A científica viguesa Isabel Medina, nova académica da RAGC

Traballa no IIM de Vigo e coordina a Área de Ciencia y Tecnología de los Alimentos do CSIC, da que dependen oito centros de investigación nacionais

María Isabel Medina é área de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos do CSIC, Foto: CSIC.
María Isabel Medina é área de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos do CSIC, Foto: CSIC.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) conta cun novo membro. A científica Isabel Medina incorpórase ás filas da institución cunha dilatada carreira no eido da investigación, especialmente a vinculada ao sector alimentario e mariño. Actualmente coordina a área de Ciencia y Tecnología de los Alimentos do CSIC, integrada por oito centros. Dentro deles está o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo, onde desenvolve o seu labor científico con diferentes liñas de traballo.

Máis polo miúdo, Medina (Vigo, 1966) licenciouse en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en 1989 e doutorouse no mesmo centro en 1994. Desenvolveu a súa tese no IIM, centrándoa no eido da química dos alimentos de orixe mariña. Amais diso, formouse en diferentes universidades internacionais ao abeiro das súas estadías postdoutorais. Por exemplo, en Davis (Estados Unidos), Nápoles (Italia) e Guilford (Reino Unido).

Liñas de investigación

A nova académica da RAGC forma parte do persoal investigador do CSIC dende o ano 1999. Dende o 2010 ostenta a categoría de profesora de investigación. As súas principais liñas de traballo son os lípidos mariños, os ácidos graxos omega-3 e os seus produtos de oxidación. Tamén aplicou esta experiencia a diferentes aspectos relacionados coa calidade, seguridade e valor nutricional dos produtos da pesca e da acuicultura. Así mesmo, desenvolve parte do seu traballo no equipo de Química de Produtos Mariños do IIM.

Ademais de ser coordinadora da Área de Ciencia y Tecnología de los Alimentos do CSIC dende o 2017 —coñecida na actualidade como Área Global VIDA CSIC—, foi adxunta da Área de Transferencia de Tecnoloxía da ANEP como responsable da área de Biotecnoloxía. Entre outros cargos, foi vicepresidenta da Plataforma Europea SeafoodPlus, membro do equipo de coordinación da Área de Ciencia e Tecnología de los Alimentos do CSIC (2004-2008) e vicedirectora do IIM entre o 2000 e o 2004.

A participación internacional

Tamén participa como membro de comités científicos en reunións internacionais e de avaliación da Unión Europea e outros países do mundo. Colabora con diferentes proxectos de investigación a nivel estatal e internacional, exercendo como investigadora principal en máis de 40 estudos e contratos co sector privado. Ten, ademais, oito patentes rexistradas e máis de 150 traballos publicados. En 2016 recibiu o primeiro premio da RAGC.

Dentro de toda esta experiencia, Isabel Medina suma o de académica da RAGC, un cargo do que tomará posesión o vindeiro xoves 11 de novembro. Celebrarase un acto, arredor das 19.00 horas, para oficializar o ingreso da científica viguesa nesta institución. O seu discurso levará por título O mar fonte de saúde: beneficios do consumo dos produtos de pesca a acuicultura. A resposta correrá ao cargo da tamén académica Alicia Estévez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.