Venres 29 Marzo 2024

Alumnos do Instituto Galego de Bos Aires visitan o Sarmiento de Gamboa

Tamén coñeceron a Misión Biolóxica de Galicia do CSIC dentro do programa de dúas semanas de inmersión no país

O grupo de estudantes do Instituto Gallego Santiago Apóstolo de Bos Aires conclúen a súa viaxe de estudos a Galicia visitando algúns dos centros cos que conta o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) na nosa comunidade. Concretamente, coñeceron hoxe as instalacións da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) en Pontevedra e do Buque Oceanográfico Sarmiento de Gamboa en Vigo.

Os estudantes estiveron tamén acompañados da directora de Observer, Maite Vence, que visitou ambas as dúas institucións para estudar a súa estrea como destinos de turismo científico.

Publicidade

Coa visita aos centros do CSIC en Galicia, os estudantes dan por concluída unha estadía que se iniciou hai xa dúas semanas e que os levou a percorrer distintos puntos da comunidade, así como a visitar as principais institucións.

Os 22 alumnos, de entre 17 e 18 anos, pertencen ao Instituto Arxentino Gallego Santiago Apóstolo de Buenos Aires, unha institución obra da Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Boas Aires, a través da Fundación Galicia América, que ten como obxectivo desenvolver un proxecto educativo bicultural en todos os niveis de ensino.

Os alumnos, ante a Misión Biolóxica de Galicia do CSIC.

Na súa visita aos centros do Consello Superior de Investigacións Científicas en Galicia estiveron acompañados do delegado institucional do CSIC na comunidade, Antonio De Ron Pedreira, quen resaltou a oportunidade que supón “dar a coñecer o labor científico fóra do noso país, xa que a transferencia de coñecementos non entende de fronteiras”.

Acompañáronlle tamén Elena Cartea, directora da Misión Biolóxica de Galicia e Luís Ansorena, responsable da sede atlántica da Unidade de Tecnoloxía Mariña, como anfitrións nos seus respectivos centros, e a responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC Galicia, Luisa Martínez.

Durante a mañá, os estudantes tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións da MBG, os seus laboratorios e as leiras de experimentación. Trátase do centro máis antigo en Galicia, que en 2021 cumprirá un século de existencia.

Na xornada da tarde, os alumnos desprazáronse ata a cidade de Vigo, onde se atopa a sede atlántica da Unidade de Tecnoloxía Mariña ( UTM-CSIC), que é o centro encargado da xestión integral do buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa.

Os alumnos do Instituto Arxentino Santiago Apóstolo tiveron a oportunidade de coñecer este barco de investigación multidisciplinar de ámbito global non polar. A instrumentación e os laboratorios cos que conta permítenlle facer estudos da circulación oceánica global, a biodiversidade mariña, os recursos pesqueiros e o cambio climático; tamén se utiliza para realizar traballos de xeoloxía, geofísica mariña, hidrografía, oceanografía física e química, bioloxía mariña, estimación de recursos (pesqueiras), monitoraxe do océano con vehículos operados remotamente e despregamento de observatorios submarinos.

O Sarmiento de Gamboa conta ademais coas tecnoloxías máis avanzadas en canto a sistemas de navegación (por exemplo, o posicionamento dinámico) e é o primeiro buque oceanográfico español que pode traballar con ROV’ s ( Remote Operated Vehicle) de altas profundidades e con AUV’ s (Autonomous Underwater Vehicle).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde