A Academia Galega modifica a definición de homeopatía no dicionario

Produtos homeopáticos.
Produtos homeopáticos.

A Real Academia Galega retirará da definición de ‘homeopatía‘ e ‘homeópata‘ as alusións á medicina coas que se relacionaba esta pseudociencia. Faráo despois de anunciar hai un mes que revisaría estas entradas no seu dicionario, despois das queixas de varios usuarios nas redes sociais.

Nas entradas previas á modificación, que xa se aprobou e en cuestión de poucas semanas se fará efectiva na páxina web, inclúese nesta definición a marca semántica do tecnolecto (variedade lingüística que empregan os expertos nun determinado ámbito profesional ou técnico) de Medicina. No caso da homeopatía,  dise dela que é un “sistema terapéutico que se basea na administración, en doses infinitesimais, de substancias que producen efectos semellantes aos da enfermidade que se trata, así como na individualización dos tratamentos”. A mención ao suposto “sistema terapéutico” desaparecerá na nova definición.

Do mesmo xeito, a definición de homeópata di que se trata dun “médico que se dedica á práctica da homeopatía”, cando en moitos casos non é así. Porén, retirarase a equiparación de homeópata con médico.

A definición noutros dicionarios

Nos dicionarios doutras linguas, non hai unanimidade sobre a vinculación da homeopatía coa medicina. O Priberam da lingua portuguesa, defínea como “sistema médico que cura as doenças com as próprias substâncias que as podem determinar”. Porén a Real Academia Española non menciona á medicina, e fala de “sistema curativo que aplica a las enfermedades, en dosis mínimas, las mismas sustancias que, en mayores cantidades, producirían síntomas iguales o parecidos a los que se trata de combatir”.

Do mesmo xeito, o Diccionari do Institut d’Estudis Catalans define a homeopatía como “pràctica terapèutica que consisteix a tractar les malalties per mitjà de medicaments a dosis mínimes, els quals, administrats a dosis més grans produirien en la persona sana símptomes iguals als de la malaltia que es tracta de combatre”. Tamén fala simplemente de terapia o diccionario Larousse de francés, que di “méthode thérapeutique consistant à prescrire à un malade, sous une forme fortement diluée et dynamisée, une substance capable de produire des troubles semblables à ceux qu’il présente”.

E tampouco hai criterios únicos na lingua inglesa. Así, o dicionario Oxford sinala que é “a system of complementary medicine in which ailments are treated by minute doses of natural substances that in larger amounts would produce symptoms of the ailment”. Pola contra, o libro de Cambridge non cita á medicina, e fala de “a system of treating diseases in which sick people are given very small amounts of natural substances that, in healthy people, would produce the same effects as the diseases produce”.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.