Acto de sinatura do convenio para o financiamento da vacina desenvolvida no CiQUS. Foto: USC.
Acto de sinatura do convenio para o financiamento da vacina desenvolvida no CiQUS. Foto: USC.

A vacina contra a Covid-19 desenvolvida en Santiago recibe un novo pulo de 20.000 euros

Novo apoio para o proxecto na procura dunha vacina contra a Covid-19 que desenvolve desde Santiago de Compostela o grupo do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS). A investigación, liderada polo profesor José Martínez Costas, foi a primeira iniciativa galega que recibiu financiamento do Fondo Covid-19 do Instituto Carlos III, ao propoñer unha metodoloxía ideada e patentada na propia USC. Despois de acadar varias fontes de financiamento, esta semana recibiu un novo pulo a través da achega de 20.000 euros por parte da empresa de vehículos especiais UROVESA. Este financiamento captouse a través da campaña de micromecenado “Sumo Valor”, que mantén aberta a USC.

O financiamento formalizouse este  xoves no acto de sinatura do convenio de colaboración empresarial, no que interviñeron o reitor Antonio López e o CEO de Urovesa, Justo Sierra Rey, xunto a quen tamén acudiron a presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra; o director do CiQUS, José Luis Mascareñas; e o investigador principal do proxecto que se enmarca neste convenio, José Manuel Martínez Costas.

A metodoloxía, segundo explica Martínez Costas, “permite programar células de calquera orixe para que constrúan micro (MS) ou nanoesferas (NS) proteicas e introduzan nelas calquera proteína de interese mediante o seu etiquetado cunha ‘etiqueta’ denominado IC”. Estas microesferas poden funcionar como vacinas en ausencia de adxuvantes e as proteínas integradas préganse perfectamente, permitindo estruturas cuaternarias e incluso reaccións enzimáticas. “Neste proxecto pretendemos xerar microesferas que conteñan o dominio S1 da proteína S ou as proteínas M o N do SARS-CoV-2 e caracterizar nun modelo de rato a resposta inmune que inducen ao administrar por vía intranasal ou intramuscular”, continúa o investigador principal. O equipo colabora co Centro de Investigación en Sanidade Animal (CISA) de Madrid, onde se realizarán os ensaios para probar a vacina.

A metodoloxía está xa desenvolvida nos sistemas de expresión de baculovirus, células de mamífero e bacterias, e adaptarase ao sistema de levaduras para a súa implementación rápida en vacinas humanas. No transcurso do acto de sinatura do convenio, Martínez Costas manifestou o seu agradecemento pola “xenerosa financiación” recibida neste caso por parte dunha entidade privada, que dá impulso e “reforza o noso esforzo no desenvolvemento dunha vacina contra a Covid-19”.

José Martínez: “Temos un sistema para buscar a vacina que ninguén máis ten”

Justo Sierra, de UROVESA deixou patente na súa intervención que “a investigación que se desenvolve na USC é un traballo de gran valor social”. Coa achega realizada, UROVESA quere contribuír á xeración de coñecemento a través de ferramentas cargadas con vocación de permanencia. “Máximo no momento actual no que avanzar no desenvolvemento dunha vacina ten tanta importancia pública ou social”, continuou. O contrato asinado coa USC para realizar esta doazón é unha decisión que se xustifica no seu valor social, dixo, na medida en que “mellora as posibilidades de superar a situación actual”.

O reitor, Antonio López, subliñou que “o valor máis grande que temos é o coñecemento” e así se visibiliza con este tipo de proxectos. Facer investigación punteira como a que se vincula ao proxecto de Martínez Costas é relevante para mellorar as condicións de vida da sociedade. Conseguir que a iniciativa privada queira achegar o seu esforzo e apoiar esta liña de traballo é unha demostración do compromiso empresarial co desenvolvemento social e “unha manifestación que nos fai sentir arroupados no desenvolvemento da nosa misión”.

Alén do proxecto de Martínez Costas, o CiQUS mantén abertas outras liñas de investigación contra a COVID-19 como a liderada polo profesor Javier Montenegro, proxecto que prepara vectores peptídicos para o transporte de ARN mensaxeiro de potencial aplicación en vacinas. O director científico do centro, José Luís Mascareñas, quixo poñer o foco en que actualmente no centro hai cinco grupos implicados no desenvolvemento de antivirais ou vacinas contra a Covid-19. “A sinatura deste acordo é froito dunha longa traxectoria de traballo a prol da creación de coñecemento”, sinalou. Mascareñas reafirmou a defensa da investigación fundamental como base para desenvolvementos posteriores e agradeceu a xenerosidade de UROVESA que “representa un exemplo para outras entidades”. Concluíu afirmando que “sen coñecemento, tecnoloxía e talento non é posible progresar”.

Micromecenado

A USC puxo en marcha en novembro de 2019 o programa de micromecenado ‘Sumo Valor’ co obxecto de crear un espazo de encontro que implique a empresas, institucións e sociedade nas actividades, proxectos e servizos que desenvolve a Universidade. Esta iniciativa constitúe un “vínculo activo coa USC e un instrumento que reforza a nosa conexión coa sociedade”, explicou o reitor Antonio López. As doazóns poden formalizarse a través desta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.