A Escola de Camiños da Coruña lidera un proxecto europeo sobre sistemas de saneamento

O grupo GEAMA coordina o traballo, que abordará os desafíos destas redes, como o seu deterioro, os cambios no patrón de choivas e as ameazas de saúde global

Os investigadores do GEAMA implicados no proxecto no Laboratorio de Hidráulica do CITEEC, nun dos simulares de choiva. De esquerda a dereita: José Anta, Joaquín Suárez, Jerónimo Puertas e Luis Cea.
Os investigadores do GEAMA implicados no proxecto no Laboratorio de Hidráulica do CITEEC, nun dos simulares de choiva. De esquerda a dereita: José Anta, Joaquín Suárez, Jerónimo Puertas e Luis Cea.

Un equipo de investigadores do Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña coordina o proxecto europeo Co-UDlabs – Building Collaborative Urban Drainage research labs communities. O profesor da UDC José Anta é o investigador principal deste proxecto internacional que integra socios de sete países e 17 instalacións singulares, que nos vindeiros meses estudarán os principais problemas relacionados cos sistemas de saneamento e drenaxe urbana. O proxecto está financiado polo Programa H2020 da Unión Europea con cinco millóns de euros, dos que preto dun millón lle corresponden á Universidade da Coruña.

Os sistemas de saneamento e drenaxe son infraestruturas esenciais nas cidades xa que permiten transportar e tratar as augas residuais e pluviais dun modo seguro, evitando as inundacións e asegurando a calidade do medio ambiente. Con todo, moitos sistemas de drenaxe están en perigo e a súa funcionalidade pode reducirse debido á crecente impermeabilización das concas de drenaxe naturais, o envellecemento das redes, os cambios nos patróns de choiva producidos pola crise climática ou polas ameazas para a saúde pública e o medio natural orixinados polos novos contaminantes vertidos durante as choivas máis intensas.

O proxecto aplica intelixencia artificial e IoT para proporcionar solucións aos novos desafíos destas redes, esenciais nas cidades de todo o planeta

O proxecto reúne 17 instalacións experimentais únicas a nivel internacional, entre as que se encontran laboratorios do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) da UDC, coas que grupos formados por membros da comunidade científica, o sector industrial e das administracións da auga urbana, poderán desenvolver novos traballos punteiros que permitirán deseñar novas estratexias para reducir a contaminación vertida aos ríos e mares, reducir o risco das inundacións, ou estudar o envellecemento das redes expondo novas alternativas para a súa reparación. No proxecto empregaranse tecnoloxías de intelixencia artificial (IA), da Internet das cousas (IoT), que permitirán a dixitalización do sector da drenaxe e analizaranse as novas solucións de drenaxe sustentable que favorecerán o desenvolvemento de cidades máis verdes e amigables para os cidadáns.

Durante o desenvolvemento do proxecto os investigadores terán acceso ás instalacións desta rede de laboratorios singulares, favorecendo a cooperación a escala europea dos principais axentes do sector da drenaxe urbana. Desde a UDC ofrecerase o acceso aos dous grandes simuladores do CITEEC e á plataforma de ensaios con auga residual da EDAR de  Bens, operada a través dun acordo de colaboración entre a UDC, a empresa metropolitana EDAR BENS e a empresa municipal de augas EMALCSA. O traballo que se desenvolverá nestas instalacións permitirá analizar e desenvolver novas tecnoloxías para mellorar a  resiliencia das cidades ante o cambio climático, implantar novas solucións de drenaxe baseadas na natureza ou reducir os efectos da contaminación orixinada nas nosas cidades.

O consorcio Co-UDlabs está formado por catro universidades, ademais da UDC que lidera, participa a Universidade de Sheffield (Reino Unido), INSA Lyon (Francia) e a Universidade de Aalborg (Dinamarca), todas con grupos de investigación de nivel mundial de auga urbana, combinados con tres institutos nacionais de investigación líderes no seu sector: Deltares (Países Baixos), EAWAG (Suiza) e IKT (Alemaña). O consorcio tamén inclúe a GRAIE, una organización sen fins de lucro con probada capacidade para crear asociacións entre a industria, os servizos de auga, os responsables políticos e os investigadores das institucións públicas, e a peme multisectorial especializada EURONOVIA.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.