Xoves 25 Abril 2024

Atopan un planeta como a Terra na estrela máis próxima ao Sol

Despois de moito buscar, un equipo internacional de astrónomos liderado por científicos españois atopou o exoplaneta máis próximo á Terra. Chámase Próxima b, presenta unha masa similar, vira cada once días ao redor da veciña estrela Próxima Centauri e está situado na zona de habitabilidade, é dicir, que podería albergar auga líquida e, potencialmente, vida.

A estrela Próxima Centauri, denominada así por ser a máis próxima ao Sol e situarse na constelación Centaurus, está a tan só 4,2 anos luz da Terra. Trátase dunha fría anana vermella, demasiado débil para observala doadamente, aínda que veciña dun sistema estelar moito máis brillante e popular: Alfa Centauri, ao que seguramente pertence.

Publicidade

O planeta foi bautizado Proxima b e só está a 4,2 anos luz da Terra

Agora, un equipo de astrónomos atopou evidencias claras da presenza dun planeta similar á Terra orbitando ao redor de Próxima Centauri, o que o converte no máis próximo ao noso fóra do sistema solar. Ademais, atópase na zona de habitabilidade, a rexión ao redor dunha estrela onde as condicións de temperatura permiten a existencia de auga líquida e, por tanto, é un candidato para buscar vida.

Este mundo, que os astrónomos levaban buscando intensamente desde hai anos, bautizouse co nome de Próxima b. Tras uns días de rumores e filtracións en varios medios estranxeiros, o seu descubrimento é portada esta semana na revista Nature, onde os autores describen os detalles do exoplaneta.

Infografía que compara as órbitas da Terra e de Proxima b coas súas estrelas.
Infografía que compara as órbitas da Terra e de Proxima b coas súas estrelas.

“Dedicamos dous anos a deseñar esta campaña, que observou Próxima Centauri desde xaneiro ata marzo deste ano con telescopios de catro observatorios. Aínda que o sinal era prometedor desde o principio, revisamos a súa consistencia cada noite: é verdadeiramente emocionante saber que hai un planeta parecido á Terra ao redor da estrela máis próxima a nós”, destaca Guillem Anglada, investigador español que encabeza o estudo desde a Universidade Queen Mary de Londres.

A pesar disto, algúns expertos consideran que as condicións na súa superficie se poderían ver moi afectadas polas labaradas de raios X e de radiación ultravioleta que emite a súa estrela, moito máis intensas que as que experimenta a Terra respecto ao Sol. A posibilidade de que exista vida nos planetas ao redor das estrelas ananas vermellas actualmente é obxecto de debate entre a comunidade científica.

En calquera caso, Próxima b constitúe o candidato idóneo para estudar as características dos planetas ao redor de ananas vermellas e, por extensión, para a procura de trazas que poidan indicar a existencia de vida. De feito, o sistema Alfa Centauri (ao que moitos astrofísicos consideran que pertence Próxima) é tamén o obxectivo do primeiro intento da Humanidade de viaxar a outro sistema solar: o proxecto StarShot apadriñado por Stephen Hawking, que propón o envío alí dunha frota de naves minúsculas en busca de mundos potencialmente habitables.

Aquí podes ler
o artigo publicado na revista Nature

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente

Estes foron os primeiros animais da Terra

As medusas crearon a primeira liñaxe, séguenlle as esponxas e posteriormente, a diversificación de todos os animais

A humanidade está usando o 173% da biocapacidade do planeta, di un estudo

Unha análise de investigadores estadounidenses advirte que a desigualdade no acceso aos recursos e o seu consumo ameaza a erradicación da pobreza

Máis de 80 millóns de persoas viven por riba dos 2.500 metros de altitude no planeta

Un estudo afonda nas estimacións sobre as comunidades que viven nas zonas máis altas, o que podería axudar a comprender as múltiples adaptacións da especie humana