A UVigo participará na exploración de covas na Lúa

A Agrupación Aeroespacial e a empresa viguesa Alén Space intégranse coa ESA no proxecto de rovers lunares RoboCrane

Imaxes do pozo de Marius Hills captadas polo Lunar Reconnaissance Orbiter da NASA.

Meses antes de que se producise a chegada do rover Perseverance a Marte, a Axencia Espacial Europea (ESA) xa evidenciara o seu interese en emprender un proxecto que, de levarse a cabo, volvería situar o foco de atención na Lúa. Co obxectivo de levar a cabo unha misión de exploración das covas do satélite terrestre, a ESA lanzou a mediados de 2019 un chamamento para a presentación de proxectos, dos que a Axencia Espacial Europea seleccionou cinco e dos que logo de seis meses, unicamente dous, RoboCrane (un consorcio integrado pola Universidad de Oviedo, Universidade de Vigo e Alén Space) e Daedalus (promovido pola Universidade de Würzburg), foron elixidos para un estudo de viabilidade CDF (Concurrent Design Facility) ou Lunar Caves.

“O obxectivo científico é estudar o interior dun destes tubos ocos de decenas de metros de diámetro e uns 50 metros de profundidade, que presumiblemente se formaron despois do arrefriamento da capa máis exterior dos ríos de lava hai millóns de anos”, explica Fermín Navarro, docente e investigador da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e integrante da Agrupación Aeroespacial da UVigo, que xunto ao seu responsable, Fernando Aguado, e ao investigador contratado Alejandro Camanzo, integran o equipo da UVigo que participa en RoboCrane.

Esquema do funcionamento de RoboCrane.

“Preténdese estudar a composición do regolito no interior, a contorna de radiación e térmica, a morfoloxía da cova, a composición das paredes da apertura, segundo descendan os rovers coa grúa, etc. “, explica Navarro, que tamén sinala que outro obxectivo da misión é determinar as condicións que se dan no interior para posibles asentamentos humanos, posto que permitirían unha contorna cunha radiación mellor ca da superficie e con temperaturas medias moito máis moderadas que na superficie, onde os cambios son moi grandes.

“A mellor candidata é unha das covas que ten unha entrada aberta na rexión de Marius Hills”, concreta o investigador, que sinala que, dependendo de como resulte o estudo de viabilidade, e da prioridade que a ESA lle dea ás distintas misións sobre a Lúa, continuaríase adiante, pero xa mediante unha convocatoria competitiva da Axencia

Rovers nas covas

A Universidad de Oviedo encárgase do deseño conceptual do sistema de grúa que fai posible descender rovers máis pequenos ao interior das covas, ademais de proporcionarlle no interior soporte de comunicacións e de potencia eléctrica, xerada nos paneis solares do rover grande que se situará na superficie. Pola súa banda, a achega da Agrupación Aeroespacial da UVigo céntrase na enxeñaría de sistemas, “que se encarga de establecer un concepto de operacións, de análise das funcións que debe cumprir o sistema, dos requisitos que se impoñen na misión, da análise a nivel sistema dos elementos que compoñen a misión (centrándonos na grúa), e das relacións que existen entre estes elementos”, detalla Fermín Navarro. No caso de Alén Space, “nós dámos soporte para a análise e deseño do sistema de comunicacións cos elementos que teñen que explorar na cova”, explica Diego Nodar, COO e cofundador da spin-off da UVigo.

Fernando Aguado, responsable da Agrupación Aeroespacial da UVigo.

Logo dos seis meses iniciais do proxecto nos que os enxeñeiros de RoboCrane desenvolveron un modelo propio, a partir de agora cómpre adaptalo aos requisitos do rover Daedalus e ao software que utiliza a ESA para estes estudos, “contribuíndo con expertos equivalentes do proxecto da Universidade de Würzburg e da Axencia nos campos de enxeñaría de sistemas e control térmico, a estudar a misión a nivel conceptual e de xeito conxunto, e a implementar un modelo que amose se a misión é ou non é viable”, aclara o docente e investigador da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense.

Agrupación Aeroespacial da UVigo

Despois de case doce anos traballando no sector aeroespacial, a agrupación que lidera Fernando Aguado enfronta unha nova experiencia no ámbito das misións con rovers, na que, o investigador asegura que “a nosa experiencia no uso de estándares da ESA (ECSS) de enxeñaría de sistemas foi determinante para poder desenvolver de modo axeitado o proxecto é unha mostra de que o traballo que se realizou desde o ano 2008 con Xatcobeo serviu para permitir abordar novos proxectos no sector espacial, non só no campo dos pequenos satélites”, explica Aguado.

Precisamente a experiencia acadada durante estes anos pola Agrupación Aeroespacial en enxeñaría de sistemas e en sistemas de comunicacións fixo que a Universidad de Oviedo contactase con eles para este proxecto, na que é a primeira colaboración neste ámbito das dúas institucións académicas. No caso da UVigo, Navarro considera que a súa participación é unha mostra da consolidación da Agrupación “e cómpre sinalar a importancia do traballo multidisciplinar, incluíndo a participación do profesorado da área de Enxeñaría Aeroespacial que dá clase no Grao de Enxeñaría Aeroespacial no campus de Ourense, que comezou hai catro anos e medio”. Ademais de ser un proxecto que, asegura o investigador, lles permite seguir gañando experiencia en misións espaciais, “que é o obxectivo do grupo, tamén é un reto moi grande, ao ser un proxecto nun ámbito novo, aínda que herdamos a experiencia de UVigo de 12 anos en satélites pequenos”, afirma Navarro.

Aquí podes ler a nova no Duvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.