Xoves 25 Abril 2024

Arqueólogos atopan un novo estilo de arte rupestre no sur de Ourense

Durante o mes de agosto un equipo do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, baixo a dirección de Félix González, volveu por segundo ano consecutivo á zona ourensá do Alto Támega, na fronteira con Portugal, para afondar nos restos da Prehistoria recente que nela se conservan. Unha vez rematado o traballo de campo, os responsables do proxecto salientan como as descubertas realizadas confirman o alto valor do patrimonio arqueolóxico da comarca, tanto pola cantidade de elementos presentes como pola existencia dun estilo propio e diferencial de arte rupestre. 

Segundo informa Rosa Tedín, no DUVI, a intervención arqueolóxica, que tivo financiamento da convocatoria do campus de Ourense e da Deputación Provincial INOU 2014, contou coa participación de Beatriz Comendador e de bolseiros e voluntarios da Facultade de Historia ourensá, continuando agora o traballo de laboratorio e con outras liñas de actuación do proxecto, como a divulgación. “Despois de dúas campañas a conclusión que extraemos é que a medida que se profunda no estudo do patrimonio arqueolóxico da zona do Támega confírmase a gran riqueza do mesmo, ata o de agora pouco estudado alén dos importantísimos estudos de eruditos locais e do valioso traballo dos numerosos afeccionados á arqueoloxía que habitan alí”, comenta Félix González

Os novos petroglifos están entre a Arte Atlántica e a Arte Esquemática

Especialmente interesante, sinala o director do proxecto, é o estudo da arte rupestre desta zona, ata o de agora mal caracterizada, xa que parece responder a un estilo propio que estaría na fronteira entre a Arte Atlántica, propia das zonas costeiras de Galicia, e a Arte Esquemática, propia do interior peninsular. En todo caso, recalca, “independentemente da natureza da arte rupestre, queda fóra de toda dúbida a alta densidade destas manifestacións, polo que de agora en diante esta zona debe ser tida en conta á hora de elaborar as grandes sínteses de arte rupestre do Noroeste peninsular”. 

Publicidade

Petroglifo das Cuncas

No traballo de campo realizado en agosto os arqueólogos acometeron dúas accións principais. Por unha banda, remataron os traballos iniciados o ano pasado no petróglifo das Cuncas, en Vences, Monterrei, delimitando correctamente o conxunto do afloramento e descartando a existencia de máis motivos que os rexistrados na anterior campaña. “Tamén se descubriu algún novo gravado a base de coviñas e círculos nas inmediacións deste petróglifo das Cuncas, o que revela o gran potencial arqueolóxico que alberga esta zona”, engade o director do proxecto. 

A segunda das actuación consistiu na limpeza e rexistro, mediante calco sobre plástico e fotogrametría, dos petróglifos de Penedo do Mouro e Penedo do Mouro 2, ambos en Sandín, tamén en Monterrei. “Os dous petróglifos, pero sobre todo o do Penedo do Mouro 2, acollen uns motivos moi característicos dos que ata o momento non coñecemos paralelos na arte rupestre do Noroeste Peninsular, o que sen dúbida confirma a necesidade de profundar nun estilo de arte rupestre diferente ao da costa atlántica e ata o de agora pouco coñecido e pouco estudado”, sinala González. Nas inmediacións destes dous petróglifos catalogáronse tamén unha nova mámoa e un novo petróglifo, previamente descubertos por Bruno Rúa

Os investigadores piden facer visitables estes xacementos para poñelos en valor

“Estes novos achados incrementan aínda máis o catálogo de xacementos arqueolóxicos da zona. Desde o noso punto de vista sería necesario realizar unha aposta decidida pola posta en valor deste conxunto patrimonial a través da sinalización do seu acceso e a colocación de paneis informativos, co obxectivo de ofrecer un mínimo de información sobre o sitio a todo cidadán que se achegue a visitar o conxunto”, comentan os responsables do proxecto. Precisamente para divulgar e valorizar este patrimonio, durante o desenvolvemento do traballo de campos durante o mes de agosto os seus promotores levaron a cabo diferentes actividades dirixidas a que o público interesado coñecese o traballo que alí se realiza. 

Deste xeito, organizouse unha visita nocturna ao petróglifos das Pisadiñas, un dos dous conxuntos estudados o ano pasado, a cargo de Beatriz Comendador; no Festival do Alto Támega os arqueólogos realizaron un obradoiro participativo sobre arte rupestre destinado a nenos e adultos e tamén se celebrouse unha conferencia sobre Monterrei entre os séculos IX e XIV, impartida polo profesor Francisco Javier Pérez no marco das accións de rexeitamento á conversión do castelo de Monterrei en hotel. “Unha vez máis, a experiencia foi altamente satisfactoria, demostrándose o grande interese da xente pola salvagarda e por poñer en valor o seu patrimonio”, salienta Beatriz Comendador.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos