Xoves 25 Abril 2024

Como prepararse para o mundo que vén: a axenda da industria 4.0 en Galicia

A Xunta investirá, a través dunha estratexia para os vindeiros catro anos, 350 millóns para a adaptación do tecido industrial de Galicia

A ninguén se lle escapa que a sociedade está xa inmersa nun cambio tecnolóxico sen precedentes na historia. A incorporación da intelixencia artificial e o manexo de enormes cantidades de datos en tempo real, entre outros factores, van dar paso a un novo modelo produtivo, con profundas consecuencias para o tecido industrial de Galicia. E neste sentido, desde as diferentes administracións estanse tomando medidas para que o sector estea preparado do mellor xeito posible. No caso da Xunta de Galicia, a axenda establecida para implantar a Industria 4.0 no país ten previsto destinar arredor de 350 millóns de euros nos vindeiros catro anos, ata 2022, para anticiparse aos cambios do novo modelo, aumentar o tamaño das empresas, favorecer a aposta polo talento dixital e contribuír á reinvención do tecido industrial galego e á súa especialización desde o punto de vista tecnolóxico.

Nunha primeira fase, que comezou en 2015, esta liña de traballo axudou a 8.925 empresas, permitindo a mobilización público-privada de 935,6 millóns de euros en Galicia, ao tempo que se crearon 14.500 novos empregos industriais. Do total dos investimentos realizados, un 60% centráronse en medidas específicas da fábrica 4.0, unha porcentaxe que se prevé incrementar co plan de acción para os vindeiros anos.

Publicidade

En 2015, esta estraxexia foi aprobada co consenso de 120 axentes sociais, entre os que estaban empresas de referencia, centros de investigación e capital público e privado, e desenvolvida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

A Business Factory Auto (BFAuto), as Unidades Mixtas de Investigación, os proxectos Industria 4.0, as axudas á dixitalización e o Polo Aeroespacial de Galicia figuran entre as accións realizadas pola Xunta que están consideradas entre as mellores prácticas neste eido a nivel nacional.

Con elas, Galicia situouse na vangarda do impulso á nova industria, sendo unha das comunidades autónomas de referencia en España, e adiantouse a numerosas rexións europeas na implantación de actuacións de impulso á transformación e modernización do seu tecido industrial.  E agora, a seguinte fase desta Axenda dá un novo paso.

Catro liñas de actuación para a industria 4.0

Neste momento decisivo, coa implantación de tecnoloxías que van mudar sensiblemente as nosas vidas, como é o caso do 5G, a nova Axenda Industria 4.0 desenvolverá xa entre 2019 e 2020 catro medidas clave que afondarán na transformación do tecido produtivo cara a Industria 4.0: a prestación de servizos ás pemes (Servizos 4.0); o desenvolvemento de centros de fabricación avanzada (Solucións 4.0); a creación dun Observatorio da Industria 4.0 (Plataforma 4.0); e un programa de financiamento para as empresas (Financiamento 4.0).

Con estas premisas, Galicia quere manterse como unha das comunidades de referencia no desenvolvemento da nova industria e da fábrica conectada, así como na dixitalización. Xunto coa xeración dunha industria intelixente, na que o capital humano sexa capaz de anticiparse aos cambios e xestionar as vantaxes das novas tecnoloxías, a Axenda 4.0 servirá para continuar a impulsar o crecemento de tecido empresarial que aposte pola innovación e a internacionalización mediante a diversificación de produtos e mercados. Agárdase que, co pulo destas medidas, se acade a creación de 13.500 empregos industriais e a mobilización de 900 millóns de euros ata 2022.

 Servizos 4.0

A primeira medida a destacar é o impulso de servizos 4.0 dirixidos ás pemes, que se materializará no lanzamento de novas factorías de negocios e no desenvolvemento dos nodos de innovación dixital xa en marcha. Estes núcleos estarán especialmente centrados nos sectores estratéxicos e tecnoloxías emerxentes, como o internet das cousas (IoT) e big data e analítica.

Solucións 4.0

En segundo lugar, está prevista a creación dos Centros de Fabricación Avanzada, que terán como obxectivo validar e demostrar recursos de tecnoloxías dixitais feitas en Galicia en sectores industriais concretos. Por outra banda, e mediante o fomento da colaboración entre empresas complementarias que xeren solucións conxuntas, impulsarase a iniciativa Maquinaria 4.0, que incidirá no desenvolvemento de provedores de bens de equipo para a nova industria.

Plataforma 4.0

A estas actuacións engadirase unha terceira medida, que consiste na creación dun Observatorio da Industria 4.0, unha plataforma que facilitará o coñecemento mutuo entre axentes implicados e o deseño e activación de proxectos de colaboración.

 Financiamento 4.0

 Alén disto, para favorecer a realización de iniciativas de cooperación en I+D e o avance en investimentos tecnolóxicos e investimentos estranxeiros, deseñarase unha cuarta medida clave: un programa integral de financiamento para as empresas que desexen fortalecer a súa competitividade por medio de iniciativas encamiñadas á consolidación do novo modelo industrial.

Estas catro medidas desenvolveranse ao abeiro da Gobernanza Industria 4.0, o órgano estable con representación dos axentes socioeconómicos (empresarios e sindicatos) para liderar a orientación e desenvolvemento desta nova etapa industrial en Galicia. O novo modelo de Gobernanza 4.0 permitirá integrar as capacidades instaladas, crear polos de actividade ao redor das principais tecnoloxías e favorecer a especialización da industria galega.

Á procura de Profesionais 4.0

Un dos alicerces desta estratexia é o capital humano,  polo que cómpre facilitar a súa adaptación e especialización ao novo panorama. Neste sentido, o Goberno autonómico está impulsando a incorporación ao mundo laboral de 140 mozos e mozas. A convocatoria para adscribirse ao programa Profesionais 4.0 está aberto ata o 7 de outubro, unha iniciativa innovadora posta en marcha pola Xunta para facilitar a mellora competitiva do tecido produtivo galego, e pola que as compañías e organizacións interesadas poden acceder a axudas para a contratación de titulados universitarios e de técnicos superiores en FP de ata 35 anos.

Con este programa, a Xunta colaborará no acceso ao mercado de traballo de persoas que recentemente obtivesen a titulación esixida. Esta iniciativa, financiada con dous millóns de euros, incentiva a contratación e a formación destes profesionais por parte das empresas, autónomos con dous ou máis empregados e as asociacións, fundacións ou clústeres, para a realización de plans que garantan o seu avance competitivo no eido da Industria 4.0.

Os proxectos de mellora poderán desenvolverse en áreas tan variadas como a optimización financeira, a profesionalización da produción e a cadea loxística, o desenvolvemento de procesos e sistemas de xestión da calidade, a identificación e posta en marcha de redes de cooperación e socios, a aposta polo capital humano, o asesoramento integral ao proceso emprendedor, a dixitalización ou creación de contidos dixitais e a incorporación efectiva de tecnoloxía, entre outros aspectos.

Os titulados interesados deben darse de alta, previamente á resolución da convocatoria a finais de 2019, na base de candidatos do Igape, a través da cal as empresas e asociacións empresariais que participen no programa, e que poden solicitar as axudas utilizando a oficina virtual do Instituto, atoparán os candidatos axeitados.

Profesionais 4.0, que conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, súmase ás distintas iniciativas impulsadas pola Administración autonómica para favorecer a retención de talento na Comunidade e o desenvolvemento da carreira profesional da xente moza, ao tempo que se estimula a súa incorporación ao tecido empresarial, mellorando así a súa competitividade. Entre estas iniciativas destaca o Principia; a través da súa cuarta convocatoria, a Axencia Galega de Innovación (Gain) apoia a contratación de 110 persoas mozas cualificadas de ata 35 anos de idade para a realización de actividades de I+D+i en 77 empresas e organismos de investigación de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Aberto o prazo de inscrición para os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2023

As candidaturas poderán presentarse ata o 15 de abril de forma telemática

ODS-Protein, avanzando cara á alimentación do futuro

A innovación no sector alimentario ten un amplo horizonte de crecemento...

3eData, novas tecnoloxías para obter información completa sobre o territorio

A start-up lucense aproveita os drons e o Big Data no deseño de novas ferramentas para o sector agroforestal