Ana María Prieto, nunha demostración na empresa Bull. Arquivo familiar.

Ana María Prieto, nunha demostración na empresa Bull. Arquivo familiar.

Morreu Ana María Prieto, a primeira programadora galega

A pioneira da informática en Galicia faleceu o 19 de xuño aos 76 anos en Becerreá, onde residía desde os anos 70

Ana María Prieto López (Santiago de Compostela, 1942), a primeira programadora informática galega, e tamén unha das pioneiras en toda España, faleceu o 19 de xuño aos 76 anos en Becerréa, onde residía desde había anos. Con 21 anos, en 1963, Ana María Prieto realizou en Madrid un curso de informática da empresa Bull General Electric. “Naquel momento, ao non existir aínda facultades de informática, a formación realizábase nas empresas”, explica o xornalista Henrique Neira, que entrevistou a Prieto para o seu libro Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía editado en 2015 polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).

As imaxes cedidas pola familia para esta publicación amosan a Ana María Prieto en oficinas rodeada de homes. No nacente mundo da informática, as mulleres traballaban sobre todo como operadoras,  pero apenas se dedicaban a tarefas máis técnicas. Nunha destas imaxes aparece xunto a Juan Carlos de Borbón.

Despois de casar, en 1973, deixou a súa carreira de programadora e regresou a Becerreá, onde viviu desde entón

Hai dous anos, nunha entrevista de Suso Varela en La Voz de Galicia, a programadora contaba que exerceu durante seis anos en Madrid ata que en 1969 regresou a Galicia para traballar como informática na Caixa de Aforros. Porén, en 1973, casou e deixou o traballo para regresar a Becerreá, onde pasaba os veráns na infancia. “Tiña moitas ganas de ter unha familia, e iso puido máis que a miña carreira como programadora”, dixo na entrevista.

Con todo, seguiu empregando os seus coñecementos na empresa familiar, Almacenes Zoilo, unha firma dedicada á construción na que traballou ata a súa xubilación. “Compramos un microordenador que fun programando para mecanizar toda a empresa. En Becerreá ninguén se enteraba, estaba soa nun piso programando e atendiendo á miña familia”, contaba para La Voz.

 O anonimato desta pioneira durou ata despois do seu falecemento. A casualidade quixo que Manuel Vicente, director do programa Efervesciencia, intentara poñerse en contacto con ela hai poucos días para entrevistala no seu programa. Pero ao chamala por teléfono, saíu unha mensaxe dicindo que o número non existía. Contactou entón Manuel con Henrique Neira, e ambos descubriron na rede a esquela de Ana María, con data do pasado 19 de xuño. Este xoves, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia amosou tamén o seu pesar e transmitiu as condolencias á familia polo seu falecemento.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.