Venres 19 Abril 2024

Astrónomos profesionais e afeccionados de Asturias descobren catro novos exoplanetas

Investigadores da Universidade de Oviedo formaron a amateurs que durante o confinamento causado pola Covid-19 rastrexaron tránsitos de exoplanetas

Unha colaboración de astrónomos afeccionados e un equipo de científicos do Instituto Universitario de Ciencias e Tecnoloxías Espaciais de Asturias (ICTEA) da Universidade de Oviedo acaba de dar os seus froitos no descubrimento de catro novos exoplanetas e 14 novos candidatos. Os resultados da investigación foron aceptados para publicación na revista Monthly Notices of the Royal Astronomical Society, de gran impacto na súa área do coñecemento, e xa están dispoñibles no repositorio arXiv.

O proxecto denominado K2-OjOS ( K2-Ojímetro Survey) consistiu na inspección visual por parte de 10 astrónomos amateurs dun total de 20427 curvas de luz da décimo oitava campaña do telescopio espacial Képler na súa misión estendida K2. Os astrónomos amateurs, dirixidos por profesionais do ICTEA, escudriñaron a ollo todas as curvas de luz co obxectivo principal de detectar tránsitos de exoplanetas, traballo para o que foran previamente adestrados por parte dos investigadores do ICTEA.

Publicidade

A procura, que se realizou no marco dos confinamentos da primavera do ano 2020 ocasionados pola Covid-19, finalizou coa detección dun elevado número de sinais de tipo tránsito de exoplanetas, así como de novas estrelas variables reportadas por vez primeira. Os investigadores do ICTEA desenvolveron a continuación un profundo traballo de peneirado e análise de todos os datos solicitados que concluíu co descubrimento de catro novos exoplanetas validados (K2-355 b, K2-356 b, K2-357 b e K2-358 b), así como 14 novos candidatos.

Equipo de participantes no proxecto k2-OjOS. Foto: Universidade de Oviedo.
Equipo de participantes no proxecto k2-OjOS. Foto: Universidade de Oviedo.

Tamén se recuperaron planetas descubertos en campañas previas de K2 cuxos parámetros planetarios e orbitais foron recalculados e mellorados ao engadir os datos da 18ª campaña. Igualmente, na investigación discutíronse as condicións de habitabilidade dos planetas atopados e realizouse unha comparación entre os métodos automáticos de detección de exoplanetas e as procuras realizadas por persoas.

Javier de Cos, director do ICTEA, destaca que a importancia deste achado reside non só no descubrimento de exoplanetas, senón tamén na posta en marcha dun proxecto de colaboración entre profesionais e amateurs. “Neste momento, a pesar de todos os algoritmos intelixentes desenvolvidos, tanto noutras institucións como no ICTEA, nada supera a capacidade humana de detectar os planetas. Neste campo, como en tantos outros dentro da astrofísica, dispoñer de astrónomos amateur coa formación adecuada permite abordar proxectos máis ambiciosos con éxito. O confinamento foi o caldo de cultivo perfecto para estes dez colaboradores que, durante algúns meses, substituíron as súas saídas nocturnas por sesións de análises a ollo, subliña De Cos.

Neste estudo, ademais de científicos do Instituto Asturiano de Ciencias e Tecnoloxías Espaciais de Asturias e astrónomos amateurs da Sociedade Astronómica Asturiana Omega, participaron investigadores do departamento de Química e Física Analítica da Universidade de Oviedo, investigadores da Universidade de Tokio, da Universidade de Chalmers e do Centro de Astrobiología.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa

Descubertos seis exoplanetas que ‘bailan’ de forma sincronizada arredor da súa estrela

Os planetas posúen unha configuración que apenas cambiou desde hai máis de mil millóns de anos

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente