Venres 19 Abril 2024

Cen anos de Baltasar Merino, o crego que compilou a flora de Galicia

Poida que sexa un dos homes que máis pateou Galicia. Porque a percorreu de punta a cabo, dende os altos montes ata as praias máis afastadas. En cada treito, ía estudando e recollendo mostras da flora do país. Que logo clasificaba, secaba e gardaba nun herbario de proporcións descomunais, con ducias de milleiros de exemplares. Tamén descubriu novas especies para a ciencia que hoxe levan o seu apelido. E agora está de aniversario, porque se cumpre un século da desaparición deste personaxe, tan excepcional como pouco coñecido popularmente. Porque en 1917 falecía en Vigo Baltasar Merino, brillante botánico ao tempo que profesor do colexio dos xesuítas na Guarda, na desembocadura do río Miño. Do seu traballo durante décadas saíu unha das maiores compilacións de plantas de Galicia. O chamado ‘Herbario Merino‘ reúne miles de variedades, recollidas tras camiñar o país sen descanso. Hoxe consérvase repartido entre o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago.

Fento común (Pteridium aquilinum) do Herbario Merino, conservado na USC.
Fento común (Pteridium aquilinum) do Herbario Merino, conservado na USC.

Baltasar Merino y Román naceu en Burgos en 1845. Como pai xesuíta, foi destinado á docencia en diferentes centros, na Habana, Madrid e Sevilla, ata que chegou ao colexio que a orde tiña en Camposancos, na Guarda, como profesor de ciencias naturais. Alí, un dos seus alumnos foi o gran matemático e astrofísico galego Ramón María Aller.

Publicidade

Con todo, a súa intensa actividade docente non o apartou xamais da súa paixón: a botánica. Que exerceu pé a terra, percorrendo Galicia ata os seus últimos confíns. Co seu traballo describiu e compilou exemplares botánicos dende as illas Cíes ata as serras orientais do Courel e dos Ancares.

Á súa paixón pola botánica, engadiu á da meteoroloxía, cun pequeno observatorio meteorolóxico instalado no seu colexio, que lle permitiu publicar algúns estudos pioneiros no seu tempo, como o que dedicou ás borrascas na costa occidental de Galicia.

Merino tamén destacou en meteoroloxía e foi profesor de Ramón María Aller 

Pero a súa obra monumental non estaba formada por letras senón por plantas. Porque o Herbario de Merino aínda é hoxe unha obra admirada polo volume de especies recollidas e pola súa meticulosa clasificación. Chegouse a dicir que contiña máis de 70.000 exemplares en dobre copia, aínda que o investigador Francisco Javier Silva-Pando, unha autoridade no tema, ¡cifrou en máis de 20.000 exemplares os finalmente conservados, que seguen a ser unha cifra enorme.

Silva-Pando traballou arreo na conservación deste herbario, que pasou moitos anos a voltas por media Galicia. Dende o colexio de Camposancos, foi trasladado ao de Vigo, cando os xesuítas se trasladaron á cidade olívica. Durante a Guerra Civil, foi gardado por partes en varias casas particulares ata que atopou un último refuxio no balneario de Mondariz, “onde, a pesares dos coidados dos propietarios do mesmo, algunhas caixas deberon de verse afectadas por algunha pingueira”, sinalaba o investigador de Lourizán nunha monografía. Finalmente, en 1945 o herbario Merino foi cedido ao centro de investigación de Lourizán, aínda que unha parte se trasladou á Facultade de Bioloxía de Santiago.

Flora de Galicia de Baltasar Merino

“O labor do padre Merino foi de grande importancia para o coñecemento da flora galega”, escribiu Silva-Pando, quen destaca que o botánico xesuíta percorreu con esforzo a maior parte de Galicia en momentos de comunicacións moi difíciles. Din que só lle faltou alcanzar a cumio de Pena Trevinca, en Ourense. Actualmente, 114 xéneros e especies descritos polo botánico levan a abreviatura Merino tras o seu nome científico, para certificar o seu labor.

Xunto ao seu traballo botánico, Merino foi electo presidente da Sociedade Aragonesa de Ciencias Naturais en 1914 e da Academia Internacional de Xeografía Botánica en 1915. Tamén foi membro fundador, o 2 de marzo de 1909, da sección de Santiago da Real Sociedade Española de Historia Natural, da que foi presidente, con outros importantes naturalistas galegos como Antonio Eleicegui, César Sobrado, Armando Cotarelo Valledor, Eugenio Labarta ou José Deulofeu.

A súa obra ‘Flora descritiva e ilustrada de Galicia‘ foi reeditada en formato facsímile por La Voz de Galicia en 1980 Este ano cúmprese o centenario dun personaxe capital para a botánica en Galicia que faleceu en Vigo no ano 1917.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O xardín de Rosalía

A gran poeta da paisaxe galega menciona en moitos dos seus versos distintos tipos de árbores, plantas e flores, agora recollidos nun herbario

“O castiñeiro é a árbore da cultura galega, aínda que o carballo sexa máis abundante”

A investigadora do Centro Forestal de Lourizán Josefa Fernández xubílase tras catro décadas de traballo e ser a primeira enxeñeira de montes de Galicia

Os primeiros observatorios meteorolóxicos de Galicia

A Universidade de Santiago foi pioneira da meteoroloxía sistemática ata que se creou a rede das principais cidades galegas a finais do século XIX

Sete plantas para comprender a Darwin

O botánico Jaime Güemes percorre neste texto diversas especies que recoñecen o gran legado científico do naturalista británico