Xoves 25 Abril 2024

A NASA volve confirmar a presenza de auga na superficie da Lúa

Novas observacións realizadas a través dun telescopio subido a un Boeing detectan de forma inequívoca a lonxitude de onda específica da H2O

A axencia espacial estadounidense (NASA), a través do seu Observatorio Estratosférico de Astronomía Infravermella (SOFIA, polas súas siglas en inglés) confirma de novo a presenza de auga na superficie da Lúa. Nesta ocasión, o achado tivo lugar no cráter Clavius, un dos máis grandes visibles desde a Terra, situado na parte do satélite iluminada polo Sol. Este achado indica que a auga pode estar distribuída pola superficie lunar e que non se limita a lugares máis fríos e sombreados, como se constatara ata o momento.

A revista Nature Astronomy publica este luns os resultados das medicións realizadas a bordo dun avión Boeing 747 SP, modificado cun telescopio de 2,7 metros de diámetro, que no verán de 2018 subiu ata 13,7 quilómetros de altitude. Deste xeito evitouse a distorsión causada polo vapor de auga e as partículas en suspensión presentes na atmosfera, o que permitiu obter unha maior nitidez do espectro infravermello e observar o satélite con moita máis claridade. Grazas a isto, o instrumento FORCAST do observatorio SOFIA puido captar a lonxitude de onda específica única das moléculas de auga, a 6,1 micróns, e descubriu unha concentración destas moléculas relativamente sorprendente no asollado cráter Clavius.

Publicidade

H2O fronte ao grupo hidroxilo

Aínda que en investigacións anteriores xa se apuntaba con moita probabilidade á presenza de auga, as observacións detectaran algunha forma de hidróxeno, pero non puideron distinguir entre a auga e o seu parente químico próximo, o grupo hidroxilo (OH). Porén, nesta ocasión as medidas realizadas revelan a existencia de auga en concentracións de 100 a 412 partes por millón, aproximadamente equivalente a unha botella de auga de 0,35 litros atrapada nun metro cúbico de solo esparexida pola superficie lunar.

“Tiñamos indicios de que H2O, a forma familiar da auga que coñecemos, podería estar presente no lado da Lúa iluminado polo Sol”, expón Paul Hertz, director da División de Astrofísica na Dirección de Misións Científicas na Sede da NASA en Washington. “Agora sabemos que está aí. Este descubrimento desafía nosa comprensión da superficie lunar e expón preguntas intrigantes sobre recursos relevantes para a exploración do espazo profundo”.

A presenza de auga supón un recurso de gran valor no espazo profundo e un ingrediente crave da vida tal e como se coñece na Terra. Queda por determinar, porén, se a auga que atopada sería facilmente accesible para o seu uso como recurso. Baixo o programa Artemisa da NASA, co que se prevé a chegada dunha muller por primeira vez ao satélite para 2024, ademais de establecer unha presenza humana sostible para finais da década, a existencia de H2O é un punto clave.

Os resultados de SOFIA baséanse en anos de investigacións previas que examinan a presenza de auga na Lúa. Cando os astronautas da misión Apolo regresaron por primeira vez da Lúa en 1969, críase que o satélite natural estaba completamente seco. As misións realizadas nas últimas décadas, como o satélite de observación e detección de cráteres lunares da NASA, confirmaron a presenza de xeo en cráteres permanentemente á sombra situados ao redor dos polos da Lúa.

Neste tempo, varias naves espaciais, incluída a misión Cassini e a misión Deep Impact ao cometa Tempel 1, así como a misión Chandrayaan-1 da Axencia India de Investigación Espacial, e a Instalación do Telescopio Infravermello en terra da NASA, examinaron a superficie lunar e atoparon evidencia de líquido en lugares que recibían a luz do Sol. Con todo, esas misións non puideron distinguir definitivamente a forma en que estaba presente: H2O ou OH (hidroxilo).

“Antes das observacións de SOFIA, sabiamos que había algún tipo de líquido”, dixo Casey Honniball, autora principal do artigo, quen publicou os resultados do seu traballo de tese de posgrao na Universidade de Hawaii. “Pero non sabiamos canto deste líquido era en realidade moléculas de auga, como a que bebemos todos os días, ou algo máis parecido a un limpador de desaugadoiros”.

“Sen a protección da atmosfera, a auga na zona da superficie lunar iluminada polo Sol debería perderse no espazo”, engande Honniball, que conclúe que “dalgunha maneira estamos a velo: algo está a xerar a auga e algo debe estar manténdoa alí “.

Posibilidades

Varios elementos poderían contribuír á presenza ou a aparición desta auga. Os pequenos meteoritos que caen sobre a superficie lunar transportan pequenas cantidades de auga que poderían depositar o líquido no solo lunar tras o impacto. Outra posibilidade é que podería haber un proceso de dúas etapas mediante o cal o vento solar do Sol achega hidróxeno á superficie lunar e provoca unha reacción química con minerais no solo que conteñen osíxeno, creando hidroxilo. Mentres tanto, a radiación procedente do bombardeo de micrometeoritos podería transformar ese hidroxilo en auga.

A maneira na que a auga se almacena, o que fai posible que se acumule, tamén expón algunhas preguntas intrigantes. A auga podería quedar atrapada en pequenas estruturas no solo en forma de grans que se forman a partir da alta calor xerada polos impactos dos micrometeoritos. Outra posibilidade é que a auga poida estar agochada entre os grans do solo lunar e protexida da luz solar, o que podería facela un pouco máis accesible que se estivese atrapada en pequenos grans.

Despois deste achado, os voos de seguimento de SOFIA buscarán auga en lugares adicionais iluminados polo Sol e durante diferentes fases lunares para aprender máis sobre como se produce, almacena e transporta a auga pola Lúa. Os datos sumaranse ao traballo de futuras misións á Lúa, como o vehícul VIPER, tamén da NASA, co obxectivo de crear os primeiros mapas de recursos hídricos da Lúa para a futura exploración espacial humana.

No mesmo número de Nature Astronomy, os científicos publicaron un artigo utilizando modelos teóricos e datos do Orbitador de Recoñecemento Lunar (LRO), sinalando que a auga podería quedar atrapada en pequenas sombras, onde as temperaturas se manteñen por baixo do punto de conxelación, nunha maior área da Lúa do que se cre actualmente.

“A auga é un recurso valioso, tanto para fins científicos como para o uso dos nosos exploradores”, apunta Jacob Bleacher, científico xefe de exploración da Dirección de Misión de Operacións e Exploración Humana da NASA. “Se podemos utilizar os recursos da Lúa, entón podemos transportar menos auga e máis equipos para axudar a permitir novos descubrimentos científicos”.


Referencias:

–  Molecular water detected on the sunlit Moon by SOFIA (Publicado en Nature Astronomy).

Micro cold traps on the Moon (Publicado en Nature Astronomy).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A seguinte eclipse solar total será en 2026 e si, poderase ver dende Galicia

Dentro de dous anos, o fenómeno observarase en todo o seu esplendor na zona oeste do territorio galego arredor das 20:20 horas

Como xestionar a enerxía eléctrica en vehículos lunares non tripulados? Así o estuda a UVigo

O proxecto busca garantir as demandas eléctricas dos 'rovers' no polo sur lunar, un lugar de interese científico pola posibilidade de que exista auga conxelada

De beber? Auga, pero que sexa reciclada, por favor

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Quizais aínda non o saiba pero, do mesmo...

Unha nova metodoloxía de alta resolución cuantifica os micro e nanoplásticos na auga

A técnica identifica partículas plásticas extremadamente pequenas e os aditivos químicos que se liberan dentro das botellas