Xoves 25 Abril 2024

Melloran en Ourense un láser para medir o espesor da neve

A presenza estacional da neve ten importantes consecuencias na natureza, desde a rexeneración dos solos ata a erosión do terreo. Co obxectivo de estudar e comprender mellor aqueles factores dos que depende a evolución espazo-temporal do manto de neve en zonas dos Pireneos así como mellorar as ferramentas de medición e modelización actualmente dispoñibles neste eido, na súa tese de doutoramento Jesús Revuelto Benedí afondou na aplicación do láser escáner terrestre para a análise da distribución espacial do manto de neve en ambientes subalpinos e forestais dos Pireneos. Os resultados obtidos demostraron por primeira vez a aplicabilidade desta tecnoloxía na medición do espesor de neve en zonas forestais e en zonas alpinas ata distancias de 1000 m.

A tese, que se realizou no marco do programa de doutoramento da Universidade de Vigo Ciencias do Clima: Meteoroloxía, Oceonografía Física e Cambio Climático, foi presentada este curso académico na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, sendo Juan Ignacio López, científico titular do Instituto Pirenaico de Ecoloxía, do CSIC, o seu director, e Luis Gimeno, catedrático do departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, o seu titor. Os datos obtidos nela, así como as metodoloxías aplicadas e desenvolvidas, explica o investigador, “supoñen un avance reseñable no campo da nivoloxía” ao mesmo tempo que “evidencian a gran complexidade dos procesos involucrados na evolución espazo-temporal do manto de neve e a necesidade de continuar estudándoos a distintas escalas de traballo e mediante distintas aproximacións metodolóxicas”.

Publicidade

As achegas evidencian a complexidade da evolución dos mantos de neve

Numerosos procesos xeomorfoloxicos e ciclos ecolóxicos, contextualiza o xa doutor pola Universidade de Vigo, manteñen unha estreita relación coa presenza estacional de neve. Exemplos de ditas relacións son a importante influencia que o manto de neve ten nas taxas de erosión en zonas de alta montaña ou na evolución dos glaciares. Asemade, o efecto illante da neve favorece a rexeneración de solos, controlando así os ciclos anuais do crecemento de vexetación naquelas zonas con presenza de neve destacable no tempo. Desde un punto de vista hidrolóxico, engade o científico, a acumulación de auga en forma de neve que ten lugar nas cabeceiras dos ríos de montaña é a orixe da marcada influencia no ciclo estacional dos seus caudais, coincidindo no tempo os períodos de maior fusión cos de maior caudal.

Nos Pireneos, engade Revuelto Benedí, ao igual que ocorre noutros sistemas montañosos, a evolución espazo-temporal do manto de neve ten importantes consecuencias nos cambios que ocorren na natureza. “Ao tratarse dunha cordilleira situada en latitudes medias, nunha zona de transición entre áreas climáticas de marcadas diferenzas, o estudo da neve é, se cabe, máis importante que noutros sistemas montañosos”, recalca. Ademais, indica, os Pireneos están suxeitos a unha pronunciada variabilidade climática, orixinándose deste modo anos con grandes acumulacións de neve alternados con anos de intensas secas. “Considerando ademais o aumento de temperatura que as proxeccións de cambio climático pronostican para este sistema montañoso, queda claro o notable interese existente en estudar e comprender aqueles factores dos que depende a evolución espazo-temporal do manto de neve así como en mellorar as ferramentas de medición e modelización”, apunta o investigador.

Deste modo, o traballo desenvolvido nesta tese de doutoramento céntrase no estudo da distribución espacial do manto de neve a pequena escala (10-1000 m) e a súa evolución temporal en relación coas características topográficas e as do dosel forestal, así como coas condicións climáticas dominantes cada ano en dúas zonas de estudo, como son a conca experimental de Izas e o pinar do balneario de Panticosa. Nestas zonas pirenaicas establecéronse diversos obxectivos de estudo. O primeiro deles foi a aplicación e validación de medicións láser escáner terrestre (TLS) para a obtención da distribución espacial do manto de neve en zonas de montaña. “Os resultados obtidos nesta sección demostraron por primeira vez a aplicabilidade desta tecnoloxía na medición do espesor de neve en zonas forestais así como en zonas alpinas ata distancias de 1000 m con erros de adquisición inferiores a 0,1 m”, comenta o investigador.

As medicións TLS combínanse con fotografías time-lapse

Tamén se abordou a utilización de datos TLS para a mellora de simulacións do manto de neve. “Este obxectivo demostrou a mellora obtida ao asimilar as medicións láser escáner terrestre nun modelo detallado do manto de neve, corrixindo deste modo desviacións asociadas aos modelos meteorolóxicos e permitindo ao mesmo tempo incluír os efectos da topografía na simulación do manto de neve”, comenta o investigador. Polo que respecta á xeración de cartografías diarias de espesor de neve durante o período de fusión, Jesús Revuelto Benedí comenta que “neste punto demostrouse a versatilidade de aproximacións de modelización simples, que combinan información diaria de temperatura e de fotografía time-lapse”.

Durante a investigación tamén se levou a cabo a análise do control topográfico na distribución espacial do manto e o estudo da influencia do bosque na evolución espacial do manto de neve. “Esta última sección do traballo permitiu cuantificar a redución na acumulación de neve baixo o dosel forestal, tendo sido cuantificada a mesma nun 49% respecto aos valores observados en zonas abertas”. Por outro lado posibilitou mostrar como a maiores espesores de neve, a influencia das árbores na distribución do espesor de neve se ve reducida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores centros de investigación oceanográfica internacional

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos