Venres 29 Marzo 2024

Alberto Gago: “O cambio climático é o principal reto deste século”

O científico social ingresa na Real Academia Galega de Ciencias cun discurso centrado na importancia de aplicar medidas de mitigación

Sen lugar a dúbidas. O cambio climático eríxese como o principal reto da civilización no século XXI. Así o expresou o científico social Alberto Gago durante o acto de ingreso na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). O doutor en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e catedrático de Facenda Pública na Universidade de Vigo (UVigo) intégrase na institución como académico numerario da Sección de Ciencias Económicas e Sociais. Durante o seu discurso de ingreso, titulado Economía, Cambio Climático e Políticas Públicas, abordou a importancia de tomar medidas que mitiguen os efectos deste fenómeno climático.

Así mesmo, Gago aseverou que a economía ten unha enorme responsabilidade na análise, avaliación e mitigación dos efectos máis nocivos do cambio climático. Por iso sinalou o “extraordinario” despregue de recursos de investigación realizado durante as últimas décadas, multiplicando os enfoques para analizar os impactos económicos do cambio climático. “Está na nosas mans dar resposta a este reto se despregamos o arsenal de políticas das que dispoñemos. A Unión Europea (UE) pide acción e ten razón, porque canto máis tardemos, máis rápido teremos que movernos no futuro e moito máis caro será o custo da transición”, sentenciou o científico social.

Publicidade

Estratexias económicas

Entre as estratexias económicas de loita contra o cambio climático, Gago fixo fincapé nas políticas de mitigación, as máis importantes e as que empregan un amplo abano de instrumentos. De todos eles, declarou que o máis utilizado consiste na fixación de prezos ao carbono, para o que adoitan usarse os denominados “impostos ambientais”. Explicou que se trata de instrumentos que fan aflorar os custos sociais que causan as actividades contaminantes e reducen os danos ambientais ao influír sobre as demandas de produtos e consumos con efectos nocivos a través dos prezos. Así mesmo, teñen características de flexibilidade e efectividade, promoven a innovación e proporcionan recursos públicos importantes para facilitar a transición ás economías descarbonizadas que os países da UE asumiron no Acordo de París.

“Canto máis tardemos, máis rápido teremos que movernos no futuro e máis caro será o custo da transición”

Gago tamén declarou que os impostos ambientais teñen unha incidencia moi ampla, que debe ser analizada con coidado. Segundo argumentou, a economía pública das últimas décadas leva realizados moitos esforzos de investigación con este obxectivo. “Os argumentos de eficacia non son suficientes, como cabe ilustrar con outro exemplo referido ás políticas públicas de incentivo. En todo caso, o coidado na análise dos efectos, na avaliación previa dos impactos, na correcta definición dos instrumentos, non son motivos suficientes para demorar a posta en marcha de paquetes amplos e fortes de políticas públicas, impostos incluídos”, subliñou.

Resposta máis intensa

En conclusión, o novo membro da RAGC aseverou que a economía tal vez respondeu con preguiza diante do problema do cambio climático no século pasado, pero nas dúas últimas décadas do presente século está reaccionando con intensidade. “Sabemos o que está a ocorrer e que sendas seguir para asegurar a transición ás economías descarbonizadas. En certo sentido, a pandemia veu reforzar o empeño, porque demostrou que temos unha enorme capacidade social para adaptar hábitos e procesos, para mobilizar elevadas sumas de fondos e para acelerar a innovación cando nos enfrontamos ao maior reto posible: a sustentabilidade da nosa civilización”, asegurou.

O acto de ingreso

O acto de ingreso, que se celebrou no Pazo de San Roque en Santiago, comezou co discurso do presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, co que lembrou a figura do académico Luis Caramés, falecido hai pouco. “A defensa do medio ambiente e a loita contra o cambio climático necesitan dun esforzo colectivo e pluridisciplinar, abordando aspectos normativos, técnicos, sociais e económicos, unha visión holística que permita considerar todas as facetas dun problema poliédrico tan complexo e tan urxente“, manifestou ao respecto, incidindo en que o obxectivo da RAGC é mobilizar á opinión pública a buscar solucións a medio e longo prazo.

“A defensa do medio ambiente e a loita contra o cambio climático necesitan dun esforzo colectivo e pluridisciplinar”

Ademais destes dicursos, o académico numerario e presidente da Sección de Ciencias Económicas e Sociais, o catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña (UDC) José Ramón Cancelo de la Torre, ofreceu unha sincera resposta á disertación de Gago. Comezou pola parte curricular, sinalando que o novo académico comezou a súa actividade económica e investigadora en 1979 cando se incorporou ao Campus de Vigo. Catro anos despois, presentou a súa tese, que marcou a súa primeira gran liña de investigación, a reforma do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, publicando entre mediados dos anos 80 e 90 estudos e propostas de mellora do sistema fiscal español nas principais revistas de facenda pública.

Extensa carreira científica

Xa na década dos 90, Cancelo explicou que o profesor Gago interesouse cada vez máis polas externalidades negativas asociadas á deterioración do medio ambiente, iniciando unha nova liña de investigación na súa carreira científica centrada na imposición ambiental. O inicio desta nova etapa investigadora estivo marcado pola publicación dun artigo na revista Palau 14 en 1994 xunto ao profesor Xavier Lavandeira, e que foi o principio dunha sucesión de artigos nas revistas máis prestixiosas. Esta bagaxe bibliográfica situou a Gago como experto en reforma fiscal e imposición, e por iso actuou por exemplo como asesor da Secretaría de Estado de Hacienda no deseño do Proxecto de Reforma  Fiscal de 2006.

O acto celebrouse no Pazo de San Roque en Santiago. Foto: RAGC
O acto celebrouse no Pazo de San Roque en Santiago. Foto: RAGC

Ademais desta extensa carreira científica, Gago tamén dirixiu multitude de teses de doutoramento, grupos de investigación, comisións de xestión de investigación, transparencia e formación de investigadores, implicándose coa súa institución, a Universidade de Vigo da que finalmente foi reitor entre 2006 e 2010. “A traxectoria de Gago é a dunha persoa que renunciou aos seus intereses persoais nun dos seus mellores momentos profesionais para dedicarse de maneira absoluta e incondicional á súa universidade e, cando esa etapa finalizou, retomou a súa actividade investigadora con toda naturalidade”, asegurou.

Ao acto de ingreso de Alberto Gago tamén asistiron outros compañeiros da institución, así como a directora Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Mª Sagrario Pérez; o reitor da USC, Antonio López; o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; a vicerreitora do Campus de Ourense da UVigo, Esther de Blas Varela; o reitor da UDC, Julio E. Abalde; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; entre outras autoridades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Academia de Ciencias entrega os Premios Ernesto Viéitez Cortizo 2023

Recoñece a tres equipos galegos polo estudo de microplásticos, do control da glicosa e da mellora de imaxes médicas con IA

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

A RAGC premia ao equipo da UDC que busca métodos para identificar microplásticos no medio

Os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2023 conceden dous áccesits, un para a USC e outro para a UDC

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas