Ángeles López durante a súa intervención no Pint of Science deste ano, en Santiago de Compostela.
Ángeles López durante a súa intervención no Pint of Science deste ano, en Santiago de Compostela.

Ángeles López: “A migración climática en Siria foi moito maior cá da guerra”

Ángeles López, profesora da USC e deseñadora de Comunidades Sostibles, explicou as causas, consecuencias e posibles solucións deste fenómeno no Pint of Science 2019

Cando se fala do cambio climático, adóitase pensar en contaminación, desxeo, subida das temperaturas, alteración das condicións atmosféricas… Pero unha realidade que a miúdo pasa desapercibida é a migración climática. Os problemas derivados da escaseza de recursos provocados polo cambio global, os desastres naturais asociados (inundacións, secas) e os conflitos políticos que xorden por mor destas situacións van ser un problema a nivel mundial neste século XXI. Fronte a este panorama xorden movementos que buscan solucións: unha delas é a creación de comunidades sostibles.

Ángeles López Agüera é deseñadora de Comunidades Sostibles no ámbito dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Naciones Unidas (ONU) e profesora na facultade de Física de Santiago. Afirma que actualmente hai arredor de 64 millóns de migrantes climáticos; dentro de 50 anos, nas condicións máis críticas, poderían ser 1.000 millóns. Estas cifras sobre a migración sobrecolleron ao público asistente á xornada do pasado mércores na edición de 2019 de Pint of Science en Santiago de Compostela, celebrada na Nave de Vidán.

O ámbito de actuación dos obxectivos de desenvolvemento sostible, segundo expuxo a profesora da USC, son comunidades rurais e pequenas, de menos de 20.000 habitantes e pobres. A axenda de 2030 de Desenvolvemento Sostible prevé que para 2030 haxa un total de 200 comunidades sustentables; López Agüera conclúe: “Non van nada mal, porque xa hai 76″.

Causas da migración

Existen unha serie de causas que impiden a vida nestes territorios: a seca, a desertización, a falta de colleitas…. Pero a máis importante é o acaparamento verde. As sociedades desenvolvidas acumulan territorios para producir agricultura e gandería de forma intensiva, e isto despraza aos pobos orixinais. Segundo Agüera, isto podería evitarse facilmente cunha lexislación que protexa os dereitos das comunidades afectadas nestes territorios.

Todos os Obxectivos de Desarrollo Sostible (ODS). Fonte: ONU
Todos os Obxectivos de Desarrollo Sostible (ODS). Fonte: ONU

A nivel xeográfico mundial identifícanse varias zonas principais de migración, como a bacía do Amazonas, o lago Chad, Siria ou Filipinas. O mecanismo de resposta é aumentar a resiliencia destas zonas, é dicir, a capacidade da poboación para resistir na súa contorna, obviamente dentro dunhas condicións razoables. A profesora afirma que esta adaptación podería evitar a migración climática masiva. E neste punto, na súa charla en Pint of Science, Ángeles López expuxo exemplo como o de Siria. Non é a primeira vez que se fala dos problemas previos co clima, antes da guerra civil que aínda hoxe asola o país. “A migración climática en 2007 en Siria foi moito maior cá da guerra posterior”, subliñou Agüera.

Ademais de aumentar a resiliencia, outro dos obxectivos da ONU é lograr ‘pobreza 0′ en termos multidimensionais. Este concepto fai referencia á pobreza non só económica, senón tamén a enerxética e de recursos. A profesora insiste na importancia de paliar este déficit, xa que ademais, moitas veces as pobrezas están interrelacionadas.

Os antecedentes

Para marcar estas novas metas foi moi importante a aprendizaxe previa dos obxectivos do Milenio. A primeira foi, apunta Agüera, que as grandes inxeccións económicas non bastaban: “Déronse grandes efectos indesexados nas poboacións obxectivo, como o aumento do nivel de desigualdade económica e da contorna rural fronte á urbana”.

Fronte a esta realidade, descobren que só as iniciativas que a propia comunidade pode integrar en si mesma (Down-Up) tiñan posibilidades de éxito, mentres que as gobernamentais estaban abocadas ao fracaso. Aquí xorde tamén a necesidade de interrelacionar as distintas pobrezas: poñer o foco de atención só nunha provocaba un aumento da desigualdade nas outras.

A parte tecnolóxica: o método CLEW

Un gran avance cara a consecución dos obxectivos sería a creación dun modelo sostible común, reproducible e validable. Hai unha serie de factores que poderían propiciar a elaboración deste prototipo, como os modelos de baixa dependencia externa, baixo o lema “eu produzo, eu consumo”.

Esta é unha forma de empoderar e facer resiliente a unha comunidade: baseándoa na autosuficiencia. Ademais, os modelos de baixa dependencia externa teñen un ciclo de vida positivo; a longo prazo, os gastos son menores que os ingresos en termos económicos, enerxéticos e medioambientais.

Outro factor relevante é a reivindicación das tecnoloxías adecuadas fronte ás máis avanzadas: atopar cal é o tipo de tecnoloxía que mellor se adapta ás características técnicas e ambientais dunha determinada comunidade, xa que o óptimo non é sempre a tecnoloxía máis avanzada.

Pero o instrumento máis poderoso para facer políticas de sostibilidade é CLEW Nexus (climate,  land,  energy,  water). O obxectivo desta ferramenta é deseñar novas formas de xestión para suplir as necesidades hídricas, enerxéticas e alimentarias, asegurando á súa vez a sustentabilidade de recursos naturais. Para iso, CLEW  Nexus analiza as interconexións entre estes tres sectores básicos para identificar as posibles sinerxias e acadar o método óptimo.

Trátase dun programa no que traballan máis de 6.000 persoas, financiado polo Banco Mundial Europeo e avalado polas Nacións Unidas. De feito, a partir de 2020, ningún programa que queira optar a financiamento será admitido se non conta con esta ferramenta de traballo.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.