Martes 16 Abril 2024

A física Leticia Cunqueiro, seleccionada na convocatoria Consolidator Grant

Investigará no CERN de Xenebra, adscrita ao Institut Polytechnique de París, as interaccións entre partículas xeradas nos primeiros momentos do Universo

A científica Leticia Cunqueiro Méndez (Vigo, 1981) acadou unha bolsa Consolidator Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), unha das máis prestixiosas convocatorias de financiamento da ciencia na UE, para desenvolver unha investigación sobre física de partículas no CERN de Xenebra. Cunqueiro, que se incorporará ao Institute Polytechnique de París para desenvolver esta liña de traballo, recibirá 1,8 millóns de euros para afondar na cromodinámica cuántica (QCD, polas súas iniciais en inglés). Esta teoría física describe a interacción forte, unha das tres forzas fundamentais do Modelo Estándar da Física de Partículas, e que busca describir as interaccións entre quarks e gluóns, partículas elementais que compoñen os núcleos atómicos.

Leticia Cunqueiro é doutora en Física de Partículas pola USC, onde tamén se graduou, e traballou nos últimos anos para diferentes institucións vinculadas ao CERN, como o Instituto Italiano de Física Nuclear, o Laboratorio Nacional de Oak Ridge (Estados Unidos) ou a Universidade de Münster, en Alemaña, onde realizou unha estadía posdoutoral. Actualmente traballaba no experimento ALICE do CERN estudando chorros (‘jets’) de enerxía. Agora incorporarase ao proxecto CMS, outro dos grandes experimentos que se desenvolven no gran acelerador de partículas, situado baixo a fronteira entre Francia e Suíza, onde traballan un bo número de científicos galegos.

Publicidade

Tal e como explican desde o Institut Polytechnique de París, as colisións de ións pesados son os únicos laboratorios na Terra onde se pode estudar a cromodinámica cuántica a altas temperaturas. Os núcleos atómicos pesados rompen en colisionadores de partículas e producen un plasma de gluóns-quarks fortemente acoplado, que se comporta, segundo a evidencia experimental, como un líquido casi perfecto. Neste estado da materia, no que están os lóstregos, as auroras boreais ou o Sol, os electróns sepáranse dos átomos e forman unha especie de caldo de electróns e ións moi axitados, que poden emitir luz.

Estudar este plasma ten un importante interese científico, xa que describe o estado da materia uns microsegundos despois do Big-Bang. Nestas condicións, no que os elementos están fortemente correlacionados, aparece tamén noutros eidos da Física, como a materia condensada, os átomos fríos ou a física dos buracos negros.

Porén, as técnicas para observar estes plasmas de quarks e gluóns son complicadas. E grazas á experiencia previa no CERN no estudo de chorros de partículas, Leticia Cunqueiro propón para a súa Consolidator Grant desenvolver un método orixinal que abre novas xanelas na cuantificación das propiedades microscópicas do plasma.

Con esta bagaxe, a científica galega abordará no seu proxecto varias cuestións, como as posibilidades de atopar quarks e gluóns libres no plasma composto por estas dúas partículas, as opcións de medir directamente, por primeira vez, os efectos da interferencia cuántica, como a coherencia de color ou o efecto de ‘cono morto’ nas colisións de ións pesados, e cal é o papel do tempo nestes procesos.

O proxecto comezará en setembro de 2021, segundo explicou Cunqueiro a Faro de Vigo, xornal que dirixiu o seu avó Álvaro, un dos principais autores da literatura galega no século XX. Co financiamento do ERC, Leticia contratará a tres estudantes de doutoramento e dous posdoutorais. As bolsas Consolidator Grant están destinadas a científicos e científicas con entre 7 e 12 anos de traxectoria despois do seu doutoramento, co obxectivo de que desenvolvan proxectos de excelencia. Dun total de 2.506 propostas, só se elixiron 327, entre as que tamén está a do investigador da USC Sebastián Villasante.

O profesor da USC Sebastián Villasante acada unha ‘Consolidator Grant’

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O galego Alberto García-Basteiro recibe 2,5 millóns do prestixioso programa Starting Grant

O investigador do Hospital Clínic de Barcelona estudará o papel da tuberculose asintomática na transmisión da enfermidade

Como afectou a contaminación por metais á xente do medievo? Así o investigará unha galega

Un proxecto liderado pola investigadora da USC Olalla López Costas acaba de ser distinguido cunha axuda ERC de dous millóns de euros

O exdirector do CERN: “Somos tres partículas en distintas combinacións. Todo é física”

“O desafío actual é comunicar o que se está facendo”, afirma Rolf-Dieter Heuer, director do acelerador de partículas cando o descubrimento do bosón de Higgs

Galicia, entre as comunidades con maior prevalencia de enfermidade renal crónica

Máis de 4.000 galegos necesitan diálise ou transplante para substituír a función dos seus riles e continuar a súa vida