Ana Ulla, José Ángel Docobo, Miguel Ángel Ríos e Francisco Díaz-Fierros lembran a chegada á Lúa.
Ana Ulla, José Ángel Docobo, Miguel Ángel Ríos e Francisco Díaz-Fierros lembran a chegada á Lúa.

Así vivín eu a chegada á Lúa: falan os científicos galegos

Ana Ulla, José Ángel Docobo, Miguel Ángel Ríos e Francisco Díaz Fierros recordan como foron aquelas horas de hai agora 50 anos

O Instituto Galego de Estatística di, a través do último padrón municipal de habitantes, que en Galicia hai 1.041.847 persoas que teñen máis de 55 anos. Son estas, por tanto, as persoas que puideron vivir cunha certa capacidade para lembrar o 20 de xullo de 1969 do que agora se cumpren 50 anos. Por tanto, máis da metade da poboación galega aínda non nacera aquel día tan relevante para a humanidade e para a ciencia.

Tal e como acontece con outros feitos históricos, case todo o mundo lembra onde estaba e que estaba facendo ese día, e como o viviu. GCiencia quixo saber como viviron aquel día varios investigadores de referencia en Galicia, que xa poden lembrar con certa claridade o que aconteceu aqueles días. Falan Ana Ulla, José Ángel Docobo, Francisco Díaz-Fierros e Miguel Ángel Ríos.

Estas son as preguntas que lles presentamos:

1 – Lembra onde estaba e que fixo o 19 de xullo de 1969?
2 – Que sentiu ao ver que o ser humano chegou á Lúa?

Ana Ulla

Doutora en Astrofísica pola Universidad de La Laguna e profesora do departamento de Física Aplicada na Universidade de Vigo.

1- Lembro ben o día e o acontecemento: na miña casa había un televisor pequeno en branco e negro, aparello que non en todas as casas do barrio había, e alí estabamos unha boa recua de nenos e nenas sentados polo salón mirando a tele. En vez de estar na rúa xogando coma outros días (tamén pasaban moi poucos coches nesa época e podiamos xogar literalmente no medio da rúa sen perigo), todos queriamos ver o da chegada dos astronautas á Lúa. Supoño que o que vimos foi a repetición da retransmisión ao día seguinte, porque na miña memoria estabamos vendo a tele pola tarde.

2- Eu tiña catro anos, as imaxes eran bastante borrosas, pero lembro pensar que aquilo debía ser algo moi importante e que igual chegaría un día en que todas as persoas poderiamos viaxar á Lúa como quen ía de vacacións a Extremadura -que, naquela época e en Seat 600, xa era unha viaxe bastante aventurada-. Obviamente de momento non é o caso, pero penso que a miña mente infantil si acertou co da importancia do evento.

Francisco Díaz-Fierros

1.- Lémbrome perfectamente do día e do momento. Estaba en Lugo, acompañado polo meu cuñado, e ficamos ao pé da TV, ata non sei que horas da madrugada, para poder ollar como o primeiro home pisaba a lúa. A miña muller non nos acompañaba porque estaba embarazada da nosa primeira filla , Maricha, que naceu ese decembro. Estaba cansa e deitouse cedo.

2.- Non podo dicir que sentise unha emoción especial, pero si que me fixo pensar na impresionante capacidade técnica da humanidade que facía realidade soños como o de Xulio Verne, a quen si tiven moi presente nese momento. Tamén pregunteime sobre cales serían os pasos seguintes da carreira espacial. Se todo aquilo sería para ben da humanidade ou suporía só un novo episodio da Guerra Fría. O 68 non había moito que o pasáramos e, desde aquela (ou quizais un pouco antes) preguntabámonos sobre as aplicacións sociais da ciencia. Todo aquel gasto serviría para algo? Os paises subdesenvolvidos, beneficiaríanse de todo iso? Coido que daquela, o que comezaba a chamarse a “crítica da ciencia” tiña máis presencia nos grupos que nos considerabamonos como “comprometidos” que na actualidade.

Galicia, 20 de xullo de 1969: así se viviu a chegada á Lúa

Miguel Ángel Ríos

1- Estaba en Santiago, facendo vida practicamente normal, eso sí, con expectación e moi pendente da televisión.

2- Sentín unha gran emoción e moita admiración polo éxito da misión, algo espectacular. A miña reflexión foi e sigue sendo constatar como o coñecemento en profundidade das leis da natureza permite controlalas e usalas para obter desenvolvementos tecnolóxicos que fan posibles fitos coma este. Son grandes proxectos que dan ánimos e contribúen moito ao desenvolvemento tecnolóxico. Todo avanzou moito desde entón. Hoxe sería máis fácil. A conclusión é que investigar as leis da natureza é algo moi importante.

José Ángel Docobo

1- Estabamos nunha casa de Pousada, en Chantada, cuns amigos. Daquela a televisión en branco e negro non adoitaba emitir de noite, polo que era outra novidade. Houbo que quedar esperto (ou erguerse) ás catro da mañá para ver aquel fito insólito. No momento no que Armstrong saíu do módulo lembro que se fixo un silencio absoluto, porque a xente era consciente de estar vivindo algo histórico.

2-  Daquela xa tiña unha intensa atracción cara a Astronomía, pero estou seguro que aquela noite impulsou moitas vocacións. Coma moita xente, caín na conta de que se cumprira un reto que parecía imposible: o home camiñando sobre outro corpo celeste a 400.000 quilómetros de distancia. A partir de aí, ademais das seguintes viaxes á Lúa, enseguida se pensou en novos destinos, sondas a marte, viaxes interplanetarias, etc. Sen dúbida, aquel fito foi un punto e a parte na exploración do cosmos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.