Xoves 28 Marzo 2024

Arsuaga: ‘Non sobrevive o máis forte: o éxito da especie humana é social’

O paleoantropólogo e director científico do Museo da Evolución Humana, Juan Luis Arsuaga, visitou en Santiago para participar no encontro Spin 2016, celebrado na Cidade da Cultura. No transcurso do mesmo celebrouse esta entrevista con GCiencia na que o arqueólogo fala sobre as “case infinitas” posibilidades de investigación que aínda presenta o xacemento de Atapuerca e insiste en que non hai que santificar a tecnoloxía, xa que para que esta xorda antes as persoas teñen que facerse as preguntas axeitadas para facilitar unha resposta tecnolóxica a estes interrogantes.

-Cales son os proxectos máis importantes nos que se está a traballar agora en Atapuerca?

Publicidade

-Como é coñecido no xacemento temos rexistros de máis dun millón de anos de antigüidade. Nos últimos tempos estamos a publicar traballos sobre os primeiros agricultores e gandeiros nos tempos do Neolítico, hai uns 5.000 anos. Tamén estamos analizando material xenético que permite coñecer a historia das poboacións europeas e nos permite investigar, por exemplo, sobre a Idade do Bronce.

Arsuaga no Spin16. Foto: Xabier Martínez / RedEmprendia
Arsuaga no Spin16. Foto: Xabier Martínez / RedEmprendia

-Aínda é posible encontrar sorpresas nos descubrimentos que se fan en Atapuerca?

-Atapuerca e un lugar con posibilidades case infinitas. Este verán, por exemplo, estivemos despexando un novo xacemento, chamado a Cova do Fantasma, que se utilizou como canteira e estaba cheo de refugallos. Ao final da campaña de verán presentamos as conclusións do que atopamos alí e pouco despois atopamos un parietal humano que abre novas posibilidades de investigación.

-Cre que a sociedade española é realmente consciente do tesouro que existe en Atapuerca?

-Somos unha sociedade sen moita tradición científica e outros países supérannos claramente. Porén temos máis de 300.000 visitantes ao ano en Atapuerca de todas as idades e a maioría son españois. Visto con perspectiva si que existe un incremento do interese pola Ciencia nos últimos anos e o español ten unha boa predisposición polo coñecemento científico. A isto tamén contribúe que agora algúns científicos cobran protagonismo e iso permite achegar a Ciencia á xente. No caso de Atapuerca xa hai moitos nenos que estudan o complexo na escola e temos acadado unha gran identificación coa sociedade.

‘Atapuerca é un lugar con posibilidades case infinitas’

-En qué liñas van investigar no complexo nos vindeiros anos?

– No futuro aparecerán liñas científicas novas das que agora non temos idea. Por exemplo, hai dez anos non tiñamos ADN e agora o temos, o cal e permite avanzar en novas liñas de investigación. Atopamos o ADN humano máis antigo que ten 450 mil anos. Estamos a avanzar en estudos sobre a dieta e a mobilidade dos poboadores de Atapuerca. O tratamento dixital das imaxes permítenos ir cara adiante nestes terreos. O bo é que este proxecto atrae colaboradores de distintos puntos do mundo que desenvolven unha tecnoloxía que podemos utilizar. A tecnoloxía permitiu dar un salto nas investigacións pero hai que lembrar que non xorde de súpeto, antes hai que facer os enfoques axeitados. Teñen que haber cambios nas ideas para dar paso ás novas tecnoloxías.

-Vostede falaba na súa intervención neste congreso sobre o uso erróneo que ás veces se fai da Teoría da Evolución. Pode afondar algo máis nesta idea?

-Fronte o que algunhas veces din, a Teoría da Evolución non significa que o máis forte é quen sobrevive senón que o fai o que mellor se adapta. O éxito da nosa especie e un éxito social. O obxectivo non debe ser comportase dun xeito desapiadado para triunfar. Pódese ser boa persoa e triunfar nos negocios, os que non teñen escrúpulos o que obteñen ao final é o fracaso.

-Afectaron tamén os recortes en investigación a Atapuerca?

-Afectan cousas como a falta de reposición dos investigadores nas universidades, o que leva ao envellecemento neste sector. Agora semella que a situación se pode reverter. Agardo que o próximo goberno, sexa o que sexa, aposte por recuperar o terreo perdido. Hai posibilidades de facer medrar o proxecto de Atapuerca e creo que con máis ciencia e máis comunicación, entre outras cousas, podemos seguir avanzando.

1 comentario

  1. Cuáles son los ejemplos clásicos de evolución?
    Si el hombre aparece hace 1 o 2 millones de años , en q ha evolucionado desde entonces?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego detecta posibles biomarcadores da esquizofrenia resistente ao tratamento

Científicos do IDIS identifican un perfil de 16 microARN que diferencia aos pacientes que non responden á medicación dos que si o fan

Atopada unha proteína que evita que o ADN se triplique

Un equipo do CNIO descobre un sistema 'antifallo' que podería ter aplicación na prevención do cancro e doutras enfermidades

Por que os humanos non teñen cola? A resposta está nos “xenes saltóns”

Un estudo publicado na revista 'Nature' explica que secuencias móbiles de ADN propiciaron a perda deste apéndice

Os bebés con Down eran enterrados con rituais específicos na prehistoria europea

Unha investigación identificou seis casos de nenos e fetos, cinco deles de entre 5.000 e 2.500 anos atrás