Venres 29 Marzo 2024

A hormona que inhibe a alimentación en humanos, insectos e estrelas de mar

Científicos da USC participan nun estudo que podería axudar no desenvolvemento de fármacos para tratar desordes alimenticias

A primeira vista podería parece que entre a especie humana e a Asterias rubens hai unha enorme distancia evolutiva. Porén, estas estrelas de mar comparten connosco, e tamén con algúns insectos, a influencia de neuropéptidos do tipo sulfaquinina/colecistoquinina, que contribúen a inhibir a alimentación nestes filos tan distantes entre si. Así o constata unha investigación na que participa Antón Barreiro, profesor da USC e científico do Centro de Investigacións Biolóxicas da USC (CIBUS). Os autores do artigo, que recolle a revista eLife, destacan que o achado “destes péptidos neste tipo de organismos podería chegar a ser importante para o desenvolvemento de fármacos que traten desordes alimentarias”.

Este avance entronca con estudos previos que constataban como hormonas similares á oxitocina humana provocan que as estrelas de mar saquen o estómago pola boca para iniciar o proceso de alimentación. Así, estes organismos cando se atopan cun mexillón ou unha ostra, dixérenos fóra do seu corpo. Ata o de agora existían investigacións sobre as substancias que daban pulo a este proceso dixestivo, pero pouco se sabía de como se produce o efecto contrario, sobre o que agora bota luz o novo artigo.

Publicidade

Neste traballo empregouse a Asterias rubens como modelo experimental para estudar os efectos dos devanditos neuropéptidos. “Resulta moi interesante que animais tan distantes dende un punto de vista evolutivo como insectos, estrelas de mar e humanos mostren hormonas que regulan os mesmos procesos e con efectos similares, neste caso unha hormona que  inhibe a alimentación”, explica Antón Barreiro. “Traballos previos do grupo na USC tamén mostraran que a colecistoquinina está presente en circuítos neuronais de lampreas que regulan comportamentos relacionados coa alimentación”, engade. Segundo o profesor Barreiro, “os traballos en estrelas de mar e lampreas mostran que a pesar da distancia evolutiva con humanos, os sinais que regulan a alimentación están altamente conservados en invertebrados e vertebrados”.

Os achados amosan, segundo Barreiro, que “os sinais que regulan a alimentación están altamente conservados en invertebrados e vertebrados”

O equipo de investigadores dirixido polo profesor Maurice Elphick, da Queen Mary  University de Londres, descubriu que a inxección destas hormonas nas estrelas de mar provoca que retraian o estómago. Cando os científicos mostraban un mexillón ás estrelas de mar, constaban que a inxección de sulfaquinina/colecistoquinina provocaba que tivesen unha menor inclinación a comer.

As estrelas de mar pertencen a un grupo de animais denominados equinodermos, os cales ocupan unha posición evolutiva única ao mostrarse como un elo perdido entre animais moi estudados como vertebrados e insectos. Isto fai das estrelas de mar, e outros equinodermos, animais modelo interesantes que axudan a encher ocos no entendemento da evolución de diferentes proteínas.

Antón Barreiro, investigador da USC. Foto: USC.
Antón Barreiro, investigador da USC. Foto: USC.

Novos fármacos

Ana Tinoco, da Universidade Queen Mary, unha das coautoras principais do traballo, explica que “a forma de alimentación tan pouco usual que mostran as estrelas de mar sacando o seu estómago ao exterior a través da boca, fai delas un bo modelo para estudar as substancias que regulan o proceso de alimentación”. “Xa se sabía que este tipo de hormonas regulan a alimentación, o que é fascinante é que este papel tan importante preservouse tamén nas estrelas de mar mesmo a pesar de ter un comportamento alimenticio tan diferente, da ausencia de cerebro e a presenza dunha estrutura corporal única”, comenta.

O profesor Maurice Elphick, director do grupo de investigación da Queen Mary, expón como “os nosos descubrimentos proporcionan novas evidencias de que os neuropéptidos tipo  sulfaquinina/ colecistoquinina teñen un papel conservado  dende o punto de vista da evolución como  inhibidores da alimentación”. Elphick engade que “o descubrimento destes  péptidos en estrelas de mar podería chegar a ser importante para o desenvolvemento de fármacos para tratar desordes alimenticias”. Para alcanzar ese obxectivo será necesario avanzar na determinación das estruturas 3D dos receptores que median os efectos destes neuropéptidos en humanos e outros animais.


Referencia: Ancient role of sulfakinin/cholecystokinin-type signalling in inhibitory regulation of feeding processes revealed in an echinoderm (Publicado en eLife).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego impulsa a sustentabilidade do sistema alimentario a través da IA

O proxecto no que participan USC e UVigo acometerá a crise do sector co apoio do Programa Marco ‘Horizonte Europa’

Cal é o alimento que desencadea o pracer nos peixes?

Coñecer os mecanismos de motivación pola comida podería mellorar a eficiencia económica das empresas dedicadas á acuicultura

Os grelos poden previr o cancro? Estudan a dieta atlántica como vía terapéutica

Unha revisión analiza as propiedades farmacolóxicas dos alimentos consumidos no sur de Europa que poderían ter propiedades antitumorais