05 metros, mentres que GGSE-4 é bastante máis pequeno, con só 4,5 quilos, pero está conectado a outro satélite, o Poppy 5, que pesa 85 quilos. O problema neste caso é que este satélite ten unhas plumas de gradiente de gravidade de 18 metros de lonxitude, polo que o límite de achegamento é preocupante.

Será ás 00.39 da noite do mércores ao xoves (23.39 UTC) cando os obxectos se acheguen no seu punto máximo a unha velocidade de 14,7 quilómetros por segundo, aproximadamente sobre a cidade de Pittsburgh, en Pennsylvania (Estados Unidos).

As predicións do posible choque apuntan, como é lóxico, a que a nave pequena será destruída, pero a outra tamén sufrirá danos e producirá, deste xeito, máis restos de lixo espacial.

Con todo, os astrónomos insisten en que non existe ningún perigo para os habitantes da Terra, xa que calquera resto que puidera precipitarse cara ao planeta quedaría desintegrado na entrada na atmosfera.

Co crecente envío de satélites ao espazo, e coas enormes constelacións que está previsto lanzar, é probable que as colisións vaian medrando durante os vindeiros anos. Ante isto, os investigadores espaciais xa traballan en métodos para retirar da órbita os fragmentos sen uso.

A primeira misión para limpar o lixo espacial lanzarase en 2025

Punto Nemo: o cemiterio de naves espaciais no océano Pacífico

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.