Venres 29 Marzo 2024

Astrónomos da USC, á procura de estrelas dobres en Armenia

Os doutorandos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA) Jorge Gómez Crespo e Luca Piccotti están realizando unha campaña de observación de estrelas dobres no Astrofísico de Byurakan (Armenia) no marco do proxecto ‘Estudo de binarias pechadas de especial interese astrofísico e dinámico na era Gaia’ que dirixe o profesor José Ángel Docobo e financia o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.

Gómez Crespo e Piccotti están facendo uso da cámara de interferometría speckle propia do OARMA acoplada ao telescopio armenio de 2,6 metros de apertura na procura de datos astrométricos e fotométricos de estrelas binarias. Grazas a esta técnica é posible desdobrar binarias cuxa separación angular se atopa preto do límite de resolución do telescopio.

Publicidade

Jorge Gómez e Luca Piccotti, en Armenia. Foto: USC.
Jorge Gómez e Luca Piccotti, en Armenia. Foto: USC.

As estrelas dobres son pares de estrelas asociadas pola mutua atracción gravitatoria, e como consecuencia diso ambas compoñentes describen órbitas en torno ao seu centro de masas común. Entre os diferentes puntos de interese do estudo das estrelas dobres destaca o feito de que a partir das súas órbitas é posible determinar as masas das compoñentes do sistema, sendo a masa dunha estrela á súa vez un parámetro esencial para definir o seu camiño evolutivo.

Aínda máis, desdobrando as chamadas binarias espectrocópicas mediante interferometría speckle conséguese non só determinar as masas por separado das compoñentes, senón tamén obter con precisión a distancia á binaria (paralaxe orbital) o que permite controlar as paralaxes medidas actualmente pola sonda espacial Gaia. “Mesmo finalmente se pode establecer a órbita tridimensional do sistema”, aclara Docobo.

Estas estrelas constitúen a principal liña de investigación do OARMA  xa desde que Ramón María Aller introducise o seu estudo en España. Nos últimos anos, o equipo do observatorio compostelán tivo a oportunidade de poder realizar campañas de interferometría speckle de binarias con grandes telescopios tanto de Europa como de América, que deron lugar a un amplísimo número de órbitas obtidas mediante o uso dun método orixinal de cálculo establecido no OARMA.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa

Descubertos seis exoplanetas que ‘bailan’ de forma sincronizada arredor da súa estrela

Os planetas posúen unha configuración que apenas cambiou desde hai máis de mil millóns de anos

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente