Sábado 20 Abril 2024

Alumnado da UVigo constrúe o seu propio barco solar

A asociación CES-UVigo, composta por estudantes de enxeñaría, prepara un trimarán autónomo de seis metros de lonxitude

Desde a asociación CES-UVigo (Clean Energy Ship-UVigo), integrada por unha decena de estudantes de enxeñaría, sobre todo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET), levan meses compatibilizando os estudos coa construción do seu propio barco solar e, desde agora, contan cun novo espazo no que poder traballar, un taller-laboratorio localizado no aparcadoiro da escola, o que facilita os traslados para as probas en auga, e con capacidade suficiente para aloxar a embarcación e todos os materiais e ferramentas necesarias para a súa posta a punto. O novo espazo foille cedido pola dirección da EET e a idea é que permaneza aí mentres que sexa útil.

“A asociación contaba xa cun espazo dentro da escola para poder traballar nos aspectos que non requiren de uso directo da estrutura do barco, que seguirá á súa disposición. Con este contedor-laboratorio complementamos os lugares de traballo, especialmente agora que a estrutura xa está construída”, subliña a directora da escola, Rebeca Díaz, recalcando a importancia de que o equipo conte cun sitio axeitado no que traballar con comodidade. “O proceso de deseño e fabricación dun barco é longo e difícil, máis para nós, xa que se trata da nosa primeira embarcación”, explica Roi Martínez, responsable de Márketing do equipo, ao que engade que a idea é estrear oficialmente a embarcación na Energy Boat Challenge de Mónaco en 2022.

Publicidade

O barco solar estase a construír, e a idea do grupo é presentalo na Energy Boat Challange de Mónaco en 2022. Foto: Duvi.
O barco solar estase a construír, e a idea do grupo é presentalo na Energy Boat Challenge de Mónaco en 2022. Foto: Duvi.

O novo taller-laboratorio é un contedor marítimo de aceiro reacondicionado. As súas medidas son 12 metros de longo; 2,43 metros de ancho e 2,89 metros de alto. “Son estruturas fabricadas para resistir moitos meses no mar, polo que unicamente foi preciso facer algunhas comprobacións antes de pintalo”, explica a directora da escola. A idea é equipalo agora co material preciso para poder facilitar o traballo, aínda que para aspectos que non requiran da manipulación no barco (probas previas dos sistemas de control, por exemplo) seguirase traballando nos espazo habilitados dentro da EET.

A embarcación que están a construír é un trimarán de seis metros de longo, dous e medio de ancho e arredor de 110 kg, pensado para funcionar a grandes velocidades e formado por unha peza principal e dúas laterais, máis pequenas, que achegan estabilidade ao conxunto. No casco central sitúanse o motor, as baterías e o habitáculo para o piloto.

Construído xa o casco –os traballos arrancaron no verán de 2020– o equipo está agora centrado no desenvolvemento da parte enerxética da embarcación, “ensamblaxe de placas, conexión de sistemas electrónicos e implementación do sistema eléctrico”, e na fabricación dos foils, “as pezas claves que permitirán á embarcación elevarse sobre a auga, reducindo o rozamento e aumentando a eficiencia eléctrica”, explica o estudante. O próximo obxectivo será probar a resposta do barco na auga, sen as placas solares. “Para iso cargaremos as baterías en terra e botaremos a embarcación para comprobar que todos os sistemas funcionan como tiñamos planeado”, subliña Martínez, ao que engade que cando todo estea axustado instalaranse as placas e o barco será totalmente autónomo.

Este proxecto ten a súa orixe nunha proposta do fundador da empresa Marine Instruments, Francisco Pino, que foi quen, inicialmente, contactou coa Universidade na procura de mozas e mozos dispostos a facer seu o reto de fabricar un barco co que competir en regatas internacionais. “Sempre contamos co seu apoio, unha axuda que, entre outras cousas, se materializou no préstamo dun taller en Nigrán no que levamos meses traballando”, explica Martínez, quen salientou que esas instalacións contaban con todo o equipamento necesario para levar adiante un traballo destas características e permitíronlle avanzar no proxecto desde o primeiro intre.

“A idea é que tras a instalación deste contedor teñamos que desprazarnos menos a Nigrán e poidamos aproveitar máis os ocos libres entre as clases na Universidade”, explica o alumno, ao que engade no despacho da escola centralizaron os labores de soldadura de pezas pequenas, programación e cálculos sobre os distintos sistemas do barco.

A asociación CES-UVigo está captando estudantes para sumarse á entidade

Coincidindo co arranque do novo curso, a asociación CES-UVigo atópase en pleno proceso de captación de alumnado. “Somos un equipo multidisciplinar, hai cabida para calquera membro da comunidade universitaria”, explica Martínez, ao que engade que o que move ao equipo é “a motivación, o entusiasmo e as ganas”, polo que máis aló de persoas con coñecementos de enxeñaría, o que precisan é que teñan “ganas de traballar e demostrar o que valen”. Neste momento a maioría dos integrantes son alumnas e alumnos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e contan só con dous integrantes da Escola de Enxeñería Industrial. Agora, con esta ampliación, agardan que se incremente o número de integrantes doutras escolas, e incluso dalgún grao non relacionado coas enxeñarías (marketing, organización de empresas…) que lles dean un maior valor como equipo.

As persoas interesadas en unirse ao equipo deben cubrir, antes do vindeiro 5 de outubro, o formulario que teñen na súa web, “unha vez feito isto xa nos poñemos nós en contacto con eles”, salienta Martínez.

Desde a dirección da escola valoran de xeito moi positivo a participación do seu alumnado neste tipo de proxectos que lles permiten levar á práctica en diferentes ámbitos a formación de base que adquiren ao longo dos seus estudos no centro. “Para nós é un orgullo poder colaborar con estas asociacións como entidade patrocinadora”, salienta Díaz, quen lembra que ademais da asociación CES-UVigo, a escola colabora activamente con outros grupos de estudantes, incluíndo UVigo SpaceLab (deseño e fabricación de pequenos satélites); UVigo Motorsport (monopraza de competición); IEEE Students Branch, rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) da UVigo; a Asociación de Retórica, o Foro Tecnolóxico de Emprego, así como a propia Delegación de Alumnado, que é transversal a todas elas. “Estas asociacións son embaixadoras da nosa escola, así como da propia Universidade de Vigo e outros centros, e a súa actividade permite visualizar a versatilidade da formación que reciben na EET, así como ámbitos de aplicación diferentes aos habituais co que se nos relaciona”, salienta a directora da escola.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático