Venres 29 Marzo 2024

Cambiemos as cifras da muller en ciencia

Hoxe é o Día Internacional das Mulleres. E e ciencia é un dos eidos onde máis resta por facer para a igualdade. No ano 2014 publicamos unha reportaxe sinxela cun título definitivo: ‘100% limpadoras; 14% catedráticas; 0% reitoras’. A Universidade de Santiago publicaba a súa lista de prazas para limpeza e todo o persoal, as 42 persoas que traballaban no servizo, eran mulleres. Mentres só unha de cada 7 eran catedráticas. E ningunha fora nunca reitora.

O Día da Muller na Ciencia foi impulsado pola ONU.
O Día da Muller na Ciencia foi impulsado pola ONU.

Así que repasamos as novas en GCiencia no último ano e descubrimos máis sombras que luces. Non hai avances significativos. É certo que institucións, e nomeadamente as universidades, tentan dar ás mulleres científicas o protagonismo que os números lles restan. E que moitas delas, como Carmen Martínez, do CSIC, demostran no día a día o seu liderado, por exemplo na exposición científica que mellor ten funcionado este ano en España, sobre a vide, en Madrid. Ou que as investigacións boten nova luz sobre a historia da muller, rachando cos estereotipos. Ou que retraten iconas machistas, asentados na sociedade, como o caso do putero español arquetípico.

Publicidade

Anima pensar que unha das dúas revistas de referencia na ciencia no mundo, Nature, saiba recoñecer o traballo das mulleres no seu informe sobre os protagonistas do ano. Tamén anima ver científicas galegas como Marilar Aleixandre, pioneira na didáctica das ciencias en Galicia, expresando o seu pensamento na entrevista que lle fixemos en novembro en GCiencia. Tamén seguen a ser un faro na historia de Galicia mulleres pioneiras como Olimpia Valencia, a primeira médica que puido exercer a súa profesión. Ou o exemplo de Concepción Arenal e as súas dificultades para asentarse no mundo intelectual da súa época. Ou María Wonenburger, que dá hoxe nome a un premio sobre muller e ciencia.

Muller e universidade: 100% limpadoras, 14% catedráticas, 0% reitoras

Tamén anima que recibamos a grandes científicas como Lisa Randall, a física máis influente do mundo, que estivo en Santiago no 2015.

Mesmo resulta simpático que unha casa de xoguetes, Lego, teña que facer unha edición especial dos seus bonecos para que as científicas aparezan representadas.

Pero os datos seguen amosando que só o 8 por cento das mulleres médicas están presentes nos postos de responsabilidade dos hospitais.

As mulleres case non están presentes nas spin-off que xorden das universidades galegas. E, no común das mulleres galegas, o acceso ás tecnoloxías da información está moi limitado. O que seica ten que ver con que se estea, non só a non incrementar, senón a perder emprego nas empresas TIC en Galicia para as mulleres.

Hai que loubar á Real Academia Galega de Ciencias, que se decatou da inxustiza de décadas sen incorporar unha muller científica. E que veñen de virar con decisión esta política.

A mesma NASA ten que facer unha campaña para que a sociedade comprenda que as mulleres poden ter, teñen e tiveron protagonismo na carreira do espazo. E vivimos nun mundo onde os europeos pensan que as mulleres non están capacitadas para a investigación.

Existe un teito de cristal na investigación. Malia que o certo é que as mulleres brillan no mundo académico, por exemplo nos premios Fin de Carreira en Galicia. Aínda que seguen a ser eles os que máis copian e plaxian nos exames xa dende o instituto.

Nun mundo onde o pasado ano tivo que dimitir un premio Nobel polas súas críticas ás mulleres como investigadoras. As palabras de Isabel Seca Vijande, na súa bitácora en GCiencia, amosan que o problema ‘non é só Tim Hunt’.

Non esquezamos que menos do 20% de postos de responsabilidade en ciencia en España están ocupados por mulleres, a pesar de que nunha institución como o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) as bolseiras supoñen o 60%. Evitar este desequilibrio e animar ás mulleres a que prosigan a carreira investigadora son algúns dos obxectivos do manifesto Cambia as cifras, presentado no último Día da Ciencia, o pasado novembro.

“Porque o mundo necesita ciencia e a ciencia necesita mulleres, é o momento de ir máis aló para lograr que elas poidan, en igualdade de condicións, dedicarse á investigación”. Así arrinca o manifestou Cambia as Cifras, impulsado polo programa LOréal-UNESCO For Women in Science.

O documento defende a necesidade de acurtar as distancias entre homes e mulleres na ciencia e que a sociedade recoñeza de forma pública a achega das científicas ao progreso da humanidade. Ademais, pretende servir de precedente para dar un envorco ás cifras, loitar contra prexuízos e abrir novas oportunidades para as mulleres.

Só o 30% dos investigadores do mundo son mulleres e unicamente o 3% de premios Nobel científicos foron outorgados a mulleres. En España, menos do 20% dos postos directivos na carreira científica están ocupados investigadoras.

As principais demandas do manifesto resúmense en seis puntos: a necesidade de dar visibilidade ao labor das científicas españolas e poñer en valor a súa achega crave para o avance da ciencia e da sociedade; dar a coñecer o seu traballo para que teña maior presenza en medios. Ademais, recoñecelas nos premios científicos, nos que están infrarepresentadas (só reciben o 18%); favorecer a súa presenza en postos de primeiro nivel en investigación; axudalas para que poidan avanzar na súa carreira investigadora, e incentivar as vocacións científicas e o interese pola ciencia desde nenas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores

A credibilidade na ciencia é menor entre a mocidade que entre o público adulto

Só o 72,6% das persoas de entre 18 e 24 anos cre que as disciplinas científicas buscan a verdade, fronte ao 90,2% da poboación maior de 65 anos