Ouro para a galega Tania Penas na Olimpíada Española de Bioloxía

Tania Penas xunto ao resto de premiados na Olimpíada de Bioloxía.
Tania Penas xunto ao resto de premiados na Olimpíada de Bioloxía.

“Estou tremendamente sorprendida, todos os meus compañeiros e compañeiras son absolutamente brillantes e, nin por un segundo se me pasou pola cabeza que podía gañar eu. Para min o auténtico premio era o simple feito de participar, coñecer a estas persoas e gozar xuntos de todas as experiencias que vivimos nestes tres últimos días”. Así se expresaba a estudante compostelá Tania Penas Iglesias tras recoller o diploma que a acredita como gañadora dunha das catro Medallas de Ouro da XI Olímpiada Española de Bioloxía, proba que este ano se celebrou por primeira vez en Galicia e, mais concretamente, na Facultade de Bioloxía do campus de Vigo. Única galega entre os finalistas o seguinte paso será acudir á fase internacional destas probas, que este ano se celebrarán na cidade vietnamita de Hanoi do 17 ao 24 de xullo. Moi emocionada e coa voz entrecortada, a moza, que o curso que vén agarda poder matricularse en Medicina, recoñeceu ante o resto de compañeiros e autoridades que “gañadores somos todos”.

Tania Penas.
Tania Penas.

Xunto a Tania Penas outros tres estudantes recibiron tamén cadansúa Medalla de Ouro: os madrileños Claudia Lombardo e Alberto Maurel e o navarro Jorge Tarancón, e outros catro foron distinguidos como Medalla de Prata: Pablo Cifuentes, de Castela A Mancha; Jordi Garriga, de Cataluña; César Palacios, de Madrid e Alberto Pezonaga, de Navarra. Neste caso o destino destas catro Medallas de Prata será a Olimpiada Iberoamerica de Bioloxía, que se celebrará na Universidade de Brasilia do 11 ao 16 de setembro.

Xunto a eles recibiron tamén diplomas cada un dos 61 participantes da Olimpíada Española de Bioloxía, estudantes brillantes de segundo de bacharelato de todas as comunidades autónomas que, en apenas un mes, terán que enfrontar unhas nova final, neste caso, as Probas de Acceso á Universidade, a temida selectivade, que este ano chega ao seu fin, e que os achegará ás aulas universitarias das que formarán parte en apenas uns meses.

As medallas de prata concurrirán á Olimpíada Iberoamericana en Brasilia

Tras dous días de exames e probas na Facultade de Bioloxía, a entrega de diplomas e das medallas tivo lugar este domingo na sede de Afundación en Vigo, ata onde se desprazaron un destacado número de autoridades, entre as que cabe destacar o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o concelleiro de Economía do Concello de Vigo, Jaime Aneiros; o decano do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, Pelayo Míguez; a presidenta da Sociedade Española de Bioloxía, Mª José Lorente; e o decano da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo, Jesús M. Míguez.

Todos aproveitaron para darlles os parabéns e felicitar aos participantes, sobre todo a aqueles que foron quen de facerse cunha medalla, e desexáronlles un futuro prometedor e unha brillante carreira científica. “Que teñades moita sorte nas vosas próximas citas e que deixedes o nome de España e, no caso de Tania, o de Galicia, ben alto aló onde vaiades”, subliñoulles o reitor, ao que o conselleiro de Educación engadiu que “xa demostrastes a vosa motivación, esforzo e, sobre todo, as vosas ganas de ser útiles, debedes presumir en positivo de todo isto”.

A maiores dos diplomas, quedará na súa memoria estes tres días de convivencia con mozas e mozos de distintas comunidades, as diferentes visitas realizadas e, sobre todo, o percorrido polo Parque Nacional das Illas Atlánticas, e máis concretamente, as illas Cíes, “unha experiencia que agardo vos faga lembrar para sempre o voso paso por esta cidade”, subliñoulles o concelleiro e tamén profesor da Universidade, Jaime Aneiros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.