Xoves 28 Marzo 2024

A catedrática da USC María José Alonso entra na Academia de Medicina dos Estados Unidos

A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, María José Alonso, acaba de ser elixida como novo membro da National Academy of Medicine de Estados Unidos (NAM). A elección considérase unha das máis altas honras nos campos da saúde e a medicina e recoñece personalidades que teñen demostrado logros profesionais extraordinarios e manifestan un compromiso de servizo coa institución. A nominación foi avalada polos profesores Patrick Couvreur, da Universidade de Paris Sur, e Robert Langer do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts e a elección acaba de facerse pública en Washington no Encontro Anual da asociación.

A NAM elixiu no seu encontro anual ós seus novos membros.
A NAM elixiu no seu encontro anual ós seus novos membros.

O laboratorio que encabeza a profesora María José Alonso foi pioneiro en España no campo da nanotecnoloxía farmacéutica e está considerado como un dos máis prestixiosos no ámbito internacional. A calidade dos seus traballos científicos (235 publicacións científicas con máis de 12.000 citas –factor h 65-), permitíronlle alcanza o noveno posto no ránking internacional Times Higher Education. Resultado deste traballo son tamén dezanove familias de patentes.

Publicidade

Ademais, a profesora Alonso participou en numerosos consorcios de investigación internacionais financiados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), a Fundación Gates ou a Comisión Europea, e actualmente participa en cinco proxectos europeos e coordina o consorcio europeo TRANS-INT. Entre 2006 e 2010 foi vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, ademais de ter asesorado ao Ministerio de Ciencia e Innovación para a elaboración da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación de 2011 e formado parte do consello asesor do Ministerio de Sanidade. Desempeñou tamén cargos de responsabilidade en varias sociedades científicas e actualmente está á fronte da Secretaría da Controlled Release Society (CRS), sociedade mundial líder na promoción do avance en ciencia e tecnoloxía aplicada á área da liberación controlada de fármacos. Tamén é membro do consello editorial das 12 revistas científicas máis importantes do seu ámbito.

Ao longo da súa traxectoria investigadora ten recibido numerosos premios, entre os que cabe destacar o premio Jaume I de Novas Tecnoloxías, o Marie-Janot, o Novoa Santos e o María Josefa Wonenburguer. Tamén é membro de tres academias en España, a Real Academia Nacional de Farmacia, a Academia de Farmacia de Galicia e Real Academia Galega de Ciencias.

O prestixio da NAM

A National Academy of Medicine de Estados Unidos fundouse en 1970 baixo o nome de Instituto de Medicina a modo de organización independente integrada por profesionais relevantes de diversos campos, incluíndo a saúde e a medicina; as ciencias naturais, sociais e do comportamento, entre outras. Serve, Sirve xunto coa Academia Nacional de Ciencias e a Academia Nacional de Enxeñaría como asesor da nación e da comunidade internacional. Ocúpase de cuestións cruciais nos ámbitos da saúde, a ciencia e a medicina, así como das súas políticas asociadas, inspirando accións positivas con repercusión en todos estes sectores.

Os novos membros da Academia, ata un máximo de dez profesionais anualmente, son elixidos polos integrantes activos da mesma, a través dun proceso selectivo que recoñece a persoas con contribucións importantes ao avance das ciencias médicas, o coidado da saúde e a saúde pública. Na actualidade, pertencen a esta Academia máis de 2.000 integrantes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

A USC participa nun consorcio europeo para desenvolver vacinas nasais

Os grupos de Noémi Csaba e María José Alonso forman parte dunha iniciativa que quere evitar infecciósn respiratorias de alta prevalencia

Inmunoterapia contra o cancro máis letal: na busca de estratexias innovadoras

Santiago acollerá un congreso científico internacional que busca aplicar a nanotecnoloxía para o tratamento dos tumores cerebrais

María José Alonso, no podio das investigadoras máis influíntes do Estado

Ocupa o posto número tres na lista das mulleres científicas máis importantes en función do impacto das súas publicacións