Venres 29 Marzo 2024

Grelos e verzas contra o cancro e o envellecemento

En ciencia, chámanse ‘brásicas’, aínda que este nome non vas atopalo no posto de verduras. Alí levan a súa denominación común: grelos, verzas, coliflor, brócoli ou repolo. Son algunhas das 37 especies de brásicas, que nos últimos anos revélanse como un dos alimentos máis saudables. Teñen sustancias que poden previr o cancro, xunto a outras que retrasan o envellecemento. De feito, constitúen boa parte do éxito da chamada ‘Dieta Atlántica’, a propia de Galicia. Un novo estudo ven de demostrar que cada composto biosaudable se concentra nunha parte da planta: follas, tallos, brotes. Así que convén comelas todas. E ábrese a porta a melloralas para que sexan aínda máis eficaces.

As virtudes do grelo volven ser comprobadas.
As virtudes do grelo volven ser comprobadas.

O estudo é a tese doutoral realizada por Tamara Sotelo Pérez na Misión Biolóxica de Galicia, en Pontevedra, un centro pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O traballo avanzou no coñecemento dos xenes implicados na síntese e regulación de compostos biosaludables nas brásicas e observou que as follas destes cultivos posúen maior capacidade antioxidante e os brotes maior concentración de glucosinolatos, que son anticanceríxenos.
Estes resultados, que se publicaron en revistas científicas de impacto como “Plos One“, apuntan cara á recomendación dun consumo habitual de brásicas que inclúa diferentes partes destas e abren novas posibilidades para programas de mellora xenética enfocados a incrementar a calidade nutricional destes cultivos a través da modificación tanto do contido de glucosinolatos coma de compostos antioxidantes.
A tese, con mención internacional, “Brassica oleracea como fonte de compostos biosaludables: aproximación xenética”, realizouse baixo a dirección de Elena Cartea González, investigadora científica do CSIC, e Pilar Soengas Fernández, científica do CSIC. Defendeuse recentemente na Universidade de Vigo.

O traballo abre a porta a mellorar grelos ou berzas para facelos aínda máis saudables

“O xénero Brassica está integrado por 37 especies e numerosos cultivos, entre os cales destacan pola súa importancia económica o grelo, berza, repolo, coliflor ou brócoli. Constatouse que o seu consumo regular ten un efecto beneficioso para a saúde grazas ao seu contido en determinados compostos biosaludables. Neste contexto, a tese centrouse en estudar e identificar os xenes implicados no contido nestes compostos, o que abre novas posibilidades aos programas de mellora xenética da especie, ata agora enfocados na produtividade, a resistencia a enfermidades, a uniformidade do produto e a calidade comercial”, explica Tamara Sotelo Pérez, autora da tese.
Por iso, un dos principais obxectivos da investigación foi incrementar o coñecemento das bases xenéticas da actividade antioxidante (fundamentalmente, compostos fenólicos e carotenoides) e dos compostos glucosinolatos para non só coñecer a súa síntese e regulación, senón para poder modificar a súa concentración en futuros programas de mellora xenética e obter cultivos cun perfil de antioxidantes e/ou glucosinolatos específico.
Por unha parte, realizouse un estudo e busca de rexións do xenoma implicadas na actividade antioxidante en brásicas e na acumulación e composición de glucosinolatos en diferentes órganos de Brassicaoleracea. Todo iso co fin último de identificar posibles xenes relacionados.
“O estudo dos compostos biosaludables presentes nas brásicas revelou que a concentración dos compostos varía en función do órgano da planta. Así, o coñecemento das bases xenéticas da súa síntese e regulación ofrece a posibilidade de manipular os perfís de glucosinolatos para incrementar aqueles con propiedades beneficiosas para a saúde humana e obter un material xenético cun perfil en glucosinolatos desexado”, destaca a autora da tese.

Publicidade

A investigación confirma os resultados sobre os beneficios da ‘Dieta Atlántica’

Tamén se realizou un estudo pioneiro que analizou a relación entre os diferentes métodos científicos empregados actualmente para medir a actividade antioxidante dun cultivo (entre eles, o ABTS, FRAP e DPPH) co contido en compostos fenólicos, carotenoides e antocianinas. Os datos obtidos indican que aínda que os resultados dalgúns métodos son comparables entre si, é conveniente empregar varias técnicas para unha correcta avaliación da actividade antioxidante dun cultivo.
A autora Tamara Sotelo Pérez (Bueu, 1985) é licenciada pola Universidade de Vigo (2009) e doutora en Bioloxía con mención internacional pola mesma universidade (2015). No ano 2010 incorporouse á MBG para realizar a súa tese doutoral no Grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de brásicas. Ademais neste período completou a súa formación realizando estadías de investigación en centros de referencia no estranxeiro, como a Universidade de Lausanne (Suíza) e o centro de excelencia DYNAMO de Copenhague (Dinamarca).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

Un composto natural reduce o impacto da seca e mellora a produtividade do tomate

Un equipo do CSIC e da UPV descobre como actúa o butanoato de hexenilo, un aroma que emiten estas plantas para resistir ás bacterias

Como usar datos históricos para a conservación de especies: así é a nova metoloxía con pegada galega

A UVigo e o CSIC proban un método en escaravellos coprófagos ibéricos que permite comprender a súa resposta a cambios ambientais