A profesora Pilar Ponte é a cordinadora de Aulas Galegas.
A profesora Pilar Ponte é a cordinadora de Aulas Galegas.

Aulas Galegas, a xanela para seguir aprendendo na corentena

A colaboración do profesorado saca adiante un portal con recursos educativos e divulgativos adaptada a diversas etapas e materias do ensino

Cando o xoves 12 se anunciou en Galicia a suspensión das aulas debido á crise do coronavirus, a comunidade educativa tivo que afrontar, como tantos outros sectores da sociedade, unha situación inédita. Como manter a actividade lectiva a distancia, co alumnado traballando desde a casa? Ademais do esforzo diariao nos centros educativos, un colectivo de profesoras e profesores de Galicia decidiu naqueles días poñer en marcha o portal Aulas Galegas, unha guía destinada a axudar ao alumnado, as familias e ao propio profesorado para atopar recursos e materiais educativos na rede e en galego.

A profesora Pilar Ponte, impulsora de iniciativas como 21 días co galego, é unha das coordinadores que puxo en marcha Aulas Galegas. Explica que foi froito da reunión “dun grupo de compañeiros que pensamos que sería bo concentrar os materiais que cada un de nós facía e poñelo a disposición dos e das estudantes”. A resposta do profesorado, destaca Ponte, foi excepcional. o web de Aulas Galegas ten un formulario para que calquera persoa poida achegar o seu gran de area, e ata a tarde do luns 30 xa son máis de 450 os profesionais que se ofreceron a axudar. Sobre todo profesores, pero tamén terapeutas, orientadores, traballadores sociais ou actores, actrices e escritores e escritoras.

Desde o luns 16, cando os impulsores de Aulas Galegas comezaron a publicar contidos, xa levan difundido preto de 250 publicacións de niveis que van desde o primeiro curso de Educación Infantil (3 anos) ata 2º de Bacharelato e os ciclos de Formación Profesional e case unha vintena de materias.

Para todas e todos

Ademais dos contidos máis achegados aos niveis de ensino, o portal dispón dunha sección que leva por título “Para todas e todos“, na que se inclúen temas abertos a toda a cidadanía, tendo en conta as especiais circunstancias nas que moita xente está a afrontar o confinamento. Así, Creación Dixital ofrece ferramentas de ocio baseadas en novas tecnoloxías; Enredos acolle diversos xogos; Estamos cos maiores contén recursos para persoas de idade avanzada e a xente que estea convivindo con eles durante estas semanas, con actividades físicas, de memoria ou de coidados, Mares de Cultura expón o traballo de creadores de diversas disciplinas artísticas; Lecturas compartidas presenta relatos e outras pezas para gozar en grupo; e Outras olladas achega recursos para atender á diversidade funcional e a educación emocional, entre outros aspectos.

O apoio e a colaboración do profesorado está sendo tal que, segundo explica Pilar Ponte, están tendo que limitar o número de publicacións por día para poder facer as correccións previas á difusión dos contidos. Por este motivo, Ponte amósase “moi agradecida” polo apoio do colectivo para que o alumnado poida dispoñer deste portal de entretemento durante estas semanas.


Máis información sobre Aulas Galegas no seu web.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.