Son horas de nervios e conta atrás en Cabo Cañaveral, na Florida, á espera da apertura da xanela de lanzamento da misión Lucy da NASA. A sonda, a bordo dun foguete Atlas V, iniciará na mañá do sábado 16 de outubro (madrugada nos EUA) unha viaxe de 12 anos cara ás orixes do sistema solar: achegarase á órbita de Xúpiter e visitará os asteroides coñecidos como troianos, unha especie de fósiles de decenas de quilómetros de diámetro con máis de 4.000 millóns de anos atrás, que ficaron case que inalterados durante todo este tempo. Esta viaxe, e os preparativos que se realizaron nos últimos anos, están a ser filmados pola produtora galega Somadrome, dirixida por Ruth Chao (Mondoñedo, 1976), e especializada en documentais sobre ciencia. A obra, que en galego leva por título A viaxe de Lucy, estrearase na primavera de 2022.
Desde Cabo Cañaveral, Ruth Chao conta a GCiencia que están a ser días “dun frenesí incrible, cunha intensidade de traballo alucinante”. Nos últimos meses, e afrontando as limitacións provocadas pola pandemia da Covid-19, o equipo de Somadrome gravou o avance da construción da sonda Lucy nas instalacións da empresa Lockheed Martin, en Colorado, e o seu traslado a Florida.
Nestas xornadas de conta atrás está a recoller as impresións do equipo da misión, liderada por Hal Levinson e Cathy Olkin, á espera de que na madrugada do sábado 16 se abra unha xanela de 21 días nas que Lucy deberá comezar a viaxe ata os asteroides troianos. “As condicións parecen moi favorables, pero está moi presente a presión de conseguir o lanzamento neste período de tempo, o único posible para que a misión saia segundo o planeado”, di Ruth Chao. Por tanto, estanse a poñer a punto todos os sistemas de lanzamento, analizando o tempo atmosférico de cara a que todo estea listo na madrugada do sábado, cando se producirá o primeiro intento de saída do foguete que leva dentro, encartada, á sonda Lucy.

A viaxe de Lucy e a súa xénese
No ano 2017, a NASA dou visto e prace á misión Lucy, que ten un custo de preto de 1.000 millóns de dólares. Pouco despois, mentres Somadrome preparaba unha serie documental sobre asteroides, os camiños da produtora e os impulsores da misión cruzáronse. “Falamos con Hal Levinson e Cathy Olkin, que son grandes expertos en asteroides, e gustoulles o documental. E foron eles mesmos os que nos propuxeron facer un documental que seguira o traballo que estaban a facer para a NASA. Recordo perfectamente o momento no que recibín a mensaxe, foi algo estupendo”, conta Ruth Chao. Desde entón, case tres anos atrás, están a seguir unha misión fascinante.
“Isto dá unha medida do que o ser humano é capaz de facer. Como di Hal Levinson, isto non deixa de ser un feixe de humanos dándolle un puntapé a unha peza de aluminio que vai ir moi, moi lonxe no espazo. Ver como se forxa todo isto faiche percibir como somos quen de facer cousas inmensas. Estamos habituándonos a ver que a ciencia axuda ao avance da humanidade, pero cando te paras a pensar en todo o que hai detrás dis: ‘Pois si que o estamos facendo ben a veces”, reflexiona Chao.
Unha traxectoria deseñada ao milimétro para millóns de km e 12 anos de viaxe
A viaxe de Lucy é un enorme desafío científico e técnico. Os asteroides troianos oscilan diante e detrás de Xúpiter nos puntos de Lagrange L4 e L5, unhas rexións que xeran un equilibrio gravitacional entre o maior planeta do sistema solar e o propio Sol. Impulsada pola propia gravidade da Terra e os seus paneis solares, Lucy danzará polo espazo para acadar os seus obxectivos. Para que todo coincida, a traxectoria tivo que atopar o momento exacto, na xanela de lanzamento que comeza este sábado.
“O deseño da traxectoria dá conta das mentes tan privilexiadas que conseguen atopar a maneira de levar a Lucy ata os asteroides troianos. Unha das claves á hora de que a NASA aceptase a misión foi que vai chegar a sete asteroides nunha soa misión, e iso foi grazas a unha traxectoria moi enxeñosa. Por exemplo, despois dunha primeira etapa vai volver pasar pola órbita da Terra para coller impulso”, resume a directora luguesa.
Así, despois de máis de tres anos, Lucy fará a súa primeira ‘parada’ en abril de 2025 para visitar o asteroide Donald Johanson, nomeado na honra do científico estadounidense que descubriu en 1974 en Etiopía os restos fósiles do homínido que, á súa vez, dá nome á misión da NASA. Esta parada permitirá á misión recoller datos importantes cos que facilitar a súa seguinte etapa. En 2027 e 2028, Lucy chegará a Eurybates, Polymele (que foi observado desde a península ibérica a finais de setembro), Leucus e Orus, catro troianos do punto L4 de Lagrange.

En 2029, Lucy abandonará a órbita de Xúpiter, viaxará case dous anos ata a contorna da Terra e, co impulso desta órbita, sairá de novo á procura da seguinte etapa da misión, no punto L5, cara ao troiano binario Patroclus, co seu satélite Menoetius, onde chegará en 2033.
Nestes 12 anos de misión, a sonda estudará a forma e a composición dos asteroides troianos, que se verán de preto por primeira vez. Os modelos de formación e evolución dos planetas suxiren que estes corpos se parecen moito ao material primordial que deu pé aos planetas, polo que é probable que dean novas pistas sobre a orixe da vida na Terra.
“Aínda non sabemos moi ben como se foi formando o sistema solar, e os troianos están ‘atrapados nun lugar do espazo bastante peculiar, no que permaneceron case inalterados en todo este tempo, polo que nos poden axudar a entender as nosas orixes”, explica Ruth Chao.
Estrea na primavera de 2022
Dentro duns meses, cando Lucy estea navegando cara ao encontro dos troianos, Somadrome ten previsto estrear o documental, na primavera de 2022. “Está estruturado como unha contra atrás, e como unha especie de thriller no que se amosa como xorden os obstáculos na preparación da misión, e como se foron resolvendo. A nosa idea, máis alá dalgunhas entrevistas que temos pendentes, é finalizar a gravación o día do lanzamento, e poñernos xa a editar”, conta a realizadora galega.
A viaxe de Lucy (Behind Lucy, na súa versión en inglés) poderá verse, entre outras canles, na plataforma de documentais Curiosity Stream. Tamén conta co apoio de TVE, TVG (que emitirá o documental en galego) e a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic).
Ademais deste documental, Somadrome traballa actualmente no lanzamento doutro documental, Off Earth, no que tamén participa a TVG, e que en galego levará o título Alén da Terra. Nel abórdase a irrupción das empresas privadas na exploración espacial, o coñecido como New Space, unha disciplina que está transformando a investigación de todo o universo que está aí fóra.