Sábado 20 Abril 2024

Galicia sae en busca da materia escura

O investigador Gonzalo Parente.
O investigador Gonzalo Parente.

A materia escura é un dos máis grandes misterios da ciencia. Formulou a súa existencia o astrónomo suízo Fritz Zwicky en 1933. E resúmese en que o Universo ten que ter moita máis materia da que podemos detectar. Pero ninguén sabe con certeza de que se trata.

A expresión ‘materia escura‘ non só significa que non sexa visible polo ollo humano. O po interestalar tampouco se ve a simple vista, pero emite ou reflicte radiacións que poden ser detectadas por modernos telescopios. A materia escura é, en realidade, unha masa enorme que falta cando se fai a contabilidade do funcionamento do cosmos. Todo debería encaixar, pero as contas non saen. E os astrofísicos apuntan aí ‘materia escura’, como os antigos cartógrafos apuntaban “terra ignota” nas partes dos mapas que descoñecían. Non obstante, calcúlase que é o 85 por cento de todo o Universo.

Publicidade

Quen investiga a materia escura? Pois fano científicos nos EUA, en Xapón ou no acelerador de partículas (CERN) de Xenebra. Pero tamén en Galicia.

18 universidades participan en Multidark que celebrou o seu congreso en Santiago

Esta semana, preto de medio centenar de expertos no campo da materia escura procedentes de 18 universidades e institucións de investigación españolas, así como de varios centros estranxeiros, reuníronse na Facultade de Física de Santiago no undécimo congreso Multidark Consolider Workshop.

E por que elixiron Santiago? Pois porque en Galicia hai un grupo de Física de Astropartículas que investiga a materia escura. O profesor Gonzalo Parente, organizador do congreso compostelán, explica a GCiencia a súa actividade: “O grupo de Astropartículas da USC pertenece ao proxecto Multidark. Traballamos no Observatorio Pierre Auger de detección de raios cósmicos das máis altas enerxías que se observan na natureza”. Entre estas partículas que buscan con Auger estarían os fotóns moi enerxéticos, que se poderían ter producido na desintegración de certas partículas cando, no Universo primitivo, algunas forzas da natureza estarían unificadas. “O noso papel é o de achegar información do noso observatorio na busca indirecta da materia escura”, explica Parente.

Imaxe do Hubble dun cúmulo de galaxias onde se poden atopar indicios de materia escura.
Imaxe do Hubble dun cúmulo de galaxias onde se poden atopar indicios de materia escura.

Os fotóns moi enerxéticos poden axudar a descubrir a materia escura, un enigma que ten moitos candidatos. No congreso de Compostela, escoitáronse palabras que soarían a chinés ao cidadán do común: axiones, anisotropía, materia non bariónica, partículas masivas que interactúan debilmente (WIMP)… Escoitalas demostra que este é un reto científico dunha complexidade enorme. E os avances chegan utilizando técnicas diversas…

Multidark propugna que hai que poñer en contacto todas as formas e técnicas posibles para abordar o problema”, explica o profesor Parente: “temos que traballar tanto dende o punto de vista teórico como experimental ou de computación… isto é imprescindible para chegar a resolver este dificil problema da natureza para tentar a observación dunha materia que é casi invisible”.

“Temos moitas frontes experimentais e teóricas abertas”, di Gonzalo Parente

Gonzalo Parente recoñece o conseguido nos últimos tempos, con mellores telescopios, mellores súpercomputadores e mellores aceleradores de partículas. “Hoxe nos atopamos nun estadio moi avanzado da investigación, xa que hai moitas frontes tanto teóricas como experimentais abertas”. E sinala que hai que explotar “a busca directa en laboratorios subterráneos, de sinais indirectas en detectores de partículas cósmicas (raios gamma, neutrinos e raios cósmicos) ou en detectores de ondas gravitacionais; e incluso a busca de indicios en colisións moi enerxéticas de partículas en aceleradores…” Pero o profesor compostelán recoñece a realidade: “Actualmente non hai nada concluinte sobre a natureza da materia escura”.

A clave, polo tanto, é que a materia escura é un problema. E, ao contrario do que acontece na vida diaria, un problema, en ciencia, é unha bendición. É a razón de ser da investigación. Así que seguimos sen saber que é a materia escura, aínda que sexa a metade da nosa galaxia, a Vía Láctea; e a meirande parte da masa do Universo. Pero, no camiño, os científicos fan outros importantes descubrimentos. Así que pode que, nun futuro, cando se descubra que é, a soa expresión ‘materia escura’ provoque un medio sorriso, como cando lemos nos vellos mapas o apunte de “terra ignota”. Pero o importante é todo o que achega á ciencia e á Humanidade o longo e apaixoante camiño ata coñecela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo mapa da materia escura vólvelle dar a razón a Einstein

Confirma a teoría xeral da relatividade sobre como as estruturas masivas medraron e curvaron a luz ao longo de 14.000 millóns de anos

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Así era Castro Valente: a fotografía láser recrea a muralla da gran fortaleza medieval galega

Un estudo da USC usa as novas tecnoloxías para ampliar información sobre o xacemento de 10 hectáreas situado entre Padrón e A Estrada

O meteorito que brillou como cincuenta lúas cheas xa pode visitarse en Santiago

Tratouse dun asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 15 Km/s