Venres 29 Marzo 2024

Xerais abre a porta á divulgación científica en galego

4.400 títulos e millóns de exemplares despois, tal e como destacaba Manuel Bragado, director da editorial, Xerais deu o paso para achegar ao gran público unha colección baseada na divulgación científica. O 14 de marzo presentouse na libraría Couceiro de Compostela Xerais Básicos Ciencia, que nace con intención de estenderse durante moito tempo, co obxectivo de fortalecer o galego como lingua de ciencia.

Os presentes coincidiron en sinalar que o xurdimento deste proxecto supón abrir unha nova porta para a lingua e para a ciencia en Galicia. “É un día de moita ledicia”, sinalou Bragado, engadindo que esta colección xurde cunha “clara intención normalizadora”. Estivo acompañado polo director da colección, Miguel Vázquez Freire, e polos tres autores que inauguraban esta nova nova andaina: Xurxo Mariño, Daniel Soutullo e Antom Labranha. Miguel Vázquez apuntou que o obxectivo de Xerais Básicos Ciencia é procurar que o público “desexe ler” divulgación científica.

Publicidade

Os tres primeiros libros (aos que sucederán dous ou tres títulos cada ano, segundo adiantou o director de Xerais) puxéronse á venda nas librarías. O primeiro autor en falar durante a presentación foi Daniel Soutullo, autor de Historia do ADN, un percorrido polos avances científicos que foron descubrindo a natureza desta estrutura, desde os avances de Watson e Crick ata o desenvolvemento do sistema CRISPR. Soutullo, profesor de Bioloxía e Xeoloxía, sinalou que o obxectivo é “divulgar sen empobrecer”, para evitar o “coñecemento falso” e a “deformación da natureza” do ADN.

Tomou a palabra a continuación Antom Labranha, que publica O universo matemático. Labranha, profesor e Doutor en Matemáticas, explica na súa obra os fundamentos, a evolución e o papel que os contidos matemáticos teñen na ciencia e na cultura. A carreira de Aquiles e a tartaruga, o voo de Ícaro, un paseo por Monforte ou unha aposta nunha lancha de Marín poden servir, segundo o autor, para explicar algúns dos contidos que teñen que aprender os estudantes de Bacharelato. “Quero que os lectores observen desde un novo punto de vista eses contidos”, sinalou Labranha.

Pechou a rolda de presentacións Xurxo Mariño, autor de Terra, un libro que mestura literatura de viaxes, antropoloxía, historia e, por suposto, ciencia. A obra é froito dunha viaxe de Mariño (doutor en Ciencias Biolóxicas, experto en Neurofisioloxía e coñecido divulgador) por todo o mundo. O autor remarcou que no mundo actual “é preciso ter coñecementos científicos para poder ser cidadáns, para saber separar o que é ciencia do que non o é”. Por iso é importante, como explicou Mariño, a necesidade de comunicar a ciencia para combater o descoñecemento.

A colección saíu á venda cunha primeira tirada de arredor de entre 600 e 1.500 exemplares, que tamén se repartirán por bibliotecas públicas e de centros  de ensino.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cinco libros para agasallar ciencia este Nadal

Unha listaxe con opcións para adultos e nenos que mostra o mundo científico e a súa historia en lingua galega

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

Altofalantes da lingua e da ciencia

Estimados colegas e amigos de Gciencia: Antes de nada, gustaríame darvos os...

A divulgación científica espállase polos campus da UVigo con máis de 15 actividades

O programa 'Ciencia de ida e volta', de carácter eminentemente experiencial, inclúe concursos, obradoiros e unha feira científica