Xoves 18 Abril 2024

Carmela Silva: “Se as mulleres non estamos ao 50% na ciencia, o paso atrás será terrible”

"Hai menos mulleres científicas porque a nós edúcannos para os coidados", lamenta a presidenta da Deputación de Pontevedra

Novembro pon o foco sobre as mulleres e sobre a ciencia e deixa enriba da mesa una realidade na que se bota en falta unha completa igualdade de oportunidades e o recoñecemento do traballo e do talento feminino. Na investigación e no traballo científico aflora unha fenda de xénero. Porén, a realidade está mudando e dende a Deputación de Pontevedra trabállase neste cambio. Falamos coa súa presidenta Carmela Silva.

Por que algunhas nenas non queren ser científicas?

Publicidade

—Porque non teñen referentes. Cando as mulleres miran ao resto das mulleres e ven a posición que ocupan no mundo, os referentes que teñen non están ligados a ciencia. Non están nos libros de texto, non están nos medios de comunicación, non están nas súas contornas máis directas e ademais as propias familias non as animan a optar pola ciencia. Diriximos ás nenas dende que nacen a outro tipo de actividades, transmitímosllo a través de todas as redes sociais e humanas que existen, comezamos pola familia, a propia escola que tampouco potencia o gusto pola ciencia e moi particularmente no caso das nenas… É todo un conglomerado de situacións que as leva a desexar ser outra cousa.

—A Deputación vén de renovar o convenio coa Universidade de Vigo para o programa InspiraSTEAM, que promove as vocacións científico-tecnolóxicas de nenas e mozas. Que conclusións se poden ir sacando?

—A propia Universidade avalía os resultados do proxecto e teñen clarísimo que hai avances. As mentoras que se achegan aos centros educativos co fin de promover o desexo das nenas e das mozas de optar polas carreiras STEAM son científicas, investigadoras, enxeñeiras, son matemáticas, tecnólogas… E elas ven que hai mulleres que se adican a este tipo de actividades, que hai referentes. Despois convidan ás alumnas a facer a súa propia análise do que acontece, por que acontece e que podemos cambiar.

“Os empregos de maior calidade, os máis dignos, os de dirección, irán da man da ciencia”

É un feito que como as mulleres nos educan para os coidados optamos por carreiras ou ciclos de formación profesional ligados aos coidados. Porén as mulleres que van a facer as mentorías amosan as nenas que as carreiras científicas e tecnolóxicas son as que van facer posible os coidados: a teleasistencia é tecnoloxía, o coidado do medio ambiente e a loita contra o cambio climático chega a través da ciencia; a intelixencia artificial vai a permitir a suficiencia alimentaria…

Carmela Silva. Foto: G.S.G.
Carmela Silva. Foto: G.S.G.

A ciencia e a tecnoloxía darán resposta as necesidades humanas máis importantes. Co programa InspiraSTEAM as nenas ven aberta a porta a outras posibilidades de futuro, para a súa propia vida.

—Neste afán de divulgación, a Deputación colabora coa Real Academia Galega de Ciencias nun ciclo de conferencias. Como se explica á mocidade e á sociedade que o futuro está na ciencia e no coñecemento?

—Hoxe en día a sociedade xa é consciente de que o futuro, as respostas ás demandas máis relevantes do planeta e da humanidade pasa pola ciencia, a innovación, a tecnoloxía… Mais todas e todos temos que ser conscientes de que os empregos de maior calidade, os máis dignos, os empregos de dirección en todos os eidos van ia man da ciencia. Se as mulleres non estamos estamos representadas ao 50% nestas áreas, non teremos capacidade para dirixir, para estar e participar en todo ese proceso de revolución total que se vai facer arredor da economía, do coñecemento… Será un paso atrás terrible na loita pola igualdade.

Iniciativas como o ciclo Aida Fernández Ríos están neste contexto, no que tamén se da a coñecer o labor científico feito en Galicia en gran parte por mulleres. Non é casual que o ciclo leve o nome dunha muller, dunha científica galega, referente internacional no eido da bioloxía mariña, e que esté estruturado con discursos igualitarios, temas atractivos para que as mozas sexan quen de descubrir un mundo novo, creo de posibilidades.

“As investigacións que se fan en O Areeiro ou en Mouriscade, da Deputación, teñen efectos prácticos no día a día”

—A Deputación conta con centros como a Estación Fitopatolóxica do Areeiro ou a Finca de Mouriscade. Por que non se visibiliza o feito de que o coñecemento ten utilidade nas nosas vidas?

—É certo que hai moito descoñecemento do que se fai nestes centros e estamos vendo como mudar a situación, traballando nun potente proxecto de comunicación tanto no Areeiro como en Mouriscade para que chegue á xente a achega que fan á sociedade e ademais con nome e dirección de muller.

Silva
Silva, no Pazo Provincial. Foto: G.S.G.

Areeiro non é só un referente na provincia e en Galicia, é un referente a nivel do Estado e internacional. As investigacións que alí se fan publícanse nos medios científicos mais relevantes e teñen efectos prácticos no noso día a día. Por exemplo, o nivel de calidade acadado no sector do viño na provincia de Pontevedra non sería tal se non houbera investigacións que deran resposta ás enfermidades que sofren os viñedos. O mesmo ocorre cos estudos e análises realizados en Mouriscade respecto a gandería galega. Neste centro queremos darlle un pulo as investigacións de mellora xenética e á mellora dos forraxes e traballar na procura dunha resposta a un problema tan grave como o das purinas.

“O Castelo de Soutomaior é un destino de turismo científico polo seu xardín. Somos a primeira Administración en obter o selo Observer”

O coñecemento abrangue outras disciplinas como a arqueoloxía, a historia… Con achados como Cornelia e os bebés do castro da Lanzada ou a recuperación e posta en valor de 18 xacementos que amosan a pegada galaico-romana.

—O estudo do noso pasado e do noso patrimonio é ciencia e investigación. Temos un proxecto cofinanciado co Ministerio de Fomento de traballo en 18 castros da provincia. Para que avancemos na posta en valor dese patrimonio temos que traballar sobre el. Con este proxecto imos ampliando os espazos arqueolóxicos co fin de obter novos achados. Eses restos lévanse ao laboratorio de Castro Deza e ao Museo de Pontevedra e alí son avaliados por expertos para obteren información sobre a datación das pezas, sobre o seu uso e simboloxía; sobre o modo de vivir da xente que se desenvolvía nos castros, etcétera. A investigación déixanos recuperar o patrimonio dun xeito máis científico e por outra banda deseñar, con este patrimonio recuperado, proxectos turísticos atractivos. Nós apostamos por un turismo non masificado, queremos que quen veña aquí poida gozar de lugares con historia, de paisaxes de lenda, de experiencias únicas.

—O Castelo de Soutomaior conseguiu en setembro o selo Observer-Destino de Turismo Científico polo seu xardín botánico e a súa longa historia.

—Somos a primeira administración do Estado que obtén o selo Observer, outro xeito de entender o turismo como experiencia. En Soutomaior hai moita investigación científica arredor do castelo e do seu xardín, no que hai árbores senlleiras e centenarias de ate máis de 800 anos, viñas, camelias…Pero tamén apostamos pola súa historia cun potente traballo de musealización, usando as novas tecnoloxías que amosan o coñecemento dun xeito máis atractivo. Este é a oferta turística de calidade que queremos para Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:54:16

Begoña Vila: “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”

A astrofísica da NASA clausura o ciclo 'Ciencia en feminino' facendo un repaso á súa traxectoria como muller e científica
00:00:00

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Begoña Vila

A astrofísica viguesa traballa actualmente na NASA e conta a súa experiencia como muller científica nun campo tradicionalmente masculinizado
00:59:50

“A presión que hai en España por investigar fóra non a hai noutros países”

As científicas galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras participaron na terceira sesión de ‘Ciencia en Femino’ para falar sobre as súas experiencias investigadoras no estranxeiro
00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas