Venres 19 Abril 2024

Un novo acelerador de electróns para o Laboratorio de Radiofísica da USC

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, xunto coa directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, e o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, Manel Cotos, visitaron este luns as instalacións do Laboratorio de Radiofísica da USC (RPL) en Campus Vida. Esta é unha instalación científica singular dotada de equipos emisores de radiación ionizante e equipos de medida de calidade metrolóxica que permiten prestar servizos de transferencia tecnolóxica e I+D+i de forma transversal a distintos sectores. Ademais e dende o pasado mes de xaneiro, a Consellaría de Industria aprobou a posta en marcha dun acelerador lineal de electróns (LINAC) instalado no propio laboratorio cedido polo Centro Oncolóxico de Galicia, cuxa dispoñibilidade na USC supón unha capacidade única en España e das poucas que se podan atopar con estas características no resto de Europa.

A visita estivo guiada polo director técnico do Laboratorio, Diego Miguel González Castaño, quen explicou que na actualidade as capacidades  e servizos prestados polo RPL concéntranse en colaboracións con empresas, organismos e institucións dos sectores aeroespacial, sanitario, industrial e Investigación e Desenvolvemento. En relación ao sector aeroespacial, as instalacións da USC permiten a realización de ensaios de resistencia á radiación de sistemas electrónico de satélites, aeronaves e vehículos espaciais. Aínda que os principais usuarios deste servizo son europeos (ESA ou Airbus, entre outros), as instalacións do RPL “representan unha oportunidade única para promover a internacionalización de iniciativas aeroespaciais como a produción de satélites ou o deseño de aplicacións para drons”, explicou o profesor Gómez.

Publicidade

O acelerador ten unha capacidade única en España e moi pouco habitual en Europa

A calibración de instrumentación de medida en radioterapia é outro dos ámbitos de traballo das instalacións visitadas hoxe. Como se puxo de manifesto, o RPL é o único laboratorio secundario acreditado en nivel de terapia en España. Concretamente, calibra e verifica os equipos de control de calidade dos servizos de radioterapia hospitalaria. Agora, grazas a dispoñibilidade do LINAC, pódense verificar os equipos dos hospitais nunhas condicións idénticas ás da práctica clínica, incidindo na mellora da calidade dos tratamentos, ademais de aliviar a carga de traballo do persoal sanitario nos seus centros. Tamén colabora estreitamente coa Fundación Rof Codina e o CBIOVET para ofrecer tratamentos de radioterapia curativa a pacientes veterinarios.

No sector industrial, as instalacións do laboratorio permiten a realización de ensaios non destrutivos (como a avaliación de tecnoloxías de inspección por raios x para usos industriais na industria conserveira ou a aeroespacial, entre outros), a caracterización de materiais de blindaxe radiolóxico para a construción ou, en materia de instrumentación, a caracterización de sensores de radiación das centrais nucleares españolas.

As capacidades técnico-científicas do RPL permitiron á USC participar en proxectos de investigación europeos como Skyflash e abriron a entrada do RPL na Rede Europea de Metroloxía, na que participa en tres proxectos simultáneos. Ademais, persoal deste servizo colaborou na redacción do novo protocolo de dosimetría da Axencia Internacional de Enerxía Atómica, en uso en todos os hospitais do mundo.

1 comentario

  1. Excelente o traballo que están a facer Diego e Faustino de apoio os servizos de Radioterapia non so galegos senon do resto de España.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor