Inauguracion do cuarto congreso da NOSA. Foto: edu.xunta.gal.
Inauguracion do cuarto congreso da NOSA. Foto: edu.xunta.gal.

A Axencia Espacial Escolar Galega celebra o seu cuarto congreso

Os integrantes da NOSA reuníronse no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela para presentar os resultados da anterior misión e preparar a seguinte

O Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela acolleu este luns o IV Congreso Marumasat, que supón un dos puntos de partida de cara ao quinto lanzamento da sonda que levan ata a estratosfera centos de estudantes galegos. O proxecto educativo incorporará este ano, segundo anunciaron os organizadores, melloras na xeolocalización e unha nova cámara para gravar imaxes en 360º, que servirá para preparar unha viaxe de realidade virtual pola estratosfera.

O congreso comezou coa conferencia inaugural de Salvador Bará, profesor da facultade de Física da USC, e un acto de inauguración no que tomaron parte a conselleira deUniversidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a concelleira compostelá de Educación de Santiago, Noa Díaz.

Durante a xornada da mañá tamén se presentaron as actas do terceiro congreso e os resultados de investigación dos diferentes centros participantes: o estudo sobre microorganismos extraterrestres e os intervalos preditivos na detección de muóns, do IES Marco do Camballón; a influencia do vento no despegue da cápsula, do CPI O Cruce de Cerceda; o xeoposicionamento cos sistemas LoRa e GPS e un relatorio sobre Antonia Ferrín Moreiras, do IES Xelmírez II; e o estudo e definición dos muóns, por parte do IES Ferrol Vello.

Así foi a viaxe cara á estratosfera da sonda galega Marumasat IV

Tamén se entregaron os premios do II certame de Poesía Estratosférica. Xa pola arde, houbo unha actuación musical e literaria de Estíbaliz Espinosa.

NOSA é proxecto educativo do que forman parte seis centros públicos galegos. Desde o curso 2014/2015 , ten como obxectivo principal levar ás aulas un modelo de traballo colaborativo a través do deseño e construción dunha cápsula estratosférica (MarumaSat) que, no terceiro trimestre de cada curso, realiza un voo suborbital.

Desde o primeiro lanzamento, e coa progresiva incorporación ao proxecto dos diferentes centros, a misión MarumaSat incorporou sucesivas melloras, afondando no coñecemento científico dos seus integrantes. As últimas cápsulas xa contaban con elementos como radiosonda atmosférica, placa Arduino con sensores de ozono, presión, humidade, temperatura e altitude e varios experimentos biolóxicos cos que se pretendían avaliar as condicións de habitabilidade do artefacto.

O espírito do programa, compartido por todos os docentes implicados, é concienciar o alumnado da utilidade dos coñecementos que adquire para dar resposta a retos tan complexos como desenvolver esta cápsula estratosférica. A iniciativa afonda, ademais, na cooperación entre alumnado dos distintos centros e diferentes idades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.