A Uvigo e o CSIC comezan a desvelar os segredos xenéticos do mexillón galego

Equipo do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, liderado por Antonio Figueras (sentado).
Equipo do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, liderado por Antonio Figueras (sentado).

No ano 2010 investigadores e investigadoras do Grupo de Filoxenómica da Universidade de Vigo e do Grupo de Inmunoloxía e Xenómica do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, CSIC, iniciaron un proxecto financiado pola Xunta co obxectivo de coñecer en profundidade o xenoma do mexillón cultivado en Galicia, Mytilus galloprovincialis, un molusco bivalvo que ten unha grande importancia, tanto na acuicultura como na bioloxía, pero cuxo coñecemento xenómico segue a ser escaso, o que dificulta o seu manexo tecnificado e mellora xenética. Cinco anos despois, os e as investigadoras de ambas as dúas institucións, liderados no caso da Universidade de Vigo por Carlos Canchaya e no do CSIC por Antonio Figueras, obtiveron de xeito conxunto a primeira versión do xenoma do mexillón galego, o que lles permitirá iniciar un estudo dos xenes deste molusco bivalvo ata acadar a súa secuenciación e anotación completa.

David Posada, Carlos Canchaya e María Murgarella, do Grupo de Filoxenómica da UVigo.
David Posada, Carlos Canchaya e María Murgarella, do Grupo de Filoxenómica da UVigo.

A investigación, publicada na revista PLOS ONE, realizouse integramente en Vigo e mentres que Carlos Canchaya, xunto a David Posada e María Murgarella ocupáronse da ensamblaxe e anotación das secuencias xeradas neste proxecto, os e as investigadoras do CSIC encargáronse, fundamentalmente, do traballo en laboratorio e análise dos xenes de inmunidade.

“É un xenoma moi complexo”, explican os investigadores da UVigo”

“O que vimos ata o momento do xenoma do mexillón indícanos que é un xenoma moi complexo, cun alto contido de secuencias repetidas e un elevado número de polimorfismos”, explican Canchaya e Figueras, que sinalan que, “ao comparar o xenoma do mexillón cos xenomas doutros moluscos, identificamos un maior número de xenes con funcións adaptativas, tales como os de detoxificación e mantemento de estruturas ciliares”. Ambos os dous investigadores aseguran que aínda que o borrador do xenoma poda mellorar no futuro a medida que se incorporen novas roldas de secuenciación, “estamos xa en posición de afondar na caracterización de numerosos xenes importantes, como aqueles relacionados coa resposta inmune”, avanzan Figueras e Canchaya.

 O equipo de científicos dedicarase os vindeiros meses a completar o xenoma do mexillón poñendo énfase na caracterización completa dos seus xenes e as súas funcións. O coñecemento dos xenes do mexillón permitirá comprender mellor a xenética deste bivalvo, abrindo novas posibilidades de estudos a escala xenómica, o que permitirá nun futuro próximo explotar o seu potencial biotecnolóxico.

Completar o xenoma abrirá a porta á explotación do potencial biotecnolóxico do bivalvo

Centrado en distintos aspectos e aplicacións da análise de xenes e xenomas, o Grupo de Filoxenómica da Universidade de Vigo está a desenvolver na actualidade varios proxectos de investigación que involucran tecnoloxías de secuenciación masiva de xenomas en invertebrados mariños, en particular de moluscos, e para o estudo de cancros en humanos e moluscos. Pola súa banda, o Grupo de Inmunoloxía e Xenómica do CSIC traballa para incrementar o coñecemento sobre transcriptómica e proteómica da resposta inmune de peixes e moluscos fronte a patóxenos, identificación de xenes que se poden empregar como marcadores en procesos de selección xenética e mellorar a resposta inmune mediante o uso de inmunoestimulantes e vacinas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.