Na noite do vindeiro domingo 27 ao luns 28 terá lugar una eclipse total de Lúa que se verá en toda a Península, tamén en Galicia tal e como se prevén as condicións meteorolóxicas. A última eclipse total de Lúa que se puido observar en España foi o día 15 de xuño de 2011, en tanto que a próxima será a do 28 de xullo de 2018.
Nesa madrugada, as 2.12 horas producirase o primeiro contacto do satélite co cono de penumbra, pero será as 3.07 horas cando se inicie a eclipse parcial. A Lúa permanecerá eclipsada totalmente desde as 4.11 ata as 5.23 horas, e a partir dese momento volverá a estalo parcialmente unha hora máis, rematando completamente a eclipse ás 7.22 horas.
“Como aínda na fase total a lúa non chega a desaparecer de todo, amosará tonalidades vermellas, ocres e castañas debido aos raios tanxentes de luz solar que a atmosfera desvía cara a ela”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, en relación a un fenómeno popularmente coñecido como ‘Lúa vermella’ ou ‘Lúa de sangue’.
A vindeira eclipse total de Lúa non será visible en Galicia ata o ano 2018
En canto a eclipses de Sol, e logo da parcial do 20 de marzo deste ano, haberá que agardar ata o 10 de xuño de 2021 para poder ver outra desde Galicia. A próxima total visible na Península será o 12 de agosto de 2026. Ano e medio despois observarase unha anelar o 26 de xaneiro de 2028.
Aínda que, en xeral, as eclipses de Sol son máis numerosas que as de Lúa, para un lugar concreto sucede todo o contrario. Explícao o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo: “cando se produce unha eclipse de Lúa pódena ver todos os observadores que teñan o satélite enriba do horizonte, en tanto que as de Sol só se poden contemplar nunha determinada zona, que no caso das totais se reduce a unha estreita franxa de non máis de 200 quilómetros de ancho”.
Podes ver no seguinte enlace o vídeo que a NASA publicou para explicar todos os detalles desta eclipse: