Ilustración que determina a extensión da xeocorona. Fonte: Axencia Espacial Europea.
Ilustración que determina a extensión da xeocorona. Fonte: Axencia Espacial Europea.

A atmosfera da Terra chega alén da Lúa

Observacións da Axencia Espacial Europea e a NASA expoñen que a capa gasosa que rodea o noso planeta abrangue 630.000 quilómetros

Hai unha parte da atmosfera que vai alén da Lúa e esténdese a unha distancia de 630.000 quilómetros, case o dobre do que nos separa do satélite e 50 veces o diámetro da Terra. Así o expón a Axencia Espacial Europea nun comunicado no que anuncia o achado realizado a partir de datos do Observatorio Solar e Heliosférico (SOHO). “A Lúa voa pola atmosfera da Terra”, sostén Igor Baliukin, do Instituto de Investigación Espacial de Rusia, autor principal do artigo publicado no Journal of Geophysical Research: Space Physics. “Non caemos na conta ata que revisamos as observacións realizadas hai dous decenios pola nave SOHO”, explica o científico.

Onde a atmosfera se fusiona co espazo exterior, hai unha nube de átomos de hidróxeno chamada xeocorona. Un dos aparellos de SOHO, chamado SWAN, uso os seus sensores para trazar a pegada de hidróxeno e precisar o lonxe que estaban estes átomos na xeocorona.

E as observacións de SOHO revisadas polos científicos rusos acharon así a novidade. Estas medidas só podían realizarse, segundo explica a ESA, varias veces ao ano, cando a Terra e a súa xeocorona estaban ao alcance dos sensores de SWAN.

Nos planetas con hidróxeno na capa máis externa da súa atmosfera, como a Terra, Marte ou Venus, adoita verse vapor de auga máis preto da súa superficie. “Isto vai ser especialmente interesante cando observemos planetas con posibles reservas de auga alén do Sistema Solar”, explica Jean-Loup Bertaux, co autor da investigación e antigo investigador principal de SWAN.

A evidencia desta gran extensión da atmosfera queda agora ao descuberto ao reparar na imaxe da Terra tomada desde o satélite polos astronautas do Apolo 16 en 1972. Era unha fotografía moi evocadora da xeocorona rodeando a Terra e brillando de forma intensa na luz ultravioleta. “Naquel tempo, os astronautas descoñecían que estaban dentro dos confíns da xeocorona”, conta Bertaux.

Ilustración de SOHO, observatorio solar que achegou os datos para o novo estudo sobre a atmosfera e a xeocorona. Fonte: ESA/NASA.
Ilustración de SOHO, observatorio solar que achegou os datos para o novo estudo sobre a atmosfera e a xeocorona. Fonte: ESA/NASA.

Nube de hidróxeno

Tal e como explica a ESA, o Sol interactúa cos átomos de hidróxeno a través dunha lonxitude de onda particular, chamada Lyman-alfa,que os átomos poden absorber e emitir. Como esta luz é tamén absorbida pola atmosfera da Terra, só se pode observar desde o espazo.

Grazas ao seu instrumento de absorción de hidróxeno, o SWAN puido medir de xeito selectivo a luz Lyman-alfa da xeocorona e peneirar os átomos de hidróxenos máis afastados do espazo interplanetario.

Deste xeito, o novo estudo revelou que a luz solar comprime os átomos de hidróxeno na xeocorona no lado diurno da Terra, e produce tamén unha rexión de maior densidade no lado nocturno. A zona máis densa na parte diurna é escasa, cuns 70 átomos por centímetro cúbico a 60.000 km sobre a Terra e de 0,2 átomos á áltura da Lúa.

“Na Terra chamaríamolo baleiro, así que esta fonte extra de hidróxeno non é significativa como para facilitar a exploración espacial”, conta Igor Baliukin. Con todo, a boa noticia é que estas partículas non representan unha ameaza para os astronautas en futuras misións de exploración da Lúa. “Hai tamén radiación ultravioleta asociada á xeocorona, xa que os átomos de hidróxeno dispersan a luz solar en todas direccións, pero o impacto sobre os astronautas na órbita lunar sería insignificante comparado coa radiación principal, a do Sol”, aclara Jean-Loup Bertaux.

Con todo, hai parte negativa: a xeocorona podería interferir con futuras observacións astronómicas realizadas preto da Lúa. “Os telescopios espaciais que traballan no ultravioleta para estudar a composición química das estrelas e galaxias deberían ter isto en conta”, di o astrónomo francés.

A importancia dos arquivos

No seu comunicado, a ESA destaca a importancia de conservar os arquivos das medicións realizadas no pasado, como as de SOHO, lanzado en decembro de 1995. O observatorio, que estudou o núcleo do Sol, a coroa e o vento solar, foi quen achegou os datos que agora axudan a este descubrimento. “A miúdo, os datos arquivados hai moitos anos poden axudar nas novas investigacións”, conta Bernard Fleck, científico do proxecto SOHO. “Este achado remarca o valor dos datos recollidos hai 20 anos e o gran traballo de SOHO”, conclúe Fleck.

Referencias: 

– Earth’s atmosphere stretches out to the Moon – and beyond (ESA, 20 de febreiro de 2019).

– SWAN/SOHO Lyman-α mapping: the Hydrogen Geocorona Extends Well Beyond The Moon (Publicado en Journal of Geophysical Research: Space Physics).

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.