Venres 29 Marzo 2024

10 nomes, ningunha muller: desigualdade patente nos Premios Nacionais de Investigación

Todas as modalidades dos galardóns convocados polo Ministerio de Ciencia e Innovación manteñen os nomes de 10 homes

O Ministerio de Ciencia e Innovación convocou a pasada semana unha nova edición dos Premios Nacionais de Investigación, que segundo indica o propio Goberno español “recoñecen o mérito daqueles investigadores e investigadoras de nacionalidade española que estean a realizar un labor destacado en campos científicos de relevancia internacional e que contribúan de forma significativa ao avance do coñecemento científico e ao progreso da Humanidade”. Porén, a súa convocatoria xerou unha notable resposta por parte da comunidade investigadora por mor da desigualdade patente nos nomes de cada unha das modalidades; son o recoñocemento a científicos de contrastada traxectoria, mais con un detalle engadido: todos son homes.

A situación ten a súa orixe na creación dos galardóns, en 1982, coa convocatoria do Premio Nacional de Investigación “Santiago Ramón e Cajal“, na honra do Nobel de Medicina en 1906, e posteriormente fóronse creando outras categorías. Máis adiante entraron na listaxe os premios “Ramón Menéndez Pidal” na área de Humanidades (desde 1983), “Leonardo Torres Quevedo” na área de Enxeñarías (desde 1983), “Gregorio Marañón”, na área de Medicina (desde 1997), “Enrique Moles”, na área de Ciencia e Tecnoloxía Químicas (desde 2001); “Alejandro Malaspina”, na área de Ciencias e Tecnoloxías dos Recursos Naturais (desde 2001), “Julio Rey Pastor”, na área de Matemáticas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (desde 2001), “Juan de la Cierva”, na área de Transferencia de Tecnoloxía (desde 2001), “Blas Cabrera”, na área de Ciencias Físicas, dos Materiais e da Terra (desde 2001) e o “Pascual Madoz”, na área de Dereito e Ciencias Económicas e Sociais (desde 2002).

Publicidade

Este panorama foi criticado por colectivos como Investigal, que salientaron a desigualdade presente nesta convocatoria e, ao tempo, propuxeron a través das redes que cada persoa propuxese un nome “dunha muller investigadora que merece que un premio leve o seu nome”. Así, xurdiron propostas como as de María Blasco, Margarita Salas, María Wonenburger ou Ángeles Alvariño, entre outras.

Os Premios Nacionais de Investigación están dotados con 30.000 euros en cada unha das súas categorías. É a segunda vez que se convocan as 10 categorías no mesmo ano, o que fixo aínda máis patente, nesta ocasión, a desigualdade no nome de cada unha das disciplinas. O Goberno español anunciou tamén que en 2022 se convocará unha categoría dirixida a mozos e mozas investigadoras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desigualdade de xénero na ciencia: “En Galicia somos pioneiras pero nunca o puxemos en valor”

As investigadoras Montserrat Díaz-Raviña e Cristina Caruncho denuncian a falta de diversidade, sobre todo no eido da edafoloxía

Organizacións de investigadores esixen ampliar o dereito a indemnización na Lei da Ciencia

A proposta do Goberno excluiría a máis de 15.000 mozos con contratos xa en vigor

A fenda de xénero na carreira científica: unha problemática que require visibilidade

Arrincan as xornadas A luz da ciencia, que aborda inxustizas como a ausencia de referentes femininos nos libros de texto da ESO

Por unha carreira estable e enteira: as reclamacións dos investigadores galegos a Feijóo

A precariedade do sector e a autonomía da figura do investigador foron algúns dos temas da primeira reunión entre InvestiGal e o presidente da Xunta