Xoves 28 Marzo 2024

Os galegos da XXX Campaña Antártica

Os investigadores de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo Mariano Lastra, Jesús Souza Troncoso e Jesús López, xunto con Luis Sampedro, do CSIC, participaron na XXX Campaña Antártica Española durante o verán austral. Desenvolveron alí un dos proxectos seleccionados polo Ministerio de Economía e Competitividade dentro da convocatoria de investigación polar 2016/2017.

Saíron de Vigo cara Madrid, para voar despois a Santiago de Chile e logo a Punta Arenas, desde onde embarcaron no buque oceanográfico Hespérides cara a Illa Decepción, a que foi súa casa e o seu laboratorio durante un mes.

Publicidade

Os científicos da UVigo nunha campaña anterior.
Os científicos da UVigo nunha campaña anterior.

Tardaron arredor dunha semana en chegar á base española Gabriel de Castilla, na Illa Decepción, o día 10, xusto unha semana despois da súa partida dende Galicia. O Hespérides, xunto co Sarmiento de Gamboa, con base en Vigo, foi un dos buques que apoiou aos científicos desde o mes de decembro, encargándose do relevo dos diferentes equipos científicos e do material.

Os científicos realizaron un estudo sobre as algas na Antártida

O proxecto Procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición de algas en intermareais sedimentarios, coordinado polo profesor Mariano Lastra, conta cun orzamento de 50.000 euros e tres anos de duración. Para o docente, a campaña que comezou en febreiro supuxo a sétima expedición ao continente xeado, a segunda dentro do mesmo proxecto (outras cinco desenvolvéronse baixo o paraugas de dous proxectos anteriores). Sobre o estudo que realizaron nesta ocasión, os científicos vigueses explican que “as praias son ambientes de baixa produtividade, é dicir, que teñen moi pouca vexetación mariña e terrestre, pola que a chegada de algas representa un subministro de alimento que sostén boa parte da cadea alimenticia”. É dicir, que as algas varadas serven como refuxio dun gran número de especies de pequeno tamaño e axudan ademais a conservar as praias ao acumular ao seu redor gran cantidade de area, que doutra forma sería arrastrada polo vento e as ondas.

Base Gabriel de Castilla en Illa Decepción.
Base Gabriel de Castilla en Illa Decepción.

Estes fenómenos, amplamente estudados noutras zonas do planeta, non o foron tanto no litoral Antártico, e este foi o xermolo do proxecto vigués. Subliñaban os docentes que os datos previos apuntan á relevancia ecolóxica do varamento destas algas na costa, vinculada á enorme produtividade dos mares antárticos. O obxectivo do equipo galego foi valorar a importancia das grandes algas antárticas (macroalgas) na ecoloxía do litoral de Illa Decepción e os resultados que obtiveron poden ser extrapolables a amplas zonas do litoral antártico que carecen de xeo durante o verán.

Os científicos remarcaron a importancia de que Illa Decepción sexa un “sistema de caldeiras volcánicas colapsado e ocupado polo mar”. Isto ten como consecuencia unha importante actividade xeotérmica, que ofrece “unhas condicións moi peculiares nas que se combinan climatoloxía polar, riqueza biolóxica e vulcanismo, algo difícil de atopar noutras zonas do planeta”. No estudo, analizaron o proceso de descomposición da algas en zonas nas que existe quentamento de orixe volcánica, e os resultados axudarán nun futuro a interpretar os grandes cambios que está sufrindo a Antártida en termos de cambio climático. De feito, un dos aspectos aos que o equipo galego prestou máis atención foron as emisións de gases de efecto invernadoiro durante os procesos de descomposición das algas, xa que a previsión é que a presenza destes gases na atmosfera aumente en forma significativa nas próximas décadas vindeiras, un fenómeno especialmente evidente e preocupante en contornas polares.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

Un composto natural reduce o impacto da seca e mellora a produtividade do tomate

Un equipo do CSIC e da UPV descobre como actúa o butanoato de hexenilo, un aroma que emiten estas plantas para resistir ás bacterias

Como usar datos históricos para a conservación de especies: así é a nova metoloxía con pegada galega

A UVigo e o CSIC proban un método en escaravellos coprófagos ibéricos que permite comprender a súa resposta a cambios ambientais