Venres 19 Abril 2024

As aulas de Galicia, as mellores de España en ciencias

Os criterios do informe PISA sitúa á comunidade mesmo por riba da media da OCDE tanto en competencia científica como nas matemáticas

O alumnado e profesorado das aulas de Galicia está por riba da media dos países da OCDE en canto ao rendemento en ciencias e matemáticas e, no caso da competencia científica, na comunidade acádase a mellor puntuación de todas as comunidades autónomas de España. Isto é o que o expón a última edición do informe PISA (acrónimo en inglés de Programa internacional de avaliación do alumnado), que valora as habilidades das mozas e mozos de 15 anos, publicado este martes.

O informe establece tres categorías (ciencias, matemáticas e lectura) de competencias para avaliar ao estudantado. No marco dunha caída xeralizada a nivel estatal, no que España se sitúa por debaixo da media da OCDE, Galicia obtén, con 510 puntos, a primeira posición en competencia científica entre as comunidades autónomas do Estado, seguida de Castilla y León (501) e Asturias (494). Con todo, a puntuación cae respecto a 2015, cando era de 512, pero a baixada xeral noutras comunidades (España perdeu 13 puntos de media) levou a Galicia ao primeiro posto. Os datos sitúan ás aulas galegas, sempre segundo este criterio, a niveis dos Estados Unidos, Corea do Sur, Alemaña, Países Baixos ou Reino Unido.

Publicidade

O informe PISA 2018 -que se fixo público hoxe- consolida e reforza a tendencia de mellora continua do alumnado galego tanto en competencia científica como en competencia matemática, situando a Galicia por riba da media de España, da UE e dos países da OCDE. Ademais, este informe -que analiza o grao de adquisición de destrezas e coñecementos do alumnado de 15 anos-, reflicte tamén que Galicia mellora a súa posición no ránking de comunidades autónomas con respecto ao informe anterior de 2015.

En competencia matemática, Galicia queda en quinta posición, con 498 puntos, 17 máis que a media de España e 9 máis que a OCDE. Só a superan Navarra (503), Castela e León (502) e Cantabria e Euskadi (ambas con 499), o que sitúan a Galicia en niveis semellantes a Alemaña, Suecia ou Finlandia.

Na proba de lectura, a outra das tres que compón o informe, a OCDE aprazou a publicación dos resultados de España por “anomalías” detectadas á hora das probas realizadas nas aulas (ver PDF), onde se constataron respostas moito máis rápidas do habitual e seguindo patróns comúns, o que espertou as sospeitas dos avaliadores.

O informe PISA tamén avalía un novo indicador que caracteriza o grao de segregación que ten lugar nas aulas para o alumnado en vantaxe ou desvantaxe respecto do resto de estudantes: o índice de illamento, que determina, segundo explica a Consellería de Educación, a probabilidade de que un alumnado dunhas determinadas características estea matriculado en centros nos que se matricula outro de características distintas, cunha medida que oscila entre 0 e 1, na que o valor próximo a 0 indica unha moi baixa segregación.

No caso de Galicia, este índice é do 0,10 no caso do alumnado en desvantaxe, polo que se confirma esa baixa segregación (a media de España é de 0,16 e da OCDE do 0,17), e ao nivel dos países participantes con menor grao de segregación como Noruega (0,09), Finlandia (0,10).

En que consiste o informe PISA?

Este informe enfócase na avaliación no rendemento dos estudantes en lectura, matemáticas e ciencia, tres aspectos chave no ensino do alumnado. Do mesmo xeito, a través de PISA tamén se compila información sobre as actitudes e motivacións dos estudantes, a través de criterios como a resolución colaborativa de problemas e as competencias globais. O programa tamén recolle datos para valorar outras habilidades clave, como o pensamento creativo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O matemático Eduardo García Río ingresa na Academia de Ciencias 

O catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago incorpórase á sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación

O proxecto MEDRA fomenta a investigación en física de partículas entre o alumnado de bacharelato

O IGFAE acolleu a presentación dos traballos realizados por decenas de estudantes na súa primeira experiencia investigadora

Este mapa interactivo amosa a calidade de vida en Galicia: suspenso en salarios e sobresaínte en saúde

A OCDE deseña unha ferramenta que permite consultar diferentes parámetros: dende o nivel de educación ata a velocidade da internet