A investigadora da UVigo Laura Movila recibe o Water Drop Award

O galardón, outorgado pola International Water Resources Association, recoñece os seus traballos sobre a gobernanza de acuíferos transfronteirizos

Gabriel Eckstein, presidente da International Water Resources Association, e Rabi Mohtar, presidente do comité de premios da mesma asociación, foron os encargados de entregar o galardón a Laura Movilla. Foto: Duvi.
Gabriel Eckstein, presidente da International Water Resources Association, e Rabi Mohtar, presidente do comité de premios da mesma asociación, foron os encargados de entregar o galardón a Laura Movilla. Foto: Duvi.

A cidade de Daegu, en Corea do Sur, acolle deste o 29 de novembro e ata o 3 de decembro a celebración do XVII Congreso Mundial da Auga, organizado pola International Water Resources Association (IWRA), a asociación académica de referencia internacional en recursos hídricos. No marco da súa programación, Laura Movilla, profesora da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, recolleu este luns o premio Water Drop Award, outorgado por IWRA. O galardón recoñece o seu traballo investigador no eido da gobernanza internacional dos acuíferos transfronteirizos.

A International Water Resources Association é unha organización educativa sen ánimo de lucro que busca, tal e como explica Laura Movilla, “a mellora continua da toma de decisións sobre os recursos hídricos avanzando na comprensión colectiva dos aspectos físicos, ecolóxicos, químicos, institucionais, sociais e económicos”. Cada tres anos, esta entidade concede os Crystal Drop Award, premios que recoñecen a contribución de persoas ou institucións ao uso sostible dos recursos hídricos mundiais. No marco destes galardóns, a asociación creou en 2020 o Water Drop Award, que recoñece a profesionais novos, normalmente menores de 35 anos, que fixesen unha contribución innovadora ao sector da auga, incluíndo investigación innovadora, emprendemento ou promoción do perfil dos máis novos.

A entrega deste Water Drop Award a Laura Movilla tivo lugar este luns no marco do XVII Congreso Mundial da Auga, que tiña que terse celebrado en setembro de 2020 pero que se pospuxo pola pandemia. No acto, o galardón foille entregado á profesora da UVigo por Gabriel Eckstein, presidente da International Water Resources Association, e por Rabi Mohtar, presidente do comité de premios da mesma asociación.

Agradecida pola súa concesión, a profesora da Universidade de Vigo, especialista en Dereito Internacional do Medio Ambiente, sinala que acadar este premio “supón unha satisfacción moi grande, xa que é un recoñecemento a unha investigación desenvolvida durante xa máis de dez anos e no eido no que me iniciei na carreira investigadora, na gobernanza dos problemas ambientais globais”. Este premio, indica a galardoada, “é un recoñecemento moi prestixioso para os que nos dedicamos á investigación sobre a auga”. Igualmente, Laura Movilla, a primeira española que acada un galardón desta asociación internacional, amosa a súa satisfacción polo feito de que se lle conceda a unha xurista, “xa que moitas veces a investigación que facemos neste eido non é o suficientemente entendida nin recoñecida”.

Segundo comenta Laura Movilla, no seu caso o Water Drop Award recoñece o seu traballo investigador no eido da gobernanza internacional dos recursos hídricos, principalmente dos acuíferos transfronteirizos. Esta temática, lembra, centrou a súa tese de doutoramento, que recibiu o I Premio Adolfo Miaja de la Muela á mellor tese en Dereito Internacional Público, concedido pola Asociación Española de Profesores de Dereito Internacional e Relacións Internacionais. Sobre a relevancia da investigación nesta área de estudo, Laura Movilla, que forma parte da Comisión sobre Acuíferos Transfronteirizos da Asociación Internacional de Hidroxeológos, que traballa en estreita relación con Programa Hidroxeológico Internacional da Unesco, indica que “os acuíferos transfronteirizos son un recurso natural de extrema relevancia”.

Os acuíferos transfronteirizos

Nun contexto mundial de crise hídrica e de aumento dos impactos do cambio climático, detalla a investigadora da Universidade de Vigo, “estímase que as augas subterráneas representan ao redor do 97% da auga doce do planeta e son fundamentais para o abastecemento de auga da poboación mundial e dos ecosistemas”. O último inventario realizado baixo os auspicios da Unesco, comenta Laura Movilla, calcula en case 600 o número de acuíferos e masas de auga subterráneas transfronteirizas do planeta, indicando como “existe moita incerteza sobre a extensión, funcionamento e características de moitos deles, aínda que se calcula que máis dun terzo atópanse sobreexplotados e afrontan crecentes problemas de contaminación”. A pesar destes datos e relevancia, subliña a investigadora, “a súa regulación atópase moi pouco desenvolvida e pouco máis dunha ducia destes acuíferos contan con algún tipo de marco de cooperación para a súa xestión entre os estados que os comparten”.

No XVII Congreso Mundial da Auga, Laura Movilla tamén é membro do comité encargado da elaboración da declaración final do mesmo. O tema do congreso, indica, é o de fundamentos para a seguridade e a resiliencia hídrica global: coñecemento, tecnoloxía e política. Trátase, indica a profesora, “dun tema de vital importancia no contexto actual de aumento da inseguridade climática e de pandemia mundial”. As ideas que xurdan do congreso, detalla, “proporcionarán unha importante  retroalimentación para a investigación e a elaboración de políticas ao redor da seguridade e a resiliencia hídrica para os próximos anos”. Ademais, engade a profesora da UVigo, “tamén prepararán o camiño para o 9º Foro Mundial da Auga que se celebrará en Dakar (Senegal) en 2022 baixo o tema xeral de seguridade hídrica para a paz e o desenvolvemento, e para a Conferencia das Nacións Unidas sobre a Auga de 2023”.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.