Venres 19 Abril 2024

A bióloga Alba Aguión, na final dos monólogos de Famelab


“O humor é unha boa ferramenta para transmitir ciencia”. Así o cre a bióloga coruñesa Alba Aguión, que xa está na final do Famelab, o concurso internacional de monólogos científicos que organiza a Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT).

Por primeira vez, Galicia está representada na final deste certame, que ten un gran tirón. Na semifinal de Barcelona, houbo máis de 700 persoas. E os seus mellores monólogos rematarán no programa divulgativo ‘Órbita Laika‘, da 2 de TVE.

Publicidade

A peza de Alba Aguión titúlase ‘En defensa das chicharras’ e é unha divertida réplica á fábula grega de ‘A Chicharra e a Formiga‘, desde unha perspectiva zoolóxica.

Alba Aguión é licenciada en Bioloxía pola Universidade de Santiago, con dobre especialidade en Zooloxía e Bioloxía Mariña. Desde Setembro 2014 reside no Reino Unido, onde cursou un máster en Ecoloxía na cidade de York. Actualmente traballa para a compañía Education Through Expeditions (ETE) con sede en Plymouth. E o seu traballo consiste en visitar centros educativos en UK realizando talleres sobre o Àrtico e a ciencia polar, usando a súa experiencia como científica en Svalbard “para inspirar a estudantes e a xente nova, e tentar abrirlles a mente xa desde pequenos a ambicións e soños que quizá nunca pensarían. Para min a verdade só hai unha cousa mellor que facer o que che gusta, e é compartila”. Alba ten colaborado con artigos en GCiencia a través do grupo Ecoloxía Azul.

De formigas sabe dabondo Alba Aguión, porque na Universidade de York participou nun estudo científico sobre pesticidas contra a formiga invasora de xardín. Antes estudara os gases nos glaciares árticos e participou nunha campaña oceanográfica co IEO e o CSIC en Vigo.

– Tiña experiencia previa no escenario, por exemplo no teatro afeccionado?

-Non, non fago teatro. Creo que o meu traballo organizando obradoiros e dando charlas en coles sobre as Rexións Polares é o que me axudou a desenvolver a miña habilidade de falar en público. O demais foi practicar, practicar e practicar o meu monólogo ata aburrirme.

– Necesita a ciencia ser menos grave e achegar sentido do humor?

-Si, dende logo. Eu vexo o humor como unha boa ferramenta para transmitir ciencia. Encántame compartir o que sei de Bioloxía e sempre tentei complementar a obxectividade e a exactitude da ciencia con ferramentas como o humor, as metáforas ou as comparacións que me permitan crear pontes para chegar a un público non especializado. Creo que é importante saber transmitir emocións á hora de tentar que a ciencia prenda na nosa sociedade, aínda que no laboratorio haxa que usar cifras e datos exactos.

-Que espera da final?

-O meu obxectivo para a final é que a xente se emocione e se apaixone coas formigas. É un gran reto xa que teño só 3 minutos e a desvantaxe de que a xente ve as formigas como algo insignificante ou molesto. Pero non sería xusto para a fábula grega de Esopo non mencionar a súa outra parte.

A final espera a Alba Aguión o próximo 12 de maio en Madrid, cun novo monólogo. O gañador de Famelab representará a España no Cheltenham Science Festival que se celebrará en xuño no Reino Unido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España